Un enlace de 8 quilómetros permitirá conectar directamente a liña de alta velocidade Galicia-Madrid coa de Valladolid e Asturias e facilitará tamén as viaxes cara a Euskadi e Catalunya
Serán menos de 8 quilómetros de vía situados a uns douscentos quilómetros de Galicia, en Olmedo, ao sur de Valladolid, pero poden ser un paso relevante para superar o deseño radial da alta velocidade española. É o denominado bypass de Olmedo, un enlace directo entre a liña de alta velocidade Galicia-Madrid e a que comunica con Valladolid e Asturias cuxa redacción vén de ser adxudicada por Adif.
O bypass de Olmedo non só permitirá que trens de alta velocidade de Galicia que agora só teñen como destino fóra do país as cidades de Zamora, Segovia ou Madrid poidan tamén dirixirse a Valladolid, León ou Asturias. Tamén facilitará as viaxes transversais de servizos como os Alvia cara a Euskadi ou Catalunya evitando que teñan que facer manobras para enlazar entre a liña que vai a Madrid e a que comunica co norte da Península.
A redacción do proxecto iníciase aínda agora malia que o enlace xa foi planificado en 2005 e un primeiro proxecto foi iniciado en 2012. Agora proxectarase un enlace que nunha primeira fase terá unha vía única e, se a demanda e rendibilidade así o reclaman, nunha segunda fase sería ampliado a vía dobre.
Cos prazos estimados por Adif para as obras e outros trámites previos, o enlace non estaría en servizo cando menos ata 2026
Adif estima que unha vez rematada a redacción do proxecto a obra terá un orzamento de entre 25 e 30 millóns de euros, unha moi pequena parte dos máis de 9.000 millóns que leva custado a alta velocidade galega tanto no interior do país como cara á Meseta. Porén, para iso aínda haberá que esperar uns anos, xa que a empresa pública estima que a obra precisará de dous anos para construción da plataforma e doutro medio ano para a instalación das vías e o resto de sistemas ferroviarios. Unido iso ao tempo que dure a redacción do proxecto e as comprobacións necesarias, o bypass de Olmedo non estaría en servizo cando menos ata 2026.