O Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal vén de entregar esta semana a altos cargos dos gobernos de España e Portugal unha proposta de novo tratado de cooperación transfronteiriza entre os dous países que substitúa o actual, asinado en Valencia en 2002. A proposta, que o Eixo presenta como portavoz de toda a Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET), aposta por unha cooperación “orientada ao cidadán e á resolución dos problemas prácticos específicos dos territorios” transfronteirizos.
As entidades transfronteirizas da Península, coordinadas desde o Eixo Atlántico, entregan a súa proposta aos gobernos de España e Portugal
Os Gobernos de España e Portugal iniciaron o proceso para acordar un novo tratado de cooperación transfronteiriza, marco no cal se producen agora as achegas das entidades que máis directamente deben enfrontarse aos problemas da cidadanía ao longo de toda a fronteira peninsular. “A proposta para o novo tratado recolle a idea de que as relacións entre España e Portugal, países que comparten a fronteira máis longa e estable de Europa, non poden ser só relacións de Estado entre Lisboa e Madrid, senón unha comunicación dual que contemple tamén os intereses dos cidadáns a ambos os dous lados da fronteira”, salienta o Eixo Atlántico. A proposta das entidades transfronteirizas tamén avoga por crear un novo marco de xurídico no que o novo tratado se converta “en fonte de dereito transfronteirizo, especialmente na creación de entidades con personalidade xurídica, que deben dispor dun réxime xurídico e fiscal propio que atenda á súa natureza de ámbito supranacional”.
O documento foi presentado polo presidente da RIET e alcalde de Viana do Castelo, José Maria Costa, xunto co secretario xeral do Eixo e da RIET, Xoán Vázquez Mao, esta semana en Lisboa a altos responsables do Ministerio de Negocios Estranxeiros de Portugal como o director xeral de Asuntos Europeos, Rui Vinhas; o secretario xeral do Ministerio, Álvaro Mendonça Moura; a secretaria de Estado para Asuntos Europeos, Ana Paula Zacarias, e a asesora diplomática do presidente da República, Ana Martinho. Este mércores tamén foi presentado en Madrid ao director xeral para Europa do Ministerio de Asuntos Exteriores, Juan López Herrera.
Vázquez Mao co director xeral para Europa do Ministerio de Exteriores, Juan López-Herrera, e o ex-embaixador de España en Portugal Eduardo Junco