O presidente da Xunta, segunda accionista da planta, amosa o seu apoio ao proxecto de construír un terceiro tanque de combustible para subministrar gas natural licuado a barcos
A Xunta de Galicia é propietaria do 24% de Reganosa, a polémica planta de gas que desde 2007 funciona en Mugardos, no interior da ría de Ferrol. É o segundo accionista, por tras do Grupo Tojeiro (propietario de Gadisa e Forestal del Atlántico), que ten algo máis do 50%, polo que varios membros do Goberno galego forman parte do seu consello de administración. Pero agora o propio presidente Feijóo vén de implicarse na promoción da empresa coa súa participación nun vídeo propagandístico elaborado por Reganosa.
A compañía está impulsando unha ampliación das súas instalacións, coa construción dun terceiro tanque de combustible, para non só funcionar como planta de regasificación da rede terrestre peninsular senón tamén para subministrar gas natural licuado a buques de calquera tipo. Na campaña de promoción desa iniciativa que leva desenvolvendo desde hai uns meses, agora vén de elaborar un vídeo propagandístico que se pode visualizar na súa páxina web e en youtube. Nel participa Feijóo amosando o seu apoio ao proxecto.
Nunha intervención en castelán, Feijóo defende que o proxecto de Reganosa para “reforzar a Galicia como un lugar adecuado para subministrar gas natural licuado aos buques é unha oportunidade que non podemos desaproveitar”
Nunha intervención en castelán, Feijóo defende que o proxecto de Reganosa para “reforzar a Galicia como un lugar adecuado para subministrar gas natural licuado aos buques é unha oportunidade que non podemos desaproveitar”. “Merece a pena que Galicia se converta nunha peza importante do taboleiro mundial de gas natural licuado”, engade. O presidente da Xunta amosa o seu convencemento de que o proxecto sairá adiante porque “temos armas, ferramentas e bazas para converter a Galicia nese centro loxístico, ese centro de distribución do gas natural licuado”.