Un informe do Eixo Atlántico evidencia a disparidade de fortalezas e debilidades existentes na eurorrexión á hora de captar empresas estranxeiras
“Os tempos de resposta ás questões administrativas e burocraticas são em media mais baixos na região Norte de Portugal por força do quadro legal nacional” mentres que “a Galiza tem vantagem competitiva na mobilidade pela existência do comboio de alta velocidade conectado com o resto da Europa”. Esas son só dúas das diversas diferenzas detectadas nos incentivos ou obstáculos ao investimento existentes na eurorrexión recollidos nun informe do Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal. O documento, elaborado por varios expertos investigadores e presentado este luns en Santiago, no marco dunhas xornadas de intercambio de experiencias, está pensado como unha guía para a captación de investimentos dirixida á trintena de cidades da eurorrexión socias do Eixo Atlántico, pero ao tempo que pon sobre a mesa as súas potencialidades, tamén evidencia as deficiencias nese eido.
“Falta política industrial” por parte das administracións supramunicipais competentes na materia, coincidiron en salientar desde a banda galega na presentación do documento o presidente do Eixo Atlántico e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Pola súa banda José María Costa, rexedor de Viana do Castelo, municipio portugués que coordinou o informe por ser un exemplo de captación de investimentos, fixo fincapé na importancia de que as administracións non se centren só na atracción das empresas senón que as “acompañen” ao longo da súa presenza na eurorrexión para que os seus investimentos se manteñan no tempo.
O informe salienta a primacía do Porto en conexións aéreas e a potencialidade de Galicia coa alta velocidade, ao tempo que contrapón volume e especialización nos portos portugueses e galegos
O informe salienta que tanto Galicia como o Norte de Portugal destacan polo seu carácter exportador, especialmente nos sectores téxtil e da automoción, pola súa cobertura sanitaria e educativa ou por ser “das regiões mais seguras da Europa e do mundo”, así como por presentar “um bom índice de integração de estrangeiros, fator fundamental á instalação de empresas internacionais” ou pola potencialidade dos seus idiomas.
Porén, o documento deixa en evidencia as disparidades entre as dúas rexións en varios aspectos, como a menor conectividade aérea de toda Galicia en comparación co aeroporto do Porto, ou á inversa o maior atractivo de Galicia en materia ferroviaria pola súa inminente conexión coa rede de alta velocidade. En materia portuaria, o documento salienta a especialización dos portos galegos fronte ao volume de movementos dos portugueses.
“As cidades portuguesas do Eixo Atlântico apresentam uma maior competitividade em termos de incentivos ao investimento sobretudo nas valências que são da responsabilidade dos próprios municípios"
O informe é especialmente crítico con Galicia no ámbito administrativo, no que salienta que así como en Portugal as cámaras municipais teñen importantes competencias en materia de atracción de investimentos, a este lado do Miño os concellos teñen menos marxe de actuación, residindo a iniciativa na Xunta ou o Estado. Nese eido, o documento sinala que “as cidades portuguesas do Eixo Atlântico apresentam uma maior competitividade em termos de incentivos ao investimento sobretudo nas valências que são da responsabilidade dos próprios municípios a saber: Acompanhamento individualizado dos potenciais investidores desde a primeira hora oferecendo também serviços de apoio á instalação da empresa e das pessoas; taxas e benefícios de incentivo fortemente competitivos; os tempos de resposta ás questões administrativas e burocráticas são em media mais baixos na região Norte de Portugal por força do quadro legal nacional.”
O informe tamén salienta outras moitas diferenzas entre Galicia e o Norte de Portugal á hora de resultar máis ou menos atractivas para as empresas estranxeiras, como a menor penetración en Galicia da banda larga en materia de telecomunicacións ou os maiores custos enerxéticos. Pola contra, en materia de lentitude da xustiza o informe reflicte disparidade nos dous países nos prazos de resolución dos conflitos comerciais ou empresariais en función do tipo de procedemento pero con importantes demoras nos dous casos que poden chegar aos 23 meses de media en Portugal para a resolución nos tribunais de reivindicacións da propiedade de débedas ou os 17 meses de media no caso galego para resolver cuestións mercantís.
Na presentación do documento, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, salientou que a orixe do informe foron diversas voces, que non identificou, que hai uns meses criticaron que Portugal estaba a incentivar a deslocalización de empresas de Galicia. Pola contra, o responsable do Eixo Atlántico salientou, en liña co afirmado por Bugallo e García, que “o que había era que Portugal ten política industrial e aquí non a hai”, engadindo que Viana do Castelo, posta como exemplo de actuación desde as administracións públicas, “vai polo cuarto polígono empresarial e a única empresa galega que hai alí leva anos instalada”. Nesa liña, os presentes instaron a unha maior cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal para atraer investimentos de xeito conxunto e salientaron como nos encontros con posibles empresas candidatas a asentarse na zona a cámara municipal de Viana do Castelo invita a enxeñeiros das universidades do Porto e do Minho pero tamén da de Vigo.