As eivas do tren no conxunto da Península, o deseño radial das conexións e a propia situación periférica de Galicia limitan moito os destinos aos que é posible chegar en 3, 4 ou 5 horas dende o noso país.
Coñecidos son os problemas que arrastra o tren en Galicia, agás (e con matices) o Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo e as conexións coa Meseta, agora melloradas coa chegada do tren de alta velocidade. A situación é aínda peor en cidades coma Ferrol e Lugo, con servizos ferroviarios máis deficitarios. En calquera caso, as eivas do tren no conxunto da Península, o deseño radial das conexións e a propia situación periférica de Galicia no contexto europeo limitan moito os destinos aos que é posible chegar en 3, 4 ou 5 horas dende o noso país.
Dende hai semanas, un mapa interactivo en código aberto creado polo francés Benjamin Td amosa de maneira sinxela e moi visual as opcións que unha persoa que colla un tren en Galicia ten para realizar unha viaxe dunha duración máxima de cinco horas. O mapa, inspirado pola aplicación Direkt Bahn Guru, crea isócronas dende a estación seleccionada, amosando o alcance posible en tren en 1, 2, 3, 4 e ata 5 horas.
Dende a maior parte das sete cidades galegas é posible chegar en cinco horas, unicamente, a outros destinos no interior de Galicia, a Madrid e ás localidades que se sitúan entre Galicia e a capital do Estado
Así, dende a maior parte das sete cidades galegas é posible chegar en cinco horas, unicamente, a outros destinos no interior de Galicia, a Madrid e ás localidades que se sitúan entre Galicia e a capital do Estado. Dende A Coruña, Vigo, Ourense e Pontevedra, é posible chegar nese tempo a Porto (dende Vigo e Pontevedra mesmo un pouco máis aou sur, pero sen acceder en ningún caso a Lisboa).
Pola contra, dende Ferrol e Lugo, nin sequera a segunda cidade portuguesa está accesible. A pesar da proximidade xeográfica de Asturias, os tempo de viaxe a esta comunidade autónoma superan as cinco horas dende calquera das sete cidades.
A excepción positiva constitúea Ourense, que dende a inauguración da alta velocidade á Meseta, pode chegar a máis puntos dentro desa marxe de tempo.
O carácter limitado das conexións ferroviarias galegas fica máis claro cando se comparan as isócronas xeradas dende cidades como Madrid e, sobre todo, con outras capitais europeas
O carácter limitado das conexións ferroviarias galegas fica máis claro cando se comparan as isócronas xeradas dende cidades como Madrid (dende onde se pode chegar en cinco horas a case todas as capitais de provincia españolas) ou Barcelona (con conexións que nese tempo chegan mesmo a Lyon ou Marsella) e tamén Lisboa (con conexións coa maior parte de Portugal).
E, por suposto, se a comparación se establece con outros puntos de Europa, como París, Londres, Frankfurt e mesmo Milan. Facede a proba.