Goberno de España e Xunta culminan a legalización de Reganosa tras cinco sentenzas do Supremo en contra

Instalacións de Reganosa en Mugardos © CCE

A nova autorización para a planta, que está en funcionamento desde 2007, inclúe recomendacións e peticións de “boas prácticas” mentres a empresa di que está “plenamente aceptada na súa contorna social”

Tras cinco sentenzas en contra do Tribunal Supremo contra cinco decisións ilegais do Estado e da Xunta favorables a Reganosa, o Goberno de España vén de publicar no Boletín Oficial del Estado (BOE) os permisos cos que culmina a legalización dos cinco trámites anulados ata agora pola xustiza. Desde o pasado venres a planta de gas de Mugardos xa conta oficialmente cunha nova autorización administrativa e co seu proxecto de execución aprobado, malia que leva en funcionamento desde 2007. 

Nas novas autorizacións inclúense recomendacións e peticións de “boas prácticas”, mentres que a propia empresa di de si mesma que está “plenamente aceptada na súa contorna social”.

Publicación no BOE dos novos permisos a Reganosa que substitúen os que lle deu en 2016 o Goberno de Rajoy tras saltar ilegalmente un trámite ambiental, segundo sentenciou o Supremo CC-BY-SA Praza Pública

A planta de regasificación a través de barcos instalada no interior da ría de Ferrol foi unha iniciativa do Grupo Tojeiro impulsada polo goberno de Manuel Fraga e da que a Xunta é accionista, cunha cuarta parte da propiedade. Varios altos cargos da Xunta forman parte do seu consello de administración e o propio Feijóo chegou a participar nun vídeo publicitario da compañía.

A decisión de instalar a planta no interior da ría, en terreos do concello de Mugardos lindeiros con Forestal del Atlántico, outra empresa do mesmo grupo empresarial que xa operaba alí, provocou protestas veciñais e de diversos colectivos como a pesca ou marisqueo. A instalación comezou a operar en 2007 e entre 2012 e 2019 o Supremo anulou sucesivos trámites que requirira a súa posta en funcionamento, reveses resoltos polas diversas administracións implicadas pola vía de volverlle a outorgar os permisos invalidados pola xustiza.

A reacción das administracións implicadas tras cada sentenza anulatoria foi volver aprobar os trámites ilegalizados

En 2012 o Supremo anulou a modificación do plan de urbanismo de Mugardos validada en 2003 pola Xunta que facilitou a implantación física da planta no interior da ría de Ferrol. En marzo e abril de 2016 o mesmo tribunal anulou respectivamente a autorización administrativa previa que obtivera en 2003 e a aprobación do proxecto de execución que lograra en 2004, as dúas do Goberno de España, nos dous casos decisións que se tomaran sobre a base do plan de urbanismo que non permitía ese tipo de instalacións na zona. E tamén en 2016 o Supremo anulou o plan de emerxencias da instalación aprobado pola Xunta.

En todos os casos a reacción das administracións implicadas foi aprobar novamente os trámites anulados pola xustiza, pero o xeito de facelo por parte do Goberno de España aínda traería a quinta sentenza en contra do Supremo. Para volver outorgar os permisos anulados pola xustiza en marzo e abril de 2016, en maio dese ano o Goberno central de Mariano Rajoy, daquela en funcións, intentaba acelerar os trámites eximindo á planta de ter que someterse a unha avaliación ambiental completa para volver darlle as dúas autorizacións que viña de anular o alto tribunal. Esa decisión de acelerar a tramitación ambiental tamén foi anulada en 2019 polo Supremo, o que levou ao Goberno de España agora presidido por Pedro Sánchez a tramitar novamente esa declaración de impacto ambiental.

Finalmente, en xaneiro deste ano o executivo central concedía o permiso ambiental anulado en 2019 e agora, medio ano despois, outorga novamente a autorización administrativa e aproba o proxecto de execución anulados en 2016.

Gaseiro nas proximidades de Mugardos, en dirección a Reganosa CC-BY-SA Susete

Nos novos permisos agora publicados no BOE inclúense de forma expresa, a diferenza dos anteriores outorgados polo Goberno de Rajoy en 2016, diversos condicionantes ambientais, pero en varios casos limítanse a ser recomendacións ou peticións de “boas prácticas” á empresa. Así, a resolución sinala, por exemplo, que “se recomenda que, na medida do posible, o tráfico de buques teña especial consideración cos profesionais do mar, concretamente cos pescadores, mariscadores así como coa flota de barcos pesqueiros que empreguen artes remolcadas como os rastros das vieiras, dándolles preferencia durante a súa xornada laboral para non interferir na súa actividade”. O documento tamén sinala que a empresa deberá “respectar as boas prácticas ambientais para a realización do proxecto”.

O BOE sinala sobre a “capacidade legal, técnica e financeira” da empresa para acometer o proxecto a xustificación de que Reganosa “leva operando a instalación desde 2007”

Na resolución publicada no BOE tamén se sinala sobre a “capacidade legal, técnica e financeira” da empresa para acometer o proxecto a xustificación de que Reganosa “leva operando a instalación desde 2007”. E engádese que “a promotora lembra que a planta é un proxecto necesario para garantir a seguridade de subministro e o correcto funcionamento do sector enerxético, e que está plenamente aceptada na súa contorna social, así como que resulta fundamental para o texido industrial e económico de Galicia, e que recibiu alegacións favorables de diversas entidades e asociacións neste sentido durante o trámite de información pública”. 

O BOE recolle como a empresa di que "está plenamente aceptada na súa contorna social" CC-BY-SA Praza Pública

Por outra banda, ao tempo que culmina a legalización das súas instalacións en Mugardos, Reganosa vén de anunciar un novo proxecto para a produción de hidróxeno que implicaría a construción nas Pontes de catro parques eólicos e “un novo encoro”. Malia ser a Xunta accionista, o presidente Feijóo asegurou que o anuncio da empresa responde aos "seus propios intereses" e que cando presente formalmente o proxecto “miraremos o cumprimento da normativa ambiental”.

Para impulsar eses diversos proxectos que as empresas están a presentar para obter fondos europeos de recuperación económica a Xunta creou unha empresa público-privada na que participa co 40% do capital e da que tamén forma parte Reganosa, co 12% (xunto co 38% de Abanca e o 10% de Sogama, tamén participada á súa vez co 51% pola Xunta).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.