Arrincar os marcos, traspasar a fronteira: as culturas galega e portuguesa abren no Porto unha nova canle de intercambio coa poesía

Participantes en 'Arrincando marcos', ante o monumento a Rosalía no Porto © Positivas

“Movéronnos os marcos/ e arrasamos a fronteira”. Dicíao Xabier Xil Xardón ao ler un dos seus textos no recital de poesía galega celebrado no Porto na segunda edición do ‘Arrincando marcos’. Non pretendía adiantar as conclusións deste evento, organizado pola editora Positivas. Mais as súas palabras si poderían, quizais, agoirar o futuro dun intercambio cultural entre galegos e portugueses que, polo menos por motivos históricos lingüísticos, debería producirse dun xeito tan corrente e fluído que os lindes administrativos chegasen a diluírse. Mesmo ata a desaparición. De xeito que Porto fose unha praza tan normal para un creador galego coma calquera cidade galega. Alén dos puntuais -malia que crecentes, e parte deles xa consolidados- encontros ás dúas beiras do Miño.

Falouse diso no ‘Arrincando marcos’, ao tempo que se cumpría un programa de actos que comezara cunha simbólica ofrenda na estatua de Rosalía de Castro, na Praça da Galiza, no Porto. Tras colocar flores nas mans da figura fundacional da nosa poesía, o director de Positivas, Franciso Macías, afirmou, facendo súa unha reflexión expresada momentos antes por Antón Casais, que “as cousas nacen da forza do desexo”. A pesar da escaseza de recursos ou dos atrancos para conseguir que o miúdo acade unha repercusión que poida mudalo en grande. E foi, precisamente, a confianza no potencial transformador do pequeno o que alicerzou o ‘Arrincando marcos’. Que foi só un modesto chanzo dun movemento de ida e volta entre poetas de Portugal e Galiza que terá continuidade.

“Eu comecei sacando libros en portugués. Publicaba libros de portugueses que distribuía en Galiza e Portugal” -lembrou Francisco Macías-

Faltan accións e sobran queixas, lamentos”, sostén o limiar da antoloxía poética editada por Positivas con motivo do ‘Arrincando Marcos 2019’. Certo que non é, nin moito menos, a primeira vez que a cultura galega e portuguesa partillan un evento. Desta volta foi por medio de Edicións Positivas -que levou ata Porto a sete dos autores/as do seu catálogo- e da Poetria, libraría especializada en poesía e teatro da portuense rúa das Oliveiras. O discurso sobre a necesidade de fomentar o intercambio tornouse mesmo oficial -e diso foi mostra a aprobación da Lei Paz-Andrade-. Mais o ritmo e intensidade do mesmo non acadou o nivel desexable. “Parece que todo o mundo está de acordo” -indicou Macías - “pero falta dar un paso adiante, concretar”.“O mundo cultural galego” -engadiu- “ten que poñer un pé en Portugal por necesidade e por supervivencia”, dixo. Afirmación que sen dúbida compartirían os e as responsables das múltiples iniciativas, a maioría privadas -ou máis ben comunitarias, e moitas delas ligadas ao reintegracionismo- de achegamento entre artistas dos dous lados da fronteira.

Un intre de 'Arrincando marcos', no Porto © Positivas

“Eu comecei sacando libros en portugués. Publicaba libros de portugueses que distribuía en Galiza e Portugal” -lembrou Francisco Macías-. Positivas organizara xa antes do ‘Arrincando Marcos’ no Porto actos poéticos en Cerveira (Viana do Castelo) ou Braga -o primeiro ‘Arrincando Marcos’, no 2017, tivo lugar nesta cidade na libraría Centésima Página-. “O que quero agora é recuperar aquela dirección dos inicios de Positivas. O ano que vén teño previsto, por exemplo, publicar cinco libros de poesía de autores en portugués, cada un dun país dos PALOP (Países Africanos de Língua Oficial Portuguesa), en coedición cunha editora de Vilanova de Cerveira”, comentou.

“Temos que romper” -opinou Macías- “o ‘encasillamento’ de editoras: por que temos que escoller entre galego e portugués? Teriamos que dar ese paso de xeito natural”

“Temos que romper” -opinou Macías- “o ‘encasillamento’ de editoras: por que temos que escoller entre galego e portugués? Teriamos que dar ese paso de xeito natural”. Preguntado pola cuestión da normativa do galego, que se deduce facilmente a partir do anterior, afirmou ademais que non tería “ningún problema” se algún autor galego quixese publicar en padrón portugués -ou ao revés, de darse o caso-. Nese sentido, producíronse algúns tímidos pasos no mundo editorial galego -no que eran excepcións empresas coma Laiovento, que non exclúe a normativa reintegracionista- como a colaboración entre Através e Xerais para tirar do prelo a obra ‘Bolxeviques/Bolcheviques’, coordinada por Teresa Moure. Mais a situación atópase moi lonxe da normalidade.

Esta foi unha das dimensións que abrangueu o debate entre os participantes do ‘Arrincando Marcos’ -Paula Carballeira, Quico Valeiras, Raúl Gómez Pato, Roi Vidal, Rosalía Fernández Rial e Xabier Xil Xardón, xa que Eduardo Estévez non puido finalmente acudir- que precedeu ao recital que ofreceron na rúa das Oliveiras. Ás veces mesmo parece -apuntaba Macías- que antes da democracia había máis intercambio entre cultura galega e portuguesa. “Xuntábanse 20.000 persoas nunha manifestación en Lugo e cantábase o ‘Rosalinda’ de Fausto. Iso agora sería imposible” -exemplifica-. Aínda que si se poderían buscar mostras actuais de eventos culturais de grande impacto de público coma o consolidado ‘Cantos na Maré’, cuxo eixo é precisamente o encontro entre a música galega e a do resto da lusofonía. “O modelo a imitar podería ser Narf” -indicaba Macías- que “se movía polo mundo”. Quixo destacar tamén o papel de Roberto Vidal Bolaño no pulo do intercambio entre o teatro galego e o portugués.

Macías salientaba tamén a importancia da presenza do ensino da lingua portuguesa na Secundaria nos institutos galegos, dada a súa contribución a “prestixiar” o galego. Paula Carballeira achegaba, pola súa banda, unha significativa anécdota. Dixéronlle, en Portugal, que era a “española” que mellor entendían de todas as que por aló tiñan pasado. “Queda moito por facer” -afirmou- mais cómpre transmitir tamén en Portugal que o galego “non é unha lingua rara, que é unha lingua irmá”, e xa sen entrar no tema das orixes históricas do portugués. Mais acontece que se cadra Galiza precisa de Portugal neste aspecto moito máis do que Portugal de Galiza. “É unha parte do corpo que a nós nos falta, e que a eles non, porque eles son un corpo enteiro”, explicaba Raúl Gómez Pato, recorrendo á figura literaria. “Para min é unha cuestión que vai máis alá do lingüístico, de percepción moi similar da realidade, que mostra que hai unha fronteira artificial”, engadía.

Libros de Positivas no monumento a Rosalía, listos para o 'bookcrossing' © Positivas

Na conversa xurdiu, en reiteradas ocasións, o exemplo da “raia” galego-portuguesa, mostra, precisamente, desa artificialidade, en termos culturais e lingüísticos, da fronteira política que dividiu a histórica Gallaecia

Na conversa xurdiu, en reiteradas ocasións, o exemplo da “raia” galego-portuguesa, mostra, precisamente, desa artificialidade, en termos culturais e lingüísticos, da fronteira política que dividiu a histórica Gallaecia. “A literatura oral está chea de contaxios dun lado e do outro, a nivel de textos e de prácticas. É un concepto de sempre funcionou a nivel das clases populares. Tamén a xiria, na raia, está chea de lusismos”, indicaba Xabier Xil. Suso Díaz falaba, pola súa banda, desde a súa propia experiencia coma arraiano. “A fronteira sempre foi permeable. Nunca existiu, en realidade. Pero chegou un momento no que se converteu nun medio de vida, a través do contrabando, por exemplo”, contou.

Gómez Pato distinguiu, pola súa banda, tres posibles etapas históricas diferenciadas. Unha coa ditadura franquista, cunha fronteira física traspasada polo tránsito de mercadorías ou cultural, e dúas durante a democracia. Unha “máis dura”, co fraguismo, debido ao interese político de “marcar” a fronteira para conter o posible avance do nacionalismo galego -que tivera Portugal como moi importante referente de afirmación- e outra despois. Suso Díaz retrucou -de xeito contrario, pero non contraditorio, coa interpretación de Gómez Pato- que a fronteira sempre fora “irreal, permeable”, a nivel popular, cousa que “nin Franco nin Salazar” puideran impedir. O cal non exclúe que, como dicía Pato, se cadra puideron tomarse decisións políticas -tamén a respecto da normativa- para afastar Galiza de Portugal. “Nos anos 80 e 90, cando se asentaba a democracia, houbo moito interese por parte das autoridades en que a fronteira fose real. Agora, na terceira fase, vese que resulta economicamente interesante derrubar a fronteira” -reflexionou Pato-.

Respecto á cuestión do potencial interese de Portugal en Galiza, saíron no debate diversos argumentos. No ámbito teatral, por exemplo, existe unha certa tradición de intercambio -desde o Portugaliza da sala Nasa ao interese mostrado, en diferentes etapas, polo CDG no teatro portugués- mais, opinou Paula Carballeira, mostran máis interese os portugueses en chamar profesionais galegos -exemplo diso é o traballo de Carlos Santiago no país luso, de Trigo Limpo á actualidade- que ao contrario. Portugal -dicía Gómez Pato- é unha saída “natural” para o noso mercado cultural. Mais, falando de posibles atrancos ao respecto, Xabier Xil indicou que ás veces nos ofuscamos coa “cuestión da grafía” cando pode ser tan ou máis relevante “a oralidade, porque ao final como chegas é coa palabra”. “Hai lingüistas europeos” -matizaba Rosalía Fernández Rial-, non posicionados nin con Galiza nin con Portugal, que “estudan o galego e o portugués como a mesma lingua. Polo que, como dicía Raúl, hai aí construcións interesadas, artificiosas”. Construtos políticos -engadiu Pato- que influíron no “subconsciente colectivo”.

Un intre da intervención de Rosalía Fernández Rial © Positivas

Xabier Xil indicou que ás veces nos ofuscamos coa “cuestión da grafía” cando pode ser tan ou máis relevante “a oralidade, porque ao final como chegas é coa palabra” 

Quico Valeiras amosouse, pola súa banda, partidario de non ollar tanto á política formal pois -en confluencia co que antes comentara Paco Macías arredor do Bierzo- cun pé nas prácticas comunitarias, os marcos que se cadra convén arrincar son os mentais. Porque a cuestión é que “na literatura e en toda a arte estamos sempre mirando a Madrid, e poderiamos mirar para abaixo e para o Atlántico”. Afirmou, tamén, entender o tema da cuestión do sentimento arraiano, mais lembrou que “para os de máis arriba si que existe esa fronteira” entre Galiza e Portugal. Como antes afirmara Paula Carballeira que, ao contrario de Raúl Gómez Pato, dixera que non se sentía tan “na casa” en Porto, xa a certa distancia da fronteira

Si houbo acordo en que o feito de ser Galiza “nación sen Estado” é un obstáculo para afondar na interrelación cultural. Malia que “os portugueses son máis conscientes ca nós do potencial da Eurorrexión” -comentou Carballeira-. Suso Díaz engadiu que existe tamén unha “barreira infranqueable” entre España e Portugal dada por motivos históricos que segue a causar certo afastamento nos portugueses. Houbo converxencia, porén, no debate, finalmente, na necesidade de focalizar esforzos alí onde “se pode intervir”, desde o pequeno, que pode virar grande. Sen negar que a intervención das institucións pode ter un efecto “multiplicador”, onde é posible.

Seguiu, despois, o recital, ao que Paco Macías deu comezo sacho en man, tal como explicou, por traer un símbolo da posibilidade “arrincar os marcos” 25 anos despois do primeiro acto que el mesmo organizara, con Positivas, en Portugal. Comezou, máis tarde, Paula Carballeira, que leu un poema de resistencia -posto na boca das ratas- e uns poucos máis -extraídos do seu libro ‘Hai quen escolle os camiños máis longos’- de revisión dos mitos patriarcais dos contos. Recitou a seguir Quico, quen agasallou o público con algúns poemas inéditos nos que foron algúns dos intres máis álxidos do recital, con versos de forza inmensa dedicados á figura da nai e relacionados tamén co mito. Foi despois a quenda de Raúl Gómez Pato, que leu algúns versos da última parte do seu libro ‘Círculo’, unha das máis recentes novidades de Positivas. Roi Vidal iniciou, pola súa banda, a súa intervención cuns versos de Raúl, para despois recitar un poema publicado na extinta Revista das Letras, outro incluído no seu poemario ‘Teatro’ e un máis recollido noutra das novidades de Positivas, ‘As máscaras brancas’.

Rosalía Fernández Rial -un auténtico volcán escénico- empezou recitando ao seu amigo Paco Souto, poeta percebeiro ao que non hai moito levou o mar

Rosalía Fernández Rial -un auténtico volcán escénico- empezou recitando ao seu amigo Paco Souto, poeta percebeiro ao que non hai moito levou o mar. Realizou, a seguir, un pequeno percorrido por parte da súa propia poética -versos de ‘Catálogo’, ‘En clave de sol’, ‘Átonos’ ou ‘Vinte en escena’. Seguiu Suso Díaz, que lembrou outro poeta finado -Bento da Cruz- e presentou algúns dos poemas doutro libro de Positivas que se deu a coñecer neste recital, o seu ‘A utopía que diluíu o vento’: versos sobre o Couto Mixto que ben poderían servir de metáfora do cerne do ‘Arricando Marcos’, coma “aquí, onde a fronteira é/ porta sen pechadura,/ -cadea onde se ata o vento-/ só aquí/ volvemos crer nos ideais/ que rexen a fuxida,/ o encontro”. De igual xeito que, sen pretendelo, funcionaron despois algúns versos -inéditos- de Xabier Xil, coma os que encabezan esta crónica. Tras ler, repartíndoos entre todos, os poemas de Eduardo Estévez recollidos en ‘Arrincando marcos 2019’, o acto rematou coa lectura, tamén colectiva, do ‘¿Que é Galicia’ de Lois Pereiro. Quedou pendente un cadáver exquisito -ou chamamento exquisito,mais cunha exquisitez á galega e non á portuguesa- para apelar a un maior intercambio cultural entre Galiza e Portugal. Para pasar das palabras aos feitos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.