A empresa di que suporán un investimento de 780 millóns e 400 empregos fixos pero di que o proxecto está condicionado “á poxa de capacidade pendente de celebración” por parte do Goberno de España
Reganosa e a multinacional de orixe portuguesa EDP Renováveis veñen de anunciar a súa intención de impulsar nas Pontes e sete concellos da contorna un proxecto de xeración e almacenamento de enerxía ligado á produción de hidróxeno que incluirá “un novo encoro” ao norte do actual lago artificial e catro parques eólicos. A empresa di que suporán un investimento de 780 millóns de euros, 400 empregos fixos durante o funcionamento de todo o complexo e “máis de 7.000 empregos equivalentes” durante a súa construción, pero di que o proxecto está condicionado “á poxa de capacidade [enerxética] pendente de celebración” por parte do Goberno de España.
Segundo a descrición que fai a empresa, o proxecto “inclúe a construción dunha planta de elaboración de hidróxeno (H2) mediante electrólise (ata 100 Mw tras o seu completo desenvolvemento), que utilizará a auga do lago das Pontes e novas fontes de enerxía renovable”. Isto é, o hidróxeno en si mesmo é un xeito de almacenar enerxía, pero para producilo a partir da auga fai falta enerxía, para o que Reganosa planifica a construción de catro parques eólicos que suman “algo máis de 270 Mw” nos concellos das Pontes, A Capela, Xermade, Monfero, Valdoviño, Moeche, Cerdido e As Somozas.
Para xerar enerxía coa que producir hidróxeno o proxecto prevé, ademais dos parques eólicos, unha central hidroeléctrica con bombeo de auga entre o lago e un novo encoro a máis altura no que almacenala e soltala cando sexa máis rendible
Xunto cos parques eólicos, o proxecto tamén contempla obter electricidade da enerxía hidráulica cun “almacenamento enerxético cunha potencia instalada de xeración de 570 Mw”. E a propia empresa describe como sería ese almacenamento que “consistirá nunha central hidroeléctrica de bombeo que empregará como depósito inferior o propio lago, e como superior, un novo encoro que permitirá unha mellor xestión do sistema eléctrico propiciando unha maximización renovable no mix enerxético”. E engade que ese encoro de almacenamento “estará situado entre os núcleos de Castelo e A Esfarrapa”, ao norte do lago artificial das Pontes.
Nas centrais eléctricas de bombeo a auga sóbese ao encoro superior nas horas de custo máis baixo da enerxía ou de menor demanda para desde alí soltarse novamente cara ao inferior e producir nese momento electricidade nas horas máis rendibles, de aí que se fale de “almacenamento enerxético”.
O emprazamento do novo encoro de Reganosa e EDP estaría nunha zona na que tamén se está a impulsar unha plantación de eucaliptos en terreos de Endesa
Por outra banda, tanto o mapa co esquema das instalacións que divulga a propia empresa como a descrición que fai do emprazamento do “novo encoro” entre os núcleos de Castelo e A Esfarrapa coinciden cunha zona na que xa se está a impulsar unha plantación de eucaliptos en terreos propiedade de Endesa que a empresa arrenda á Plafor SA para a súa explotación forestal.