Reganosa, co visto e prace da Xunta, compra un 25% da planta de Xixón que ata agora rexeitaba por vela competidora

Emilio Bruquetas, director xeral de Reganosa, e Arturo Gonzalo, conselleiro delegado de Enagás © Enagás

A empresa de Mugardos na que o Goberno galego é accionista cede a cambio a Enagás 130 quilómetros de gasodutos que abastecen centrais eléctricas nas Pontes e Sabón e a refinería da Coruña, co compromiso de impulsar unha conexión de hidróxeno co resto da península 

Hai só uns meses Reganosa, empresa propietaria da planta de gas de Mugardos na que a Xunta é accionista e impulsora, alegaba contra a posta en funcionamento no porto de El Musel, en Xixón, doutra instalación similar de Enagás que podería facerlle competencia. Este martes vén de anunciarse unha operación pola que Reganosa adquire o 25% da planta asturiana e a cambio cede a Enagás 130 quilómetros de gasodutos en Galicia, co compromiso engadido de que esa empresa impulse tamén unha conexión de hidróxeno co resto da península que estea en servizo en 2030.

A Xunta amosou de xeito inmediato o seu apoio á operación tras meses facendo responsable ao Goberno de España de que ese hidroducto que conecte Galicia co resto da rede ibérica en planificación sexa ou non unha realidade.

Instalacións de Reganosa en Mugardos © CCE

Nas súas alegacións contra a posta en funcionamento da planta de Xixón Reganosa chegou a argumentar que a súa competidora saltara normas urbanísticas, obviando que a planta de Mugardos recibiu ata cinco condenas firmes do Tribunal Supremo derivadas do seu emprazamento prohibido pola normativa urbanística. Unhas sentenzas que Xunta e Goberno de España deron por superadas legalizando os feitos consumados da planta de Reganosa.

Agora Reganosa e Enagás asinan un acordo polo que a primeira compra un 25% da regasificadora de El Musel por 95 millóns de euros e a segunda adquire 130 quilómetros de gasodutos de Reganosa por 54 millóns. Esa rede de condutos conecta a terminal de Mugardos co gasoduto Tui-Asturias en Guitiriz e Abegondo e fai chegar o gas natural directamente ás centrais de ciclo combinado das Pontes e Sabón e á refinería da Coruña. 

Infraestrutura de gas en España, coas seis regasificadoras xa existentes, entre elas a de Mugardos, e a nova de Xixón © Enagas

Enagás asume o compromiso de impulsar unha conexión de hidróxeno co resto da rede peninsular que estea en servizo en 2030 de cuxa concreción ata agora a Xunta facía responsable o Goberno de España

Tras coñecerse a operación a Xunta, accionista e impulsora da planta de Mugardos desde os tempos de Manuel Fraga e responsable de varias das súas autorizacións que despois foron anuladas polo Supremo, emitiu un comunicado de apoio. Segundo o Goberno galego, coa operación “o capital galego entra no accionariado da regasificadora do porto do Musel”. Ademais, di a Xunta, facilita o seu obxectivo de que se constrúa un hidroduto ou conduto de hidróxeno entre Guitiriz e Zamora que conecte co resto da rede ibérica “permitindo conectar a comunidade co resto de España e con Europa”.

Segundo Enagás, coa operación agora asinada Reganosa cédelle “a súa posición como promotor do hidroduto entre Guitiriz e Zamora, candidato a Project of Common Interest da Unión Europea”. E Enagás comprométese a impulsar esa infraestrutura e a súa conexión con Portugal “co obxectivo de que entre en operación en 2030”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.