A entrada en servizo o martes de máis de cen novos quilómetros entre Zamora e Seabra reduce a menos de catro horas as viaxes entre Ourense e Madrid, pero con só catro Alvia diarios por sentido fronte aos seis anteriores á pandemia
Menos demanda fai que se ofrezan menos servizos e iso á súa vez fai que continúe a baixar a demanda. Esa é a situación actual dos servizos ferroviarios en Galicia, na que Renfe di que a pandemia de coronavirus provocou unha menor mobilidade da poboación e que ás arcas públicas non lles resulta rendible seguir operando trens con pouca ocupación, mentres desde diversos colectivos e partidos políticos se lle reclama que manteña un servizo público que nos últimos anos vira como, ao tempo que aumentaban as frecuencias no Eixo Atlántico e a liña coa Meseta, se reducían no resto de liñas interiores en Galicia.
Neste contexto é no que o vindeiro martes 27 de outubro está previsto que se poña en servizo comercial -os billetes xa están á venda- un novo treito do AVE coa Meseta, entre Pedralba de la Pradería, na comarca de Seabra, e Zamora, a onde xa chega a liña desde Madrid desde hai cinco anos. Eses máis de cen novos quilómetros permitirán reducir as viaxes entre Ourense e Madrid a menos de catro horas (3 horas e 50 minutos no servizo máis rápido Madrid-Ourense), e a catro horas e media desde Santiago, facendo xa o tren máis rápido que o vehículo particular e competitivo cos tempos de preembarque e desprazamentos locais que require o avión.
Pola contra, a entrada en servizo do novo treito só traerá consigo un novo Alvia diario en cada sentido, ata un total de catro desde Ourense (onde transbordan os viaxeiros doutras cidades galegas ás que non chegue directo cada un deses trens). Será un Alvia máis que os tres que quedaron en servizo tras o confinamento polo coronavirus pero dous menos que os seis que había antes da pandemia.
Seabra-Ourense en obras
A apertura do novo treito prodúcese despois das probas e de recibir a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria uns traballos de construción que remataron a comezos de ano (aínda está pendente de rematarse a nova estación de Seabra, o que obrigará aos pasaxeiros con orixe ou destino nesa comarca a empregar temporalmente a da Gudiña). Fixérono con varios meses de atraso a respecto da última previsión do Goberno de Mariano Rajoy, asumida polo de Pedro Sánchez ao sucedelo, de que este treito estaría en servizo en 2019 mentres que o seguinte, entre Seabra e as proximidades de Ourense, remataría os seus traballos o pasado ano para abrirse ao público este ano.
O treito que agora entra en servizo puido ter evitado, de abrirse antes, o accidente a comezos de xuño dun Alvia nas proximidades de Zamora no que morreron o maquinista e o condutor dun vehículo que caera ás vías da liña convencional
Ese penúltimo treito entre Seabra e Ourense, tras entrar agora en servizo este antepenúltimo entre Zamora e Seabra, está aínda en obras, polo que tamén acumulará varios meses de atraso á espera tamén do visto bo sobre a súa seguridade. No último treito, duns 17 quilómetros entre Taboadela e Ourense, aínda non se moveu nin unha pedra despois de que durante o Goberno central do PP a Xunta dixese que non é tan prioritario, xa que os trens utilizarán de xeito provisional a vía actual adaptada. Ese último treito debera ser a partir de agora o groso do investimento do Estado en materia ferroviaria en Galicia -o Goberno central ten aínda pendente de presentar as súas contas para o próximo ano-, que baixará notablemente a respecto dos últimos anos ao rematarse os treitos máis complexos coa Meseta.
Por outra banda, o treito que agora entra en servizo puido ter evitado, de abrirse antes, o accidente a comezos do pasado xuño dun tren Alvia nas proximidades de Zamora no que morreron o maquinista e o condutor dun vehículo que caera ás vías da liña convencional, pola que agora deixarán de pasar eses trens para facelo pola nova de alta velocidade.