Fomento prevé abrir un novo treito do AVE galego dous días antes das eleccións

A ministra de Fomento, Ana Pastor, probando o AVE a Zamora, onde os pasaxeiros son transbordados a autobuses © Ministerio de Fomento

O 18 de decembro, dous días antes das eleccións xerais, é a data coa que traballa Renfe para pór en servizo o novo treito de alta velocidade entre Olmedo, ao sur de Valladolid, e Zamora, uns cen quilómetros da liña a Galicia que permitirán reducir outra media hora os tempos de viaxe. Esa é a data que a empresa pública vén de comunicarlle aos maquinistas que estes días están formándose na nova liña, aínda que a falta dunha confirmación oficial a empresa aínda non modificou a venda de billetes cos novos horarios. De feito, analízase a posibilidade de os trens que só fan o percorrido Madrid-Zamora ou os que continúan ata Galicia comecen a empregar a nova vía en datas distintas.

En calquera dos casos, Renfe traballa para que a posta en servizo se produza antes do nadal, o que implicará que coincida coa campaña electoral. “É cuestión de días”, dicía o pasado mércores a ministra de Fomento e cabeza de lista do PP por Pontevedra, Ana Pastor, que xunto con outros cargos populares, incluído o presidente Rajoy, non perde oportunidade de publicitar esa inminente apertura. A propia Pastor, nacida en Zamora, xa fixo unha viaxe inaugural do novo treito o pasado 23 de outubro, tres días antes de que comezase o periodo preelectoral no que están prohibidas as inauguracións.

A posta en servizo deste novo treito duns cen quilómetros da liña Madrid-Galicia prodúcese xusto catro anos despois da apertura do anterior, os 90 quilómetros do Ourense-Santiago, inaugurados o 10 de decembro de 2011 polo socialista José Blanco, co Goberno entón en funcións tras perder as eleccións xerais celebradas tres semanas antes. Un ano e medio despois produciuse nesa liña o accidente da curva de Angrois, no que morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas. Vítimas do sinistro culpan a Blanco de precipitar a apertura da liña por interese electoral, pero o exministro deféndese lembrando que a data da posta en servizo daquel treito decidírase moito antes de fixarse a data das eleccións.

A data do 18 de decembro vén de serlles comunicada aos maquinistas que se están a formar na nova liña

Tamén en decembro, en 2007, hai oito anos, abrírase o primeiro treito da liña que acabará chegando a Galicia, uns 140 quilómetros entre Madrid e Olmedo compartidos coa liña a Valladolid. O PP segue insistindo no seu compromiso de que o treito que agora falta, algo máis de 200 quilómetros entre Zamora e Ourense, estea en servizo en 2018, malia que uns 15 quilómetros na entrada de Ourense aínda están en estudo ambiental. Queda tamén a dúbida de se antes de estar rematada por completo toda a liña se podería abrir o subtreito Zamora-Puebla de Sanabria, cuxas obras están moito máis avanzadas que os complexos túneles que aínda se están a escavar no macizo central ourensán.

O treito Olmedo-Zamora é publicitado como de alta velocidade, pero boa parte do seu percorrdio será posto en servizo inicialmente con vía única

Á espera de que Renfe confirme os novos horarios, a liña que agora se abre permitirá que a viaxe entre Ourense e Madrid se reduza do entorno das cinco horas que dura actualmente ao das catro horas e media. O treito Olmedo-Zamora é publicitado como de alta velocidade, pero boa parte do seu percorrido será posto en servizo inicialmente en vía única e non dobre, como é o habitual no AVE. Están construídas dúas plataformas paralelas en todo o percorrido, e así se segue a traballar tamén nos túneles de Ourense, pero ata que non se remate toda a liña Fomento considera que non terá tanto tráfico como para instalar xa nelas vía dobre.

Por outra banda, grazas a discorrer por un terreo sen dificultades orográficas, o treito agora rematado entre Olmedo e Zamora foi o máis barato e sinxelo de construír de toda a liña Madrid-Galicia, a unha media de 3 millóns de euros o quilómetro fronte aos 23 millóns por quilómetro que custou o treito Madrid-Valladolid, cos complexo túneles de Guadarrama, ou os 29 millóns por quilómetro do Ourense-Santiago, unha sucesión de túneles e viadutos. Aínda así, a culminación do Olmedo-Zamora demorouse máis de tres anos con respecto ao previsto cando comezaron as súas obras en 2007.

Un treito da liña © Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.