O Tribunal Supremo vén de decidir a anulación do proxecto de construción da planta de gas de Reganosa, en Mugardos, estimando o recurso presentado por dúas asociacións veciñais de Mehá e Perlío contra unha sentenza ditada en 2013 polo Tribunal Superior de Madrid. A sentenza do Supremo, firme, únese á que hai un mes botou abaixo a autorización previa da instalación e obriga o Goberno en funcións a concederlle novos permisos nas vindeiras semanas ou a decretar a paralización da súa actividade.
A sentenza era esperada, en coherencia co decidido hai unhas semanas. Fontes de Reganosa xa apuntaran días atrás que contaban con este novo pau xudicial e que, de feito, xa estaban traballando para realizar conxuntamente os dous trámites aos que agora están obrigados (as novas solicitudes de autorización previa e de proxecto construtivo). A pelota está, pois, no tellado do Goberno en funcións. O Ministerio de Industria -responsabilidade agora de Luis de Guindos- debe decidir a través da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas se paraliza a actividade da regasificadora ou lle concede novas autorizacións.
En abril de 2013 o Tribunal Superior de Justicia de Madrid (TSJM) desestimou o recurso presentado pola Plataforma de Veciños O Cruceiro de Mehá e pola Asociación de Vecinos de Perlío San Esteban contra a desestimación por silencio administrativo do recurso de alzada que interpuxeran contra a resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética que en febreiro de 2004 aprobara o proxecto de execución das instalacións de Reganosa. As dúas entidades veciñais presentaron de inmediato un recurso de casación contra a sentenza do TSJM por diversos infracción da Lei do Sector de Hidrocarburos relacionados co planeamento urbanístico de Mugardos, a ausencia dunha declaración de impacto ambiental e a localización da planta, así coma con incumprimentos do Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas en materia de seguridade.
O Ministerio de Industria -responsabilidade agora de Luis de Guindos- debe decidir nas vindeiras semanas se paraliza a actividade da regasificadora ou lle concede novas autorizacións
O texto da sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, coñecido este xoves, sinala que a ilegalidade da autorización administrativa previa decretada hai unhas semanas fai que "todo o procedemento de desenvolvemento ou posta en execución desa autorización" incorra "na mesma falta de adecuación á normativa urbanística".
En Marea pide no Congreso a paralización da actividade
Este mesmo xoves En Marea defendeu na Comisión de Industria do Congreso unha proposición non de lei para paralizar a actividade da planta de gas de Reganosa, instando ao Ministerio en funcións a denegarlle á empresa os permisos que necesita para manter o seu funcionamento. Yolanda Díaz fixo referencia ás dúas recentes sentenzas do Tribunal Supremo, agradeceu "a loita" do Comité Cidadán e as entidades veciñais que presentaron os recursos xudiciais e cualificou as instalacións de "bomba de reloxería” no interior da ría.
A iniciativa de En Marea foi rexeitada pola suma dos votos de PP e PSOE
Para En Marea, Reganosa representa unha ameaza para a seguridade de miles de persoas na ría de Ferrol, tras ser instalada “desconsiderando o interese xeral, a necesidade de coidar a legalidade, a seguridade e os recursos públicos da cidadanía, pois cústanos cerca de 60 millóns de euros anuais por déficit contable”. A iniciativa foi rexeitada pola suma dos votos de PP e PSOE.