A piques de chegar ás tres décadas, o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular decide emprender unha nova xeira. A entidade, que tras as últimas incorporacións -como as do Concello de Ponteareas ou a Deputación de Ourense- xunta xa 39 entidades locais de Galicia e do Norte de Portugal, vén de aprobar en asemblea un "cambio de estratexia". O obxectivo, di, é evolucionar "da cooperación transfronteiriza ao desenvolvemento conxunto" de vilas e cidades de ambas beiras da raia.
"Levamos 28 anos de cooperação transfronteiriça e consideramos necessário dar o próximo passo. Somos um sistema urbano conjunto, com cidades que já vivemos juntas" sinala Ricardo Rio, alcalde de Braga e presidente do Eixo
"Na busca dunha Eurorrexión máis compacta", detallan tras a asemblea -celebrada por videoconferencia por mor da pandemia-, a entidade vén de aprobar organizarse en "cinco comisións políticas" que deseñarán a nova etapa. Trátase, subliñan, de "adaptar á era postpandemia" a "terceira área máis poboada da Península Ibérica e a décima de Europa". Estas comisións sectoriais pasarán a traballar nos eidos da rexeneración urbana, a innovación, a sostibilidade, a economía e a política social.
"Levamos 28 anos de cooperação transfronteiriça e consideramos necessário dar o próximo passo. Somos um sistema urbano conjunto, com cidades que já vivemos juntas", sinala Ricardo Rio, presidente da Cámara Municipal de Braga e actual presidente do Eixo. Esa é a razón pola que "estamos abandonando a cooperação transfronteiriça e caminhando para um desenvolvimento local conjunto, sem fronteiras", resume.
Nesta liña, a alcaldesa de Lugo e vicepresidenta da entidade, Lara Méndez resalta que o Eixo aposta por traballar como o que é, "un sistema urbano único en Europa", con independencia de que as cidades e vilas que a compoñen se asenten en dous Estados diferentes. "Traballaremos nunha estratexia que busca un desenvolvemento socioeconómico baseado na innovación, na sostibilidade e na solidariedade social" e para facelo "é fundamental a cohesión, tanto social como territorial" e "moi especialmente, entre a costa e o interior".
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo e vicepresidenta do Eixo: "Busamos o desenvolvemento económico baseado na innovación, na sostibilidade e na solidariedade social e para iso é fundamental a cohesión"
Para o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, esta cuarta xeira da entidade pode ser "a máis determinante, polas circunstancias actuais e o que van supoñer no futuro inmediato, unha etapa na que aspiramos a acadar, en dez anos, a renda media da Unión Europea". Para traballar nestes eidos, o Eixo disporá neste 2021 dun orzamento de 4 millóns de euros, "un 84% dedicados a programas de desenvolvemento conxunto".
As liñas aprobadas nesta asemblea afondan no exposto o pasado setembro en Pontevedra, nun encontro onde as vilas e cidades do Eixo Atlántico reivindicaron ser "protagonistas" na etapa da reconstrución tras a pandemia, tamén na xestión dos fondos da UE. Captar investimento" para potenciar a industria e "a economía de proximidade" ou promover melloras "na mobilidade e o maior uso do espazo público" foron algunhas das prioridades fixadas.