"A pesar da retórica sobre a eurorrexión, na práctica seguimos igual. Nós somos máis de facer que de falar"

Unha das edicións de Ponte nas Ondas © Ponte nas Ondas

Este martes 25 de novembro será unha data especial para o proxecto de Ponte...nas ondas!. En Vigo celebrará unha nova edición, a duodécima, da Mostra de Oralidade Galego-Portuguesa, un evento que todos os anos reúne un gran número de rapaces e rapazas de centros de ensino de Galicia e do Norte de Portugal para amosarlles significativos exemplos de voces do patrimonio inmaterial galego-portugués. Pero este ano, ademais, nesta mesma data os impulsores desta iniciativa pedagóxica e cultural recollerán en Barcelona o Premio Ondas á mellor cobertura informativa, un dos meirandes recoñecementos recibidos até agora polo proxecto.

“Foi unha feliz coincidencia”, destaca dende a propia cidade condal Santiago Veloso, máximo responsable desta iniciativa de recuperación e difusión da cultura común a ambas as dúas beiras do Miño. "Foi toda unha sorpresa para nós, sobre todo tando en conta que non somos unha experiencia profesional de comunicación", subliña. O acto de entrega terá lugar ás 19 horas Teatro Liceu de Barcelona, presentado polos  xornalistas Jesús Gallego (Carrusel deportivo) e Macarena Berlín (Hablar por hablar) e poderase seguir en directo a través da canle Divinity.

"Ás veces en Galicia hai unha falta de perspectiva, de ver o que hai aquí, e unha falta de apoio a unha iniciativa da que podemos presumir"

Veloso destaca que xa no pasado algúns dos primeiros recoñecementos ao labor de Ponte nas Ondas viñeran dende Cataluña, en concreto a través do programa de Julia Otero La radio de Julia, daquela líder da radio en España. "Nós levabamos xa tres edicións de Ponte nas Ondas, cun grande éxito de participación das escolas, pero ninguén nos coñecía, ninguén nos apoiaba, ninguén nos facía caso", lembra Veloso. A difusión que a conexión en directo que a xornalista nacida en Monforte realizou co estudio escolar instalado na Casa da Cultura de Salvaterra incrementou o interese de medios de comunicación de Galicia e de todo o Estado por esta iniciativa.

"Ás veces en Galicia hai unha falta de perspectiva, de ver o que hai aquí, e unha falta de apoio a unha iniciativa da que podemos presumir", láiase Veloso. “Máis que a cuestión do recoñecemento, que non é o que buscamos, detectamos ás veces unha certa incomprensión. Non sei se é que no noso traballo fallou a comunicación. Pero si que houbo e hai falta de coñecemento dunha experiencia singular e útil. E única, porque non existía en ningún outro lugar unha experiencia que unise a educación, o patrimonio, as novas tecnoloxías, os medios de comunicación e o traballo activo coa radio", explica.

 

Obxectivo: 25 de novembro de 2015

O Premio Ondas chega ademais nun momento inmellorable para esta iniciativa, embarcada nun novo intento para que o patrimonio inmaterial galego-portugués sexa recoñecido pola Unesco, despois de que hai dez anos a proposta non fose aceptada, en parte polo limitado apoio do Goberno portugués á proposta. Porén, Santiago Veloso confía en que desta volta a cultura galego-portuguesa si acade esta distinción: "Dez anos despois de presentar aquela candidatura mudaron moitas cousas. Entre outras, que entrou en vigor a convención para a salvagarda do patrimonio inmaterial. E con esa convención cambiou tamén o procedemento para o proceso de inscrición na lista representativa. O procedemento é máis áxil, máis transparente, sobre todo pensando nunha proposta coma a nosa, que é transnacional", destaca Veloso. 

Santiago Veloso confía en que desta volta a cultura galego-portuguesa si acade esta distinción: "Dez anos despois de presentar aquela candidatura mudaron moitas cousas"

Explica que "a propia Unesco valora e incentiva este carácter transnacional. Fixeron unha autocrítica no senso de que no pasado potenciaran moito as inscricións nacionais, pero iso fixo que cada país fose ao seu, tentando inscribir as súas manifestacións, quedando relegadas as propostas multinacionais por falta de apoio. Para corrixir iso, mesmo na súa web destacan unha aplicación online para fomentar a presentación de propostas compartidas entre varios países".

"Esta é unha candidatura que ten sobrados argumentos para ser considerada patrimonio da humanidade. Sempre llelo digo aos meus alumnos: o patrimonio inmaterial galego portugués é patrimonio da humanidade e xa o era na Idade Media, a través da lírica que produciu. E agora é evidente que ese patrimonio oral aínda está vivo e aínda é común ás dúas beiras", salienta. "Outro dos valores desta candidatura é que parte da sociedade civil e sobre todo dos centros educativos. Non hai outra candidatura que estea promovida por centros educativos de dous países", engade.

A campaña, que foi presentada o mes pasado no Consello da Cultura Galega, buscará nos vindeiros meses ir sumando apoios sociais e institucionais. A campaña traballará até o 25 de novembro de 2015 nunha mobilización de apoios para acadar o obxectivo ante a UNESCO. No marco desta campaña comezará a funcionar un novo portal web (patrimonio.org), que recollerá a riqueza do patrimomio inmaterial galego-portugués. Na presentación Santiago Veloso fixo un chamamento especial á participación "das escolas, que foron dende o inicio o motor desta locomotora que non parou" pero tamén "ás persoas, que son as portadoras deste patrimonio" e "ás institucións en todos os seus niveis, para que fagan parte da historia da eurorrexión".

"Cremos que é importante e é posible implicar á sociedade da Galicia e de Portugal neste proxecto, e tamén noutros países nos que este patrimonio tamén está presente. Refírome a todos os países da lusofonía"

A campaña, destaca, terá un importante compoñente "viral", para implicar a capas máis amplas da sociedade. "No ano 2004 aínda non existían as redes sociais, o peso de Internet non era tan importante", sinala Veloso. "Cremos que é importante e é posible implicar a sociedade da Galicia e de Portugal neste proxecto, e tamén noutros países nos que este patrimonio tamén está presente. Refírome a todos os países da lusofonía, comezando por Brasil", engade. "Hai argumentos de sobra para pensar que é factible e cremos que podemos estar cerca", conclúe.

Antes, terá que superar as barreiras e obstáculos aínda existentes, algúns ideolóxicos e sociais, pero tamén legais e burocráticos. A fronteira entre Galicia e Portugal é apenas unha liña nos mapas, pero segue tendo implicacións que se sofren na práctica. Santiago Veloso exemplifícao cunha anécdota: "Para que as escolas que van vir dende o norte de Portugal (de Caminha, Melgaço, Cerveira, Valença e Monçao) á Mostra de Oralidade Galego-Portuguesa puidesen estar en Vigo este martes, tiveron que superar uns atrancos burocráticos tremendos. Este tipo de actividades séguense considerando unha saída ao estranxeiro, teñen que pedila a Lisboa cun mes antelación, coma se fosen a Berlín ou a Moscova".

"A pesar de toda a retórica que hai sobre a eurorrexión, de tantos anos de enchérsenos a boca, na práctica seguimos igual. Nós somos máis de facer que de falar e de especular sobre a eurorrexión"

"A pesar de toda a retórica que hai sobre a eurorrexión, de tantos anos de enchérsenos a boca, na práctica seguimos igual. Nós somos máis de facer que de falar e de especular sobre a eurorrexión", destaca. "Hai que facer: xuntar as escolas, que os nosos rapaces vaian alá, que os de alá veñan aquí. A Mostra de Oralidade é un evento único onde os rapaces galegos van escoitar falar en portugués, e os portugueses van escoitar falar en galego e vanse decatar de que entenden todo perfectamente". "Cando nos proxectos só hai cartos e non hai nada detrás, a cousa acaba como acaba. Este tipo de accións tan simples, simples no sentido de que non requiren grandes investimentos, son as máis efectivas e son as que hai que promover", conclúe.

 

XII Mostra de Oralidade Galego-Portuguesa

"Este tipo de accións tan simples, simples no sentido de que non requiren grandes investimentos, son as máis efectivas e son as que hai que promover"

O Auditorio Afundación de Vigo acollerá este martes a partir das 11.30 horas a XII Mostra de Oralidade Galego-Portuguesa, unha actividade á que asistirán centros educativos de Caminha, Vilanova de Cerveira, Valença do Minho, Monçao, Melgaço, Salvaterra de Miño, Nigrán e Vigo. O evento está dirixido aos máis novos e novas "para que teñan a oportunidade de escoltar baixo diferentes voces as palabras do seu patrimonio común". Artistas e agrupacións galegas e do norte de Portugal amosarán exemplos de naarración oral, cantos, danzas, música, xogos de lingua e teatro popular. 

O compositor e intérprete Xoán Curiel será o encargado de realizar un percorrido pola voces da lusofonía e achegará contos e cancións de diferentes países que comparten este patrimonio común. O músico e actor galego Paco Nogueiras centrará a súa intervención nas celebracións anuais (Entroido, San Xoán, Romarías, Samaín, Nadal) e nos xogos populares, interpretando cancións cunha ampla variedade de ritmos. A Associaçao Cultural Fértil, de Povoa de Varzim, realizará unha teatralización de diversas historias e contos tradicionais portugueses. O grupo Migallas, un dos veteranos na expresión oral en galego, interpretarán temas con xogos de lingua e contarán relatos e adiviñas da cultura tradicional común.

A actividade desenvólvese dentro da campaña pola inscrición na Lista Representativa da UNESCO do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués

A actividade desenvólvese dentro da campaña pola inscrición na Lista Representativa da UNESCO do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. Nos seus doce anos de historia este evento pasou por Vigo, Paredes de Coura, Pontevedra, Melgaço, O Porriño ou A Guarda, e nel participaron artistas de Portugal, Brasil, Angola, Mozambique e Galicia, como Amélia Muge, Vozes da Rádio, Cantares do Minho, Augusto Canário, Socorro Lira, Alberto Mbundi, Timbila Muzimba, Xistra, Uxía, Mini e Mero ou Mercedes Peón. 

A delegación galega, na Unesco hai 10 anos CC-BY-SA Ponte... nas ondas
Acto de Ponte nas Ondas! na fortaleza de Valença CC-BY Ponte nas Ondas
Santiago Veloso (Ponte…nas ondas!) Dominio Público Praza Pública
Unha das edicións de Ponte nas Ondas © Ponte nas Ondas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.