Máis concreción nas estradas que no tren na XXXIV Cimeira Ibérica

Pedro Sánchez e António Costa este martes na casa-museo de Saramago en Lanzarote, sede da XXXIV Cimeira Ibérica © Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa

Madrid e Lisboa desbloquean a longamente planificada mellora da ponte Salvaterra-Monção, a metade da cal é competencia da Xunta, e fan referencias xenéricas ao impulso do Corredor Atlántico

A XXXIV Cimeira Ibérica rematou este mércores con máis concrecións no que respecta a melloras en infraestruturas viarias entre Galicia e Portugal que ás ferroviarias, malia ás expectativas de todo tipo de actores políticos e sociais da eurorrexión arredor da prometida nova liña de alta velocidade Vigo-Porto. Esa actuación está en estudo por parte dos dous países, pero non mereceu tanta atención particular por parte dos dous gobernos como a mellora da actual ponte entre Salvaterra e Monção ou a construción dunha nova estrada entre Bragança e Seabra, e non ata A Gudiña como quería a Xunta malia afectar a espazos protexidos.

Foto de familia da XXXIV Cimeira Ibérica celebrada en Lanzarote o 15 de marzo de 2023 © La Moncloa

Lanzarote, lugar de retiro do escritor portugués José Saramago, foi este martes e mércores sede da XXXIV Cimeira Ibérica entre os gobernos de Pedro Sánchez e António Costa. Apenas catro meses despois da anterior, celebrada en novembro en Viana do Castelo, o novo encontro adiantouse para evitar que coincidise coa máis esixente axenda internacional que terá o goberno español cando asuma a partir de xullo a presidencia rotatoria do Consello da UE.

As principais referencias a cuestións de interese para Galicia tratadas na cimeira hai que buscalas na declaración institucional asinada polos dous gobernos, xa que a rolda de prensa ofrecida por Sánchez e Costa foi desviada na maioría das preguntas formuladas polos xornalistas alí presentes a polémicas de política interna dos dous estados. Só Costa mencionou de pasada a aposta dos dous executivos por infraestruturas de transporte transfronteirizas, entre as que citou os estudos que se están a desenvolver nos dous lados da raia para a nova conexión ferroviaria entre Vigo e Porto, da que non deu prazos. 

Tamén dixo Costa que está en fase de redacción de proxecto unha nova conexión entre Bragança e Seabra. Desa vía o Goberno luso xa avanzou hai uns meses que terá características de estrada mellorada cun carril por sentido e non será autovía nin se dirixirá á Gudiña por espazos protexidos como pretendía a Xunta.

António Costa e Pedro Sánchez na Cimeira Ibérica celebrada en Lanzarote © La Moncloa

Pero máis alá das palabras, e con maior efecto real que a declaración institucional acordada polos dous gobernos, o que asinaron formalmente este mércores foi o convenio para reformar a actual ponte entre Salvaterra e Monçao, que se ampliará para dar cabida a un carril bici e unha senda peonil. A actuación, de preto dun millón de euros e que se vén planificando desde hai anos, será acometida a medias pola Xunta e o Goberno portugués, pero ao ser un acordo internacional requiría da sinatura do Goberno de España. Malia que do lado norte a obra é iniciativa da Xunta, este mércores o Ministerio de Transportes gabouse de que era “un claro exemplo da aposta de España e Portugal polo desenvolvemento dunha mobilidade máis sostible entre os países”.

Os dous ministerios de Transportes enviarán unha carta conxunta á Comisión Europea pedindo máis implicación a Francia co Corredor Atlántico de mercadorías, sen o que os novos treitos en Galicia e Portugal quedarían limitados

Tamén o Ministerio de Transportes español anunciou que xunto co seu homólogo portugués enviarán unha carta á Comisión Europea para instar a Francia a acelerar os seus treitos fronteirizos do Corredor Atlántico de mercadorías ferroviarias, sen os que de pouco servirán os debates das últimas xornadas a respecto da velocidade das obras nos treitos que afectan a Galicia. 

No que respecta á declaración institucional global, e xunto coa mellora da ponte Salvaterra-Monção e outras melloras en estradas transfronteirizas como a de Bragança, as principais referencias a cuestións de interese específico para Galicia atópanse na aposta dos dous gobernos pola conexión de hidróxeno entre os dous países a través de Zamora, onde tamén conectará o ramal galego. Tamén se asume o compromiso conxunto de "promover e implementar medidas no eido da revitalización e innovación territorial de pequenos municipios e aldeas transfronteirizas". E en materia de emprego, os dous gobernos tamén asinaron acordos centrados na economía social.

Costa e Sánchez pasan revista na Cimeira Ibérica celebrada en Lanzarote o 15 de marzo de 2023 © La Moncloa

Este mércores, antes mesmo da comparecencia de Sánchez e Costa, desde a Xunta o seu presidente, Alfonso Rueda, volveu criticar a falta de compromiso do primeiro coa conexión ferroviaria entre Galicia e Portugal, na que ao seu ver o segundo goberno, tamén socialista, está máis implicado, aínda que daquel lado da fronteira non haxa nin un só quilómetro en obras fronte aos 155 en servizo hai anos no Eixo Atlántico A Coruña-Vigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.