A asociación de cidades da eurorrexión ofrece á Xunta o seu traballo desde hai anos de seguimento das infraestruturas ferroviarias no norte de Portugal
A reunión que este xoves mantivo en Lisboa o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co ministro portugués de Infraestruturas, Miguel Pinto, serviu para que o galego dese por feito que Portugal terá rematada unha liña de alta velocidade entre Braga e o río Miño en 2032, data que o ministro rexeitou expresamente confirmar malia que lle preguntaron en varias ocasións.
Rueda reclamou ao Goberno de España que cumpra con esa data e execute xa a saída sur de Vigo ata a fronteira, o que este venres deu pé a valoracións por parte do delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, e do secretario xeral do Eixo Atlántico de cidades da eurorrexión, Xoán Vázquez Mao.
O delegado do Goberno asegurou que este "vai cumprir" coa súa parte da liña de alta velocidade entre Vigo e Porto e que xa está a cumprir con todo o "traballo atrasado", que non identificou. Nesa liña, España leva dúas décadas facendo estudos do posible trazado entre Vigo e o Miño, mentres que Portugal aínda os vén de comezar hai uns meses. "Creo que é unha prioridade, deixouno claro o ministro na última visita que fixo a Galicia", dixo Pedro Blanco, que pediu a Rueda que "non teña ningunha dúbida".
Pola súa banda, o secretario xeral do Eixo Atlántico interpretou a reunión de Rueda en Lisboa como "electoralista" por producirse xusto no comezo da campaña para as europeas do 9 de xuño. Vázquez Mao pediu a Rueda que se interese máis acotío polo avance da saída sur e ofreceu á Xunta o seguimento que o Eixo Atlántico vén realizando desde hai anos dos proxectos ferroviarios no norte de Portugal.
Vázquez Mao tamén puxo en dúbida o alcance da reunión entre Rueda e o ministro luso, que reduciu a un breve encontro que non tería por que obrigar a un desprazamento do presidente da Xunta ata Lisboa, xa que pola mañá o ministro estivera en Braga, a poucos quilómetros de Galicia, nunha reunión do Goberno portugués.