Lugo é (xunto con Ferrol) a cidade galega con peores conexións por tren. A liña entre A Coruña e a cidade da Muralla inaugurouse en 1875, no que foi o segundo traxecto galego, despois do Compostela-Carril de 1873. Porén, esta tradición histórica non atopa na actualidade a súa tradución na calidade do servizo ferroviario. Hai unicamente tres frecuencias diarias entre Lugo e A Coruña e outras tantas en dirección a Monforte e Ourense cunhas duracións (superiores á hora e media) que converten o tren en pouco competitivo ante o transporte por estrada. Ademais, Lugo carece de conexión ferroviaria directa con Santiago de Compostela.
O BNG entregou este martes no Ministerio de Transportes as sinaturas recollidas na campaña 'Lugo quere tren'
As deficiencias nos servizos ferroviarios na cidade de Lugo veñen sendo denunciados en informes coma o do Eixo Atlántico, que alertaba dunha ducia de restricións que obrigan aos convois a frear constantemente. Ademais, a plataforma 'Lugo... non perdas o tren', impulsada pola Federación de Provincial de Asociacións de Veciños de Lugo, leva anos poñendo sobre a mesa as eivas do transporte ferroviario e realizando reclamacións concretas de mellora das liñas, da maquinaria e das estacións.
A campaña Lugo quere tren busca “poñer a Lugo no mapa dos servizos ferroviarios, rematando con anos de recortes e eliminacións de servizos que son necesarios para as veciñas e veciños de Lugo”
Hai uns meses, así mesmo, o BNG puxo en marcha a campaña Lugo quere tren, que levou a cabo accións reivindicativas e unha recollida de sinaturas que este martes a formación nacionalista entregará no Ministerio de Transportes. Rubén Arroxo, voceiro do BNG e tenente da Alcaldía do Concello de Lugo, destacou este luns que “é preciso dotar Galiza de servizos ferroviarios dignos, con conexións interiores útiles pensadas para conectar ás galegas e galegos”.
A campaña Lugo quere tren busca “poñer a Lugo no mapa dos servizos ferroviarios, rematando con anos de recortes e eliminacións de servizos que son necesarios para as veciñas e veciños de Lugo”, destaca o BNG, que denuncia que “a chegada do AVE a Galiza só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela”.
O BNG reclama a posta en marcha da variante de Parga, a conexión coa zona norte da provincia e a conexión directa por ferrocarril entre Lugo e Compostela
Como medidas concretas, o Bloque reclama a posta en marcha da variante de Parga "sen dividir a vila", a conexión coa zona norte da provincia e a creación dun novo treito entre Curtis e Ordes que permita a conexión directa por ferrocarril entre Lugo e Compostela. “Lugo é a única cidade de Galiza que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros”, sinala o BNG.
'Lugo... non perdas o tren'
A plataforma 'Lugo... non perdas o tren' lembra que a cidade "é a única capital de provincia en Galicia que carece de conexión de alta velocidade".
De igual xeito, a plataforma 'Lugo... non perdas o tren' vén realizando reivindicacións semellantes, lembrando que a cidade "é a única capital de provincia en Galicia que carece de conexión de alta velocidade". Nese senso, unha das grandes demandas para pola mellora da liña que conecta a cidade con Ourense, a través de Monforte, un percorrido que nos últimos meses está a sufir obras de importancia para electrificar a liña e garantir que nela poidan circular trens de alta velocidade.
Entre as demandas da plataforma tamén figura a conexión directa con Compostela e mais coa Mariña e a construción da estación Intermodal. Fan fincapé, igualmente, na mellora da liña entre Lugo e A Coruña, cuxo estado cualifica de "pésimo".