O alto tribunal xa emitiu 5 sentenzas anulando outros tantos trámites a favor da planta de Mugardos, que Xunta e Estado volveron autorizar en 2021, pero agora está en dúbida tamén esa legalización dunha instalación en servizo desde 2007
A legalidade da planta de Reganosa impulsada por Manuel Fraga e o empresario Roberto Tojeiro en Mugardos, en servizo desde 2007, volverá ser analizada polo Tribunal Supremo, que xa emitiu cinco sentenzas condenatorias distintas que anularon outras tantas autorizacións de Xunta ou Estado. Tras esas condenas as dúas administracións volveron outorgarlle en 2021 os correspondentes permisos.
Pero agora, tras un recurso da Plataforma de Veciños da Parroquia de Mehá, en Mugardos, de Greenpeace e de Adega, o Supremo analizará se esa legalización foi correcta. En concreto, se foi correcta a avaliación ambiental "dun proxecto xa realizado" e o "réxime de distancias de ditas instalacións aos núcleos de poboación e actividades conexas".
A planta de regasificación a través de barcos instalada no interior da ría de Ferrol foi unha iniciativa do Grupo Tojeiro impulsada polo goberno de Manuel Fraga e da que a Xunta é accionista, cunha cuarta parte da propiedade. Varios altos cargos da Xunta forman parte do seu consello de administración e o propio Feijóo chegou a participar nun vídeo publicitario da compañía.
A reacción das administracións implicadas tras cada sentenza anulatoria foi volver aprobar os trámites ilegalizados
A decisión de instalar a planta no interior da ría, en terreos do concello de Mugardos lindeiros con Forestal del Atlántico, outra empresa do mesmo grupo empresarial que xa operaba alí, provocou protestas veciñais e de diversos colectivos como a pesca ou marisqueo. A instalación comezou a operar en 2007 e entre 2012 e 2019 o Supremo anulou sucesivos trámites que requirira a súa posta en funcionamento, reveses resoltos polas diversas administracións implicadas pola vía de volverlle a outorgar os permisos invalidados pola xustiza.
En 2012 o Supremo anulou a modificación do plan de urbanismo de Mugardos validada en 2003 pola Xunta que facilitou a implantación física da planta no interior da ría de Ferrol. En marzo e abril de 2016 o mesmo tribunal anulou respectivamente a autorización administrativa previa que obtivera en 2003 e a aprobación do proxecto de execución que lograra en 2004, as dúas do Goberno de España, nos dous casos decisións que se tomaran sobre a base do plan de urbanismo que non permitía ese tipo de instalacións na zona. E tamén en 2016 o Supremo anulou o plan de emerxencias da instalación aprobado pola Xunta.
En todos os casos a reacción das administracións implicadas foi aprobar novamente os trámites anulados pola xustiza, pero o xeito de facelo por parte do Goberno de España aínda traería a quinta sentenza en contra do Supremo. Para legalizar a planta e volver outorgar os permisos anulados pola xustiza en marzo e abril de 2016, en maio dese ano o Goberno central de Mariano Rajoy, daquela en funcións, intentaba acelerar os trámites eximindo á planta de ter que someterse a unha avaliación ambiental completa para volver darlle as dúas autorizacións que viña de anular o alto tribunal. Esa decisión de acelerar a tramitación ambiental tamén foi anulada en 2019 polo Supremo, o que levou ao Goberno de España agora presidido por Pedro Sánchez a tramitar novamente esa declaración de impacto ambiental.
O supremo analizará "nos casos de sentenza firme, como debe efectuarse a avaliación dos posibles efectos sobre o medio ambiente dun proxecto xa realizado", como é o caso de Reganosa
Finalmente, en xaneiro de 2021 o executivo central concedía o permiso ambiental anulado en 2019 e medio ano despois outorgaba novamente a autorización administrativa e aprobaba o proxecto de execución anulados en 2016.
Esa segunda legalización por parte do Goberno de Sánchez foi recorrida pola plataforma de veciños e as organizacións ecoloxistas ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, que en sentenza de abril do pasado ano desestimou o seu recurso e avalou a autorización da planta. Porén, os afectados volveron recorrer ao Supremo e este, nun auto con data do 21 de maio, vén de acordar a admisión a trámite do recurso.
O alto tribunal precisa que en concreto o que analizará en casación, da anterior sentenza do tribunal superior madrileño, será "determinar, nos casos de sentenza firme, como debe efectuarse a avaliación dos posibles efectos sobre o medio ambiente dun proxecto xa realizado", como é o caso da planta de Mugardos, en funcionamento desde 2007. Tamén analizará o "alcance e contido da avaliación de impacto ambiental realizado e réxime de distancias de ditas instalacións aos núcleos de poboación e actividades conexas". Será así a sexta vez que o Supremo se pronuncie sobre Reganosa tras as cinco condenas previas que Xunta e Estado veñen tentando legalizar.