A crise da covid destruíu xa uns 33.000 empregos en Galicia. A afiliación á Seguridade Social caeu nun total de 32.950 persoas durante os meses de marzo, abril e maio no país, segundo os datos feitos públicos este martes polo Ministerio de Traballo.
No último día de maio, o número de afiliacións á Seguridade Social en Galicia quedou nas 979.472, 32.950 menos que no último día de febreiro
No último día do mes de maio, o número de persoas cotizantes en Galicia quedou por baixo da barreira do millón e situouse nas 979.472, fronte ao 1.012.422 do último día de febreiro. 33.000 empregos destruídos durante os meses no que a pandemia do coronavirus estoupou, tras a declaración de estado de alarma a mediados de marzo e logo de semanas de confinamento e parálise económica.
No entanto, o verdadeiro golpe ao emprego tivo lugar en marzo e logo das estritas medidas de peche total aplicadas desde o día 14. De feito, entre o último día de febreiro e o último de marzo destruíronse 32.352 empregos, alcanzándose xa practicamente a mesma cifra de afiliación (980.069) que nesta altura.
O duro golpe ao emprego tivo lugar desde mediados de marzo, tras a aplicación do estado de alarma e o peche total: uns 32.000 empregos destruídos en quince días
Máis de 32.000 empregos destruídos nas últimas dúas semanas de marzo, á que se sumou outra baixada de máis de 10.000 afiliacións en abril. No entanto, o número de persoas afiliadas incrementouse en case 10.000 persoas de novo en maio, unha leve recuperación derivada do inicio do desconfinamento e da apertura progresiva da economía.
A pandemia nestes tres primeiros meses destruíu case 16.000 empregos na provincia da Coruña, algo máis de 11.600 en Pontevedra, 2.615 en Lugo e 2.872 en Ourense.
A destrución de emprego ralentizouse en maio: a afiliación media aumentou en 1.603 persoas e o paro rexistrado en 547 persoas
O impacto sobre o emprego derivado da crise do coronavirus está, xa que logo, ralentizándose. Os datos de maio así o indican. Durante ese mes, as inscricións nas oficinas de emprego descenderon en Galicia en 547 persoas, ata as 191.082, un lixeiro descenso do 0,3%. A importancia do golpe da pandemia revélase, no entanto, na variación interanual, xa que o número de desempregados rexistrados nas antigas oficinas do INEM é de 30.277 máis que doce meses antes.
Ademais, neste mesmo mes de maio, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en 1.603 persoas, aínda que o total, 976.374, supón 42.032 menos que no mesmo mes de 2019 por efecto da pandemia.
O sector que tirou algo do emprego en maio logo de semanas de confinamento foi a industria, con 760 persoas paradas menos, así como a industria, cun descenso de 106, ou a agricultura, con 93. O sector servizos, con case 200 desempregados máis, e o colectivo sen emprego anterior foron os que contribuíron ao incremento das inscricións nas antigas oficinas do INEM.
En canto á contratación, en maio asináronse 30.873 contratos en Galicia. Son 7.000 máis que no mes anterior, pero 64.329 menos que no mesmo mes de hai un ano. O 90% deles volven ser, nunha porcentaxe que se repite cada mes, temporais.
A Xunta reaccionou aos datos do paro destacando a "tendencia positiva anterior á covid-19" que "recupera" Galicia. A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, sinalou que o país situouse como a quinta comunidade autónoma cun mellor comportamento en termos absolutos e destacou tamén o incremento no número de cotizantes á Seguridade Social.