O 29 de marzo de 1995 inaugurábase a ponte internacional entre Salvaterra de Miño e Monção, unha infraestrutura fundamental para a comarca e para a mellora das comunicacións entre Galicia e o Norte de Portugal. Ao mesmo tempo, unha ducia de centros educativos de ambas as marxes do ría realizaban unha xornada de radio interescolar que chamaron Ponte…nas Ondas!. Unha vez resolta a comunicación xeográfica a través da nova ponte, era necesaria unha comunicación directa, verbal, entre os mozos e mozas de Galicia e o Norte de Portugal, unha comunicación que se podía facer posible a través da radio, Foron 12 horas de radio, emitidas dende dous estudios situados na Casa da Cultura de Salvaterra de Miño e na emisora Ecos da Raia, en Monção.
Pasaron xa 20 anos dende esa xornada "experimental" de radio, e a iniciativa Ponte…nas Ondas! (PNO) segue activa, crecendo e multiplicando as súas actividades. O vindeiro 27 de marzo PNO conmemorará o seu vixésimo aniversario no mesmo lugar no que naceu, a Casa da Cultura de Salvaterra de Miño, co descubrimento dunha placa conmemorativa e cun programa de radio especial no que intervirán moitos dos colaboradores habituais e persoas que nestas dúas décadas participaron na iniciativa.
O vindeiro 27 de marzo PNO conmemorará o seu vixésimo aniversario no mesmo lugar no que naceu, a Casa da Cultura de Salvaterra de Miño, co descubrimento dunha placa conmemorativa e cun programa de radio especial
Neste tempo a experiencia impulsou e presentou ante a UNESCO a candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués para ser recoñecida como Obra mestra do Patrimonio Inmaterial, un fermoso proxecto de novo en marcha. En conversa con Praza hai uns meses Santiago Veloso, máximo responsable da iniciativa, dicía confiar en que desta volta a cultura galego-portuguesa si acade a distinción da Unesco: "Dez anos despois de presentar aquela candidatura mudaron moitas cousas. Esta é unha candidatura que ten sobrados argumentos para ser considerada patrimonio da humanidade". "Ademais" -engadía- "a candidatura parte da sociedade civil e sobre todo dos centros educativos. Non hai outra candidatura que estea promovida por centros educativos de dous países".
Así mesmo, obtivo numerosos recoñecementos, o máis recente o Premio Ondas recibido o pasado ano. Continuou realizando todos os anos a xornada radiofónica que constitúe a súa base e razón de ser orixinal; na última, a vixésima edición, emitida dsde o auditorio central da Universidade de Vigo, participaron máis de 60 centros educativos e máis de 15 estudios de radio locais e escolares de varios países. Ademais, foi quen de editar varias publicacións, coma o disco Meniños Cantores, en 2005, de organizar o congreso Pontes de Cultura, Pontes de Futuro, ou de realizar un videoclip sobre a ponte de Tui-Valença, a máis antiga entre Galicia e Portugal con máis de 500 mozos e mozas interpretando o que xa constitúe o himno de Ponte...nas ondas!, Máis perto, un tema composto por Uxía e Segundo Grandío para o X aniversario.