Os primeiros Xogos do Eixo Atlántico sen restricións pola COVID baten récord de participación

As delegacións participantes nos XIV Jogos do Eixo Atlántico, durante o acto inaugural, en Maia este 4 de xullo © Concello do Barco

Dende hai case tres décadas, os Xogos do Eixo Atlántico xuntan cada dous anos milleiros de mozas e mozos de ata 16 anos de Galicia e do Norte de Portugal para contribuír ao "mellor coñecemento" mutuo da veciñanza de ambas beiras da raia a través do deporte. A competición está impulsada polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, que agrupa entidades locais galegas e portuguesas, e neste 2022 ten Maia como sede.

Tras ter que suspender os actos previos pola pandemia, este 4 de xullo foron á fin inaugurados os Xogos, que se celebran sen restricións. Para poder facelo houbo que agardar un ano máis do previsto. Destaca o Eixo que, ademais, as arredor de 2.200 mozas e mozos que competirán en representación de vinte e oito concellos supoñen un récord de participación.

Desfile inaugural dos XIV Jogos do Eixo Atlántico en Maia, no que as delegacións desfilaron xunto a figuras tradicionais e festivas galegas e portuguesas © Eixo Atlántico

Como é xa tradición, os Xogos comezaron cun desfile no que os grupos de deportistas foron acompañados por comitivas representativas de diversas tradicións e eventos festivos galegos e portugueses. Así, por exemplo, o percorrido inaugurárono un grupo de romanos do Arde Lucus e entre as diversas delegacións desfilaron Caretos e Gaiteiros de Bragança, un grupo de gaitas de Ourense ou Cabeçudos e Gigantones de Viana do Castelo, "aliando desporto e cultura tradicional e etnográfica", resalta a entidade.

No plano estritamente deportivo, a competición dos Xogos do Eixo Atlántico acolle media ducia de disciplinas. Mozas e mozos compiten en balonmán feminino e masculino, fútbol 7 masculino, voleibol feminino, baloncesto feminino e masculino, natación e atletismo. Nestas dúas últimas tamén se celebran competicións con modalidades adaptadas "com a participação de quase 200 pessoas, em linha com a filosofia do Eixo Atlântico de eliminar barreiras e fomentar a participação de todos os jovens".

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, inaugura os XIV Xogos do Eixo Atlántico en calidade de presidenta da institución transfronteiriza © Concello de Lugo

A homenaxe a deportistas e colaboradores do xogos foi tamén parte dunha inauguración na que a alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, destacou a dupla intención dos xogos. Por unha banda, "promover a práctica deportiva como un complemento indispensable da formación para a xuventude". Por outra, "contribuír á cohesión dos municipios" galegos e do norte de Portugal, "creando un espazo de confraternización que permite ás xentes dos territorios veciños recoñecérense como amigos dentro da grande familia do Eixo Atlántico".

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo: "Estes días o deporte mobiliza milleiros de persoas nun acontecemento con capacidade para fomentar o coñecemento mutuo entre culturas irmás"

"Estes días, na Maia, o deporte será tamén un estandarte e un sinal de identidade que mobiliza milleiros de persoas nun acontecemento transfronteirizo con capacidade de fomentar o coñecemento mutuo entre culturas irmás", subliña Méndez. Do seu punto de vista, os Xogos tamén deben supoñer unha "oportunidade para promover e valorizar os nosos recursos patrimoniais, históricos, culturais, ambientais e gastronómicos". 

Á cerimonia acudiron tamén outros cargos coma o secretario de Estado do Desporto de Portugal, João Paulo Correia. Asemade, numerosos representantes dos concellos participantes: Maia, Matosinhos, Gondomar, Bragança, Famalicão, Vila Nova de Gaia, Vila Real, Peso da Régua, Valongo, Braga, Barcelos, Viana do Castelo, Santa Maria da Feira, Amarante, Guimarães, Póvoa de Varzim, Lugo, Ourense, Carballo, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Monforte de Lemos, Ponteareas, Vilagarcía, A Coruña, Sarria, Santiago e Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.