A asociación de cidades da eurorrexión cuantifica en 1.400 millóns o investimento necesario para adecuar as principais liñas galegas de carga aos estándares requiridos pola UE para o Corredor Atlántico
O Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal presentou este xoves de xeito conxunto co Consello Económico e Social de Galicia un informe no que identifica as actuacións que se deberan realizar na rede ferroviaria galega para a súa efectiva inclusión no Corredor Atlántico ferroviario da UE, do que xa forma parte nominalmente. O documento cuantifica en máis de 1.400 millóns de euros as obras, entre as que inclúe non só a mellora do actual eixo principal de mercadorías entre Galicia e a Meseta, o Vigo-León, senón novas actuacións como a saída sur ferroviaria de Vigo e o acceso ao porto exterior da Coruña. Pero fundamentalmente o documento trata de identificar as principais eivas sobre as que hai que actuar na rede actual para o tráfico de mercadorías, entre elas a saturación.
O documento agora presentado polo Eixo Atlántico, elaborado polo ex-director xeral de Transportes da Xunta e enxeñeiro experto en ferrocarrís Miguel Rodríguez Bugarín, asesor habitual da entidade, identifica eivas xa coñecidas da rede ferroviaria galega como as que obrigan a ter os trens de mercadorías máis curtos do Estado ou a ausencia ou insuficiencia da electrificación dalgúns treitos. Algunhas desas eivas xa están contempladas por Adif, que xa puxo en marcha diversos proxectos parciais para ir mellorando algúns deses elementos.
"Varios treitos que se incorporarán ao corredor son liñas de vía única, cun certo grao de saturación, que limitan a capacidade de transporte dispoñible e dificultan o cumprimento dos horarios"
Pero o informe tamén pon o foco nunha cuestión que non adoita estar presente nos debates políticos e mediáticos sobre o Corredor Atlántico, a da saturación da actual rede. O informe conclúe que “varios treitos que se incorporarán ao corredor son liñas de vía única, cun certo grao de saturación, que limitan a capacidade de transporte dispoñible e dificultan o cumprimento dos horarios. Estes treitos de vía única representan o 76% da lonxitude da liña de ferrocarril que une A Coruña-Vigo-Ourense-León. Será necesario realizar unha análise para, en función da demanda existente ou prevista de servizos ferroviarios de pasaxeiros e mercadorías, decidir se estes tramos de vía única representan un funil”.
Entre Ourense e Monforte a liña, de vía única, presenta o nivel máximo de saturación durante a metade do día, e entre Redondela e Guillarei durante nove horas do día
O informe analiza diversos subtreitos dese eixo principal de mercadorías empregando a metodoloxía de Adif, que identifica niveis verde, amarelo, laranxa ou vermello en función do tráfico, nos que o último, con “máis do 75%”, “presenta problemas sistemáticos de saturación, alcanzando puntualmente a conxestión”. Segundo o documento, o treito entre Santiago e A Coruña, con dobre vía electrificada tras a construción do Eixo Atlántico de alta velocidade, non supera o 40% de saturación. Pola contra, no extremo contrario os peores resultados aparecen entre Ourense e Monforte, con vía única, no que a saturación está en nivel vermello durante doce horas do día, entre as 9 e as 21 horas, en dirección a Monforte, e supera o nivel laranxa durante 15 horas ao día en dirección contraria, cara a Ourense.
Entre Redondela e Guillarei a saturación tamén está en nivel vermello nese sentido nove horas ao día (mesmo supera o 100% entre as 9 e as 12 horas), mentres que en sentido contrario son seis horas ao día as que presentan o máximo nivel de saturación.
O informe cuantifica en algo máis de 1.400 millóns de euros os investimentos necesarios para a efectiva integración da rede ferroviaria galega no corredor europeo coas características técnicas que esixen os estándares comunitarios, unha cifra na que se inclúen 400 millóns para a saída sur de Vigo, 150 para o acceso ao Porto Exterior da Coruña e 600 para diversas variantes de novo trazado na liña Ourense-Monforte-Ponferrada, algunha delas xa contempladas dentro do proxecto de mellora da liña Ourense-Lugo para que poida ser empregada por trens de alta velocidade. A cifra global elevaríase a preto de 2.200 millóns se se inclúe tamén unha nova liña entre A Coruña e Ferrol.
A comezos de 2019 Adif cuantificou en máis de 3.500 millóns o investimento necesario para todo o noroeste peninsular
A comezos de 2019 Adif cifrou en máis de 3.500 millóns o investimento necesario para integrar o noroeste peninsular no Corredor Atlántico, dos que 650 millóns serían para a adecuación da liña Vigo-León, eixo principal de mercadorías entre Galicia e a Meseta. As cifras do Eixo Atántico e de Adif refírense a conceptos e liñas non sempre equiparables.