O Goberno galego aumentou paulatinamente nos últimos anos a súa participación no accionariado de Reganosa, a planta de gas que opera dende 2007 coa intervención directa da Xunta na súa controvertida ubicación de Mugardos, á beira da ría de Ferrol. Operacións empresariais como a absorción de Unión Fenosa por parte de Gas Natural deron lugar a movementos internos na compañía que derivaron, en 2016, en que o Grupo Tojeiro -propietario de Gadisa e Forestal del Atlántico- sumase acccións ata acadar a maioría -case o 50,7%- e en que o Goberno, pola súa banda, fixese o propio do 17,5% ao actual 24,31%, tornando no segundo maior accionista, condición que lle dá dereito a seis postos no consello de administración. Un deles vén de ser asumido polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela.
O nomeamento de representantes do Executivo galego en Reganosa non é novo, pero si o é o feito de que participen na administración da regasificadora integrantes do Goberno que non están directamente relacionados cos eidos económico e industrial ou ben con departamentos encargados da coordinación política da Xunta. Así, os representantes da comunidade autónoma que acumulan máis tempo no consello de Reganosa son dende 2014 o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e mais o actual secretario xeral da Presidencia, Manuel Galdo, nomeado cando exercía como director xeral de Política Financeira e Tesouro.
A Xunta ten seis postos no consello de administración de Reganosa, onde ata agora foi representada por membros dos departamentos económicos ou de coordinación xeral do Goberno
Foi tamén en 2014 cando, segundo consta na información corporativa de Reganosa, chegou ao consello o vicepresidente e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, daquela acompañado por quen era conselleira de Facenda, Elena Muñoz. Nese mesmo ano integrouse tamén no consello da regasificadora a secretaria xeral da propia consellería de Facenda, María del Socorro Martín, e cando en 2015 Muñoz abandonou o Goberno para optar á alcaldía de Vigo polo PP o seu posto en Reganosa foi asumido polo novo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que continúa representando á Xunta na empresa. Neste tempo tamén foi elección da Xunta o enxeñeiro Manuel Lara, nomeado asemade polo Grupo Tojeiro.
Estes eran os asentos da Xunta en Reganosa ata o pasado día 14, cando ficou confirmado o nomeamento de Rey Varela, cuxas competencias están limitadas ao ámbito das políticas sociais. Ao ser cuestionada ao respecto por Praza.gal a súa Consellería evita detallar as razóns concretas da decisión. A Xunta, evidencia Política Social, "conta cunha participación no accionariado de Reganosa dende a súa constitución" e isto implica que na actualidade conte cos devanditos seis representantes, que "serán os encargados de defender os intereses xerais da comunidade". "O conselleiro de Política Social -agregan- agora, como sempre o fixeron os representantes do Goberno galego, ocupa un deses postos" para "ostentar esa representación".
Rey carece de ligazón con Reganosa no ámbito competencial e profesional, pero non no político
A ligazón de Rey Varela con Reganosa non existe no ámbito competencial nin tampouco estritamente no profesional -é licenciado en Dereito-, pero si no político e xeográfico. Rey foi alcalde de Ferrol de 2011 a 2015 e na actualidade continúa a presidir o PP local, aínda que deixou o seu posto como edil da oposición cando Feijóo o designou como conselleiro dentro da ampla crise de goberno do propio 2015. O seu desembarco en Reganosa chega nun momento no que medran as voces que o sinalan para recuncar candidato conservador á alcaldía ferrolá en 2019, unha posibilidade que a dirección do PPdeG evitou desbotar publicamente nos últimos meses.
A súa designación como membro do consello da regasificadora apenas tivo eco no eido político, aínda que si suscitou críticas pola banda de Esquerda Unida. A xuízo desta formación "o nomeamento de Rey Varela para o consello da planta ilegal de Reganosa" é "unha proba do bo funcionamento das portas xiratorias que o PP pon en marcha". "Reganosa segue a ser unha instalación ilegal e perigosa cuxa construción parte dun negocio turbio, da tememridade e do desprezo medioambiental", afirmou nun comunicado EU, que advirte de que segue a "traballar para rematar coas irregularidades do affaire Reganosa".