Reganosa alegou que unha competidora en Xixón autorizada agora polo Estado saltou normas urbanísticas tras facelo tamén ela

Planta de Enagás no porto de El Musel, en Xixón © Enagas

A regasificadora de Mugardos recibiu cinco condenas do Supremo derivadas do seu emprazamento prohibido pola normativa urbanística e despois Xunta e Goberno de España legalizaron a súa situación, como está a suceder coa planta de El Musel

Entre 2012 e 2019 o Tribunal Supremo emitiu cinco sentenzas firmes que anularon outras tantas autorizacións sectoriais distintas da planta de regasificación de Reganosa en Mugardos. Todas elas tiveron a súa causa orixinaria no emprazamento da regasificadora nun lugar prohibido pola normativa urbanística, e todas elas foron contestadas polas administracións implicadas (Concello, Xunta e Goberno de España) reformando a normativa ou repetindo a tramitación ata acabar legalizando por completo a instalación hai un ano

Sen tantas sentenzas en contra, tamén en Xixón, no porto de El Musel, construíuse unha regasificadora similar igualmente sen cumprir normas urbanísticas. Tras repetir trámites e mudarse unha lei asturiana e o plan de urbanismo municipal, o Goberno de España vén de outorgarlle a súa autorización cunha resolución publicada o venres no Boletín Oficial del Estado que revela que Reganosa alegou en contra. Entre outras cuestións, a empresa galega esgrimiu que no momento en que a regasificadora de El Musel solicitou o permiso aínda “non era compatible coas determinacións urbanísticas do planeamento vixente” e polo tanto, aínda que agora xa si o sexa, o Goberno debera denegarlle a autorización. Porén, o executivo central desbotou ese e outros argumentos.

Instalacións de Reganosa en Mugardos © Reganosa

No caso da planta de Reganosa, foi impulsada polo Grupo Tojeiro e o Goberno de Manuel Fraga, coa Xunta como accionista, nun emprazamento en Mugardos a carón doutras instalacións do mesmo grupo empresarial, as de Forestal del Atlántico. A súa instalación nese lugar foi facilitada por unha modificación do plan de urbanismo de Mugardos validada en 2003 pola Xunta. Pero en 2012 o Tribunal Supremo anulou esa modificación urbanística e con ela foron caendo outros permisos asociados a ela. 

En marzo e abril de 2016 o mesmo Tribunal Supremo anulou respectivamente a autorización administrativa previa que a planta obtivera en 2003 e a aprobación do proxecto de execución que lograra en 2004, as dúas do Goberno de España, nos dous casos decisións que se tomaran sobre a base do plan de urbanismo que non permitía ese tipo de instalacións na zona. E tamén en 2016 o Supremo anulou o plan de emerxencias da instalación aprobado pola Xunta.

En todos os casos a reacción das administracións implicadas foi aprobar novamente os trámites anulados pola xustiza, pero o xeito de facelo por parte do Goberno de España aínda traería a quinta sentenza en contra do Supremo. Para volver outorgar os permisos anulados pola xustiza en marzo e abril de 2016, en maio dese ano o Goberno central de Mariano Rajoy, daquela en funcións, intentou acelerar os trámites eximindo á planta de ter que someterse a unha avaliación ambiental completa para volver darlle as dúas autorizacións que viña de anular o alto tribunal. Esa decisión de acelerar a tramitación ambiental tamén foi anulada en 2019 polo Supremo, o que levou ao Goberno de España, xa presidido por Pedro Sánchez, a tramitar novamente esa declaración de impacto ambiental. 

O BOE dá conta das alegacións presentadas por Reganosa contra a planta competidora de El Musel CC-BY-SA Praza Pública

Finalmente, en xaneiro do pasado ano o executivo central concedía o permiso ambiental anulado en 2019 e medio ano despois, en xullo, outorgaba novamente a autorización administrativa e aprobaba o proxecto de execución anulados en 2016, culminando así a legalización da planta tras as cinco sentenzas en contra do Supremo.

Reganosa argumenta que cando Enagás pediu a autorización para El Musel que agora lle vén de outorgar o Goberno de España "a planta non era compatible coas determinacións urbanísticas do planeamento vixente"

No caso da regasificadora de El Musel, propiedade de Enagás, a planta recibiu en 2008 a súa autorización administrativa previa. Pero en 2013 o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid emitiu unha sentenza ratificada en 2016 polo Supremo que a anulou ao constatar que a planta incumpría a distancia mínima de seguridade con zonas habitadas. 

Ao tempo, en 2012 o Goberno central decidiu que había un exceso de capacidade de regasificación en todo o Estado e decidiu manter a planta asturiana “en hibernación”, situación que durou ata 2017. Superada esa “hibernación”, e mudada a normativa sobre as distancias á poboación, o Concello de Xixón tamén aprobou unha modificación do seu planeamento urbanístico en xaneiro de 2019. Pero fora antes, en agosto de 2018, cando se solicitara novamente a autorización administrativa que foi anulada pola xustiza.

Infraestrutura de gas en España, coas seis regasificadoras xa existentes, entre elas a de Mugardos, e a nova de Xixón © Enagas

No longo proceso de análise da nova solicitude Reganosa, segundo revela agora o Goberno de España no BOE, alegou o pasado xuño “que o Plan Xeral de Ordenación vixente no momento en que Enagás solicitou a autorización administrativa non recollía os terreos nos que se empraza a planta de El Musel”. Segundo Reganosa, “iso implica que a planta non era compatible coas determinacións urbanísticas do planeamento vixente no momento en que se formulou a solicitude de autorización, sente este o momento relevante para definir se un proxecto cumpre cos requisitos necesarios para a súa autorización”. 

O Ministerio para a Transición Enerxética non considera que as alegacións de Reganosa "desvirtúen a tramitación realizada e a plena adecuación a dereito da mesma”

Reganosa tamén alegou indefensión no proceso argumentando que non tivo acceso a todo o expediente da planta de El Musel, que a nova instalación pode conxestionar o sistema gasístico no noroeste peninsular -malia que inicialmente a intención de Enagás é empregar a súa planta só como almacén, non para regasificar a rede-, ou que non se avaliaron correctamente os efectos ambientais da planta de Xixón.

Poa contra, a Dirección Xeral de Política Enerxética do Ministerio para a Transición Ecolóxica rexeitou finalmente todas as alegacións para emitir a autorización administrativa agora feita pública no BOE. Esas alegacións foron valoradas, di o ministerio, “sen que das mesmas se desprendan elementos que desvirtúen a tramitación realizada e a plena adecuación a dereito da mesma”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.