O Goberno de António Costa presenta o Programa Nacional de Investimentos 2030 no que inclúe unha nova liña entre Braga e Valença que non define como alta velocidade pero que traslada agora a presión ao Goberno español
“Presentemente demoramos 2h30 do Porto a Vigo, mas com o novo troço Braga-Vigo tiramos 1h à viagem, fazendo Braga-Vigo em 35min”. Así presentou este xoves o ministro das Infraestruturas de Portugal, Pedro Nuno Santos, en presenza do primeiro ministro António Costa, o Programa Nacional de Investimentos 2030, no que se recolle unha liña ferroviaria de novo trazado entre Braga e Valença que non se identifica expresamente como alta velocidade pero que permitiría reducir as viaxes entre Vigo e Porto a arredor dunha hora.
Ese era o obxectivo declarado a comezos de século. Daquela, os dous Estados apostaban por unha liña de alta velocidade entre as dúas cidades á que renunciaron coa crise de hai unha década.
O anuncio dunha nova liña ferroviaria directa entre Braga e Valença chega cando Portugal está rematando a mellora da actual, que dá un rodeo por Viana do Castelo e Caminha, e Adif ten xa en marcha diversas modernizacións do treito actual entre Vigo e Tui que dá un rodeo por Redondela. Sen avances segue desde hai anos a proposta dunha saída sur ferroviaria de Vigo, a través dun túnel, que evite ese rodeo e que facilite a comunicación directa con Portugal.
Este proxecto é o cuantificado polo Eixo Atlántico de cidades da eurorrexión nuns 400 millóns de euros e o que Madrid parou cando Lisboa renunciou ás súas liñas de alta velocidade. Lisboa vén facendo ver desde hai un par de anos que apoia esa saída sur e que a acompañaría de melloras na súa propia rede ferroviaria, co que o paso dado agora traslada a presión ao Goberno español
Portugal si fala expresamente de "alta velocidade" para a liña Lisboa-Porto e concreta paradas en Leiría, Coimbra e Aveiro
Por outra banda, agora Portugal volve falar de “alta velocidade”, pero focalizándoa na liña Lisboa-Porto. Na presentación deste xoves o ministro luso reflexionou sobre que durante anos “Portugal achou que a ferrovia era um investimento do passado”, com “sucessivos governos a fazer aposta uma quase exclusiva na rodovia”. Porén, o ministro salientou que hoxe o tren é “uma prioridade europeia” polas súas “mais valias do ponto de vista ambiental”.
Ademais das melloras ferroviarias nas áreas metropolitanas de Lisboa e Porto, o Goberno luso salienta que “as ligações Porto-Lisboa e Porto-Vigo são as duas grandes prioridades”, engadindo que “a nova linha Porto-Lisboa aproximará as duas áreas Metropolitanas pondo-as a pouco mais de 1 hora de distância” con paradas en Leiría, Coimbra e Aveiro. Na presentación deste xoves esa liña aparece como “alta velocidade” mentres que o “novo troço Braga-Vigo” non inclúe esa cualificación pero só polo seu trazado máis directo e pola modernización que suporía a respecto da actual xa permitiría notables melloras de tempos.
Segundo António Costa, as infraestruturas ferroviarias recibirán no novo Plan Nacional de Investimentos 2030 máis de 10.000 millóns de euros. Portugal xa viña dando especial importancia ao tráfico de mercadorías por ferrocarril, cuestión que xa está a potenciar na mellora en marcha da liña actual.
Por outra banda, hai dous anos a empresa Arriva amosou o seu interese por poñer en marcha un servizo ferroviario entre A Coruña e Porto, iniciativa que recibiu autorización comercial pero que non chegou a concretarse a nivel operativo. Na actualidade, tras a reapertura das fronteiras polo coronavirus, só hai unha conexión ferroviaria diaria en cada sentido entre Vigo e Porto fronte ás dúas que había antes.