'Un camiño de futuro' para amosar Galicia e o Norte de Portugal máis alá do coronavirus e o Xacobeo

'Un camiño de futuro', guía turística de Galicia e o Norte de Portugal © Eixo Atlántico

O Eixo Atlántico publica unha guía, distribuída gratuitamente por Praza.gal, que en formato de banda deseñada busca amosar os principais atractivos da eurorrexión á súa propia cidadanía

Para mirar máis alá da crise do coronavirus e do Xacobeo 2021, o Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal vén de editar unha guía turística que baixo o título Un camiño de futuro pretende dar a coñecer a eurorrexión á súa propia cidadanía. Unha guía que Praza.gal, como outros medios de comunicación de Galicia e o Norte de Portugal, distribuirá gratuitamente en formato dixital este sábado 14 de novembro. 

“Todas as crises são uma ameaça e uma oportunidade simultaneamente”, di Ricardo Rio, presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Braga, que aposta por preparar a eurorrexión “para o día seguinte”. “Por isso elaborámos um guia inovador e criativo, tanto por ter sido feito em formato de comic como pelo seu caráter visual, para mostrar aos nossos cidadãos o conhecimento de toda a riqueza cultural e patrimonial que temos no Eixo Atlântico e convidá-los a visitarem todos estes lugares, mesmo que não façam o Caminho de Santiago, numa resposta vital e otimista com a qual nos recompensamos por todos os sofrimentos que disciplinada e solidariamente estamos a viver”.

Portada e varias páxinas da guía editada polo Eixo Atlántico © Eixo Atlántico

Similar aposta fai a vicepresidenta do Eixo Atlántico e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen pensa que os cambios de hábitos que provocou a pandemia permitirán “reformular o turismo en clave de sostibilidade, afastado das masificacións e no que prime a calidade das experiencias coas que sexamos capaces de atraer visitantes en busca de valores máis vinculados co respecto á nosa riqueza patrimonial, cultural, histórica e paisaxística”. 

Rio aposta por poñer en valor “uma área urbana de 7 milhões de cidadãos entre população direta e indireta”. “Traduzido ao turismo, significa um mercado de proximidade com 7 milhões de cidadãos que procuram um turismo de qualidade para disfrutar de numerosos fins-de-semana (o ano tem 52)”, di, pero que “também significa uma oportunidade para redefinir um novo tipo de turismo mais adequado às realidades do território que valorize uma das nossas características diferenciais: a excelência”.

A guía será distribuída este sábado 14 de novembro de xeito gratuíto por varios medios de comunicación de Galicia e o Norte de Portugal, entre eles Praza.gal, en liña con anteriores iniciativas similares do Eixo Atlántico para dar a coñecer os espazos naturais da eurorrexión á cidadanía en xeral ou a propia realidade transfronteiriza á rapazada.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.