O Goberno español, con Pedro Sánchez á cabeza, está "financiando a invasión de Rusia". Así de rotundo se mostrou a semana pasada o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, durante a visita que realizou a unha adega de Ciudad Real. "Estamos a consumir máis gas ca nunca e, ademais, o que é lamentable é que nos convertemos nun dos países que importa máis gas a Rusia", asegurou.
O ex-presidente e actual líder do PP acusa o titular do Goberno de España de "financiar a invasión de Rusia" coa importación de gas ruso que en realidade é responsabilidade de empresas como Naturgy
"En consecuencia", acusou, "estamos a financiar de forma indirecta o conflito entre Rusia a guerra a invasión ilegal de Rusia en Ucraína". España "está a importar un 25% do gas que consumimos", reprochou Feijóo ao Goberno. E facémolo "en plena guerra, en plena escalada de violencia contra a poboación civil ucraína. Contra edificios, casas, escolas e hospitais", remarcou para subliñar as consecuencias das decisións que, segundo el, tomou o Goberno de Pedro Sánchez. "Este tipo de cousas tamén é bo que os españois as coñezan para que formen opinión". E que saiban "realmente cal é a política enerxética do Goberno".
Non foi un comentario illado. Feijóo lanza esta acusación case a diario. O pasado mércores fíxoo aproveitando un discurso ante a patronal dos concesionarios de coches: "Sendo España un país que non importaba gas a Rusia", as compras, subliñou, incrementáronse "ata chegar a un 20% do total do gas español". "Mentres estamos a regalar carros de combate a Ucraína, estamos a comprar gas a Rusia". A única explicación, concluíu, é "unha enorme improvisación e un enorme cinismo" por parte do Goberno de Sánchez.
A afirmación de Feijóo é falsa. Non é o Goberno o que decide onde compran o gas as empresas importadoras senón as propias compañías, que o adquiren libremente nos mercados internacionais. E tampouco o gas ruso representa o 20% das importacións españolas deste combustible senón o 12,5%, segundo datos da Corporación de Reservas Estratéxicas de Produtos Petrolíferos (Cores) correspondentes ao ano 2022.
Reganosa, da que a Xunta é accionista cunha participación ampliada durante a presidencia de Feijóo, é a segunda vía de entrada de gas ruso no Estado, só por tras da regasificadora de Bilbao
O máis rechamante, en calquera caso, é como Feijóo oculta un feito que lle afecta directamente, a el e ao seu partido. Se a chegada de gas ruso a España financia "a violencia contra a poboación civil ucraína, contra casas, escolas e hospitais", a Xunta de Galicia sería unha dos responsables da invasión. Porque o Goberno galego, en virtude de decisións adoptadas cando Feijóo era o seu presidente, é o segundo accionista de Reganosa, a planta regasificadora de Mugardos, a segunda do Estado pola que máis gas ruso entra ao mercado español desde que comezou a guerra.
Reganosa Holdco SA, a matriz do grupo, é propiedade nun 59,64% do grupo Gadisa, dedicada sobre todo á distribución alimentaria e en mans do empresario Roberto Tojeiro. Pero o seu segundo accionista é a Xunta, cun 28,50% do capital, segundo a última versión da estrutura societaria publicada pola compañía. Completa o accionariado Sonatrach Petroleum Investment Corporation, B.V. (11,76%), controlada á súa vez polo Goberno de Alxeria.
Segunda vía en importancia
A planta de Mugardos, da que é orgullosa copropietaria a Xunta de Galicia e que o propio Feijóo sempre apoiou, é a segunda vía de entrada de gas ruso, unicamente por tras do que chega a través de Bilbao. Alí opera unha planta regasificadora participada a partes iguais por Enagás e o Goberno vasco.
Reganosa lava as mans neste asunto. Fontes da empresa participada pola Xunta precisaron a infoLibre que non compran nin venden gas, só "facilitan a súa entrada en España a través de Mugardos" e, con iso, argumentan, "prestan un servizo ás comercializadoras e garanten a seguridade da subministración na península ibérica". As mesmas fontes declinaron dar conta de canto gas ruso entrou en España a través de Mugardos.
Durante 2022 chegaron a Mugardos cinco cargamentos de gas natural licuado a bordo de catro grandes buques
Todo o gas que chega a España faino en forma de Gas Natural Licuado (GNL) e o que vén de Rusia procede dunha terminal situada na costa ártica do país denominada Yamal LNG. A terminal en cuestión foi construída para explotar un dos xacementos de gas máis grandes do mundo mediante unha empresa conxunta formada hai unha década pola rusa Novatek, o goberno de Vladímir Putin e unha importante participación francesa e chinesa a través de Total, CNPC e a iniciativa do Cinto e Ruta da Seda.
O gas sae de Yamal LNG en grandes buques gaseiros aos que abre camiño unha frota de quebraxeos sen os cales o acceso ao porto sería imposible e chegan a Galicia despois dun mes de navegación. Desde que comezou a guerra, e segundo datos recompilados polo Centro de Investigación sobre Enerxía e Aire Limpo (CREA, nas súas siglas en inglés), chegaron a Mugardos cinco cargamento de GNL a bordo de catro grandes buques: o Nikolay Zubov, o Fedor Litke (en dúas ocasións), o Clean Horizon e o Eduard Toll. A chegada ás instalacións de Reganosa rexistrouse nos meses de xuño, xullo e setembro de 2022. O máis recente arribou a porto o pasado 22 de xaneiro.
487 millóns
En total, sempre segundo a información recompilada pola organización de investigación independente CREA, pola planta coparticipada pola Xunta pasaron 865.000 metros cúbicos de gas licuado ruso desde que Vladímir Putin ordenou invadir Ucraína. Son 477.213 toneladas, cun valor aproximado de case 487 millóns de euros.
Ese gas cómprao a empresa española Naturgy á rusa Novatek, que é a que controla a planta de Yamal, en virtude dun contrato a longo prazo que non vence até 2041. Á fronte de Novatek está Leonid Míjelson, un multimillonario ruso ao que Bloomberg atribúe a segunda maior fortuna do país.
Segundo a organización de investigación independente CREA, dende o inicio da invasión de Ucraína pasaron por Reganosa 865.000 metros cúbicos de gas licuado ruso por un valor aproximado duns 487 millóns
Míjelson é socio de Guennadi Timchenko, un dos oligarcas rusos máis próximos a Putin, en proxecto comerciais e de investimento. E Timchenko é, segundo o Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación, un dos principais propietario de Novatek a través de Grupo Volga. Seu era o iate Lena, confiscado polas autoridades italianas cando estaba ancorado no porto de San Remo en virtude das sancións aprobadas pola Unión Europea despois da invasión de Ucraína.
Segundo o último boletín de CREA, España é nestes momentos o décimo país en de a Unión Europa en importacións de combustibles fósiles procedentes de Rusia. Por diante están Alemaña, Países Baixos, Italia, Polonia, Francia, Hungría, Bélxica, Austria e Eslovaquia.
O gas que España importou de Rusia en 2022 cubriu o 12,5% das compras deste combustible levadas a cabo polas empresas enerxéticas españolas. Unha cifra que se sitúa por tras do gas procedente de Estados Unidos (28,8%), de Alxeria (23,8%) e de Nixeria (13,8%).