Dende 1995, os Xogos do Eixo Atlántico xuntan cada dous anos milleiros de mozas e mozos de ata 16 anos de Galicia e do Norte de Portugal para contribuír ao "mellor coñecemento" mutuo da veciñanza de ambas beiras da raia a través do deporte. O evento, impulsado polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular que agrupa entidades locais galegas e portuguesas, celebrarase o vindeiro 2022 en Maia.
O pórtico á celebración dos Xogos chegará o vindeiro 5 de decembro na propia cidade portuguesa co Gran Premio de Atletismo Eixo Atlántico para idades diversas. Dende as 10 da mañá (hora portuguesa), corredoras e corredores terán que percorrer 10 quilómetros con saída e chegada fronte á casa consistorial da cidade, que se presenta á Eurorrexión como "um dos municípios mais avançados do país, com um papel fundamental na indústria, inovação, novas tecnologias e no desporto, sendo um modelo exemplar de desenvolvimento económico, ambiental e desportivo".
O Gran Premio de Atletismo servirá, o 5 de decembro, como pórtico aos Xogos do Eixo Atlántico, que acollerá en 2022 a cidade de Maia
Explican dende a Cámara Municipal de Maia que o circuíto ten como referencia inicial "a estatua do Lidador" para, a continuación, seguir "pola Avenida don Manuel II II" e "ao chegar ao Monumento ao Triunfo das Xentes de Maia torce á direita en Avenida de Altino Coello, retorna na rotonda de Avenida Luís de Camões e segue novamente cara á Avenida Don Manuel II virando á esquerda en Avenida Pai Manuel Alves Rego, efectuando o retorno ao final da avenida seguindo en dirección ao Monumento ao Triunfo das Xentes de Maia onde vira á dereita na Rúa de Altino Coello e efectúa retorno xunto a Cálea Pai Luís Campos seguindo novamente para Avenida Don Manuel II en dirección á meta".
A carreira, sinala o Eixo Atlántico, está aberta á participación "de atletas tanto federados como non federados, de ambos os sexos". Unha primeira categoría abranguerá ende os 18 aos 34 anos e as sete restantes acubillan, de cinco en cinco anos, a atletas veteranos.
Todas as persoas participantes nesta carreira de 10 quilómetros "que crucen a liña de chegada de forma legal" recibirán unha medalla pola súa participación. Ademais, os tres primeiros atletas de cada categoría tamén recibirán os correspondentes trofeos. Distinguirase, ademais, ao equipo máis numeroso. A inscrición na carreira, organizada pola Câmara Municipal da Maia, POCTEP, Associação de Atletismo do Porto e Conselho Regional de Arbitragem da AAP, pódese realizar nesta ligazón.