Era o ano 1995 e un grupo de tolos e tolas tiveron a idea de facer un programa de radio conxunto entre centros de ensino de Galicia e do norte de Portugal, nomeadamente do espazo miñoto. Foi a primeira edición dunha experiencia educativa e de comunicación que este venres celebrará a súa décimo novena entrega. Unha iniciativa pioneira en moitos sentidos, tanto no relativo ao coñecemento mutuo entre Galicia e o mundo lusófono coma no que respecta ao uso das novas teconoloxías.
Ponte nas Ondas foi crecendo, en número de participantes, en horas de emisión, en formatos (dende hai uns anos a práctica totalidade dos traballos son audiovisuais), e en obxectivos, diversificando as súas actividades e emprestando unha atención especial, por exemplo, aos xogos tradicionais. Este venres a partir das dez da mañá poderán verse a través da súa web e á colaboración da Uvigo-TV da Universidade de Vigo os traballos enviados polos centros participantes nesta nova edición, colexios de Chile, Colombia, Brasil, Arxentina, Portugal e Galicia. A novidade este ano é que dende primeira hora se poderá acceder a todos os programas, sen agardar ao seu lugar na programación continuada.
A novidade este ano é que dende primeira hora se poderá acceder a todos os programas, sen agardar ao seu lugar na programación continuada
Ademais dos traballos realizados polas escolas, poderán visionarse experiencias realizadas por asociacións e entidades que están a traballar na dinamización e difusión do noso patrimonio lúdico. Tamén se emitirán programas de xogos e brinquedos tradicionais desde outras comunidades como Cataluña ou Euskadi. Ademais, a XIX edición de Ponte...nas ondas! adiantará os contidos e o programa de Ludaria, o Festival Europeo de Xogos tradicionais que a Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais celebrará en Ourense do 20 ao 23 de xuño. Xa o pasado 24 de maio Melgaço acolleu o V Encontro de Xogos Tradicionais Galego-Portugueses, reunindo a máis de cincocentos alumnos que tiveron a oportunidade de coñecer e gozar cos brinquedos e os xogos populares.
Este ano tamén se levaron a cabo outras actividade vinculadas cos obxectivos que persegue Ponte nas Ondas, coma o Festival Internacional de Teatro Ponte na Escena, que a pasada fin de semana acolleu en Gondomar compañias galegas, portuguesas e brasileiras. Ou as presentacións públicas de Na Ponte ao vivo!, unha actividade lúdica, enfocada ao público infantil-xuvenil, que consiste na escenificación dun programa de radio en directo, conducida por Xurxo Souto. Como destaca Santi Veloso, máximo responsable de Ponte nas Ondas, "este formato que chamamos radio-visual está tendo bastante éxito porque integra todos os elementos cos que traballamos: educación, patrimonio, as tic e os medios de comunicación". E todo acompañado do libro-cd-dvd Na Ponte, "que recolle todo que ten sido Ponte nas Ondas nestas dúas décadas".
Santi Veloso sinala que "parece que o recoñecemento chega dende fóra. E é unha pena que os medios galegos non valoricen o traballo de Ponte nas Ondas e de todos os profesores, alumnos e familias"
Ponte nas Ondas colabora activamente coa Universidade de Vigo e no seu 15º aniversario celebrou un nutrido congreso. Tamén acadou varios recoñecementos internacionais, coma o do EBLUL (European Bureau for Lesser Used Languages), e galegos, tanto por parte da Xunta coma da AELG. E promoveu a Candidatura Multinacional do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués para obter o recoñecemento internacional da UNESCO. Pero mesmo con todo isto dá a impresión de que a súa relevancia social e mediática en Galicia é moito menor do que merece pola amplitude dos seus logros e polo carácter pioneiro da iniciativa.
Neste senso, Santi Veloso sinala que "parece que o recoñecemento chega dende fóra. E é unha pena que os medios galegos non valoricen o traballo de Ponte nas Ondas e de todos os profesores, alumnos e familias". Lembra que "no ano 99 Julia Otero, que era a líder da radio en España, deu a coñecer Ponte nas Ondas en todo o Estado con dúas conexións seguidas no seu programa" ou que "hai catro anos Gemma Nierga levou a Manu Chao ao estudio de Barcelona porque Ponte nas Ondas llo propuxo e conectou en directo dende alí". Veloso tamén fai fincapé en que "en 1998, cando ninguén emitía por internet, Ponte nas Ondas fíxoo, grazas a Telefónica" e que "tamén foi pioneiro emitir en televisión a través da rede, nas edicións que fixemos na Universidade de Vigo".
"No 2014 imos volver facer radio en directo e imos promover a iniciativa no Brasil"
No 2014 Ponte das Ondas celebrará a súa vixésima edición e de seguro que será especial. Santi Veloso di que "xa está moi pensado porque é unha data moi esperada para nós" e anticipa que "imos volver á radio, sen abandonar o audiovisual, imos volver facer radio en directo". Tamén sinala o obxectivo de promover a iniciativa no Brasil, de onde xa levan anos recibindo programas. O vindeiro ano presentarase en Brasil Cores do Atlántico, o libro-disco sobre as cantigas de amigo. Foi publicado en 2010, en galego e portugués, por Ponte nas Ondas e PAI Música, en España e Portugual e no 2014 editarase no pais carioca a través da Universidade Estadual de Paraiba, realizándose presentacións con concertos e outras actividades.