A eólica mariña pon os marcos sen expectativa de participación pública galega

Parque de eólica mariña en augas de Alemaña CC-BY-SA Praza.gal - Cedida

Este pasado martes, o Goberno de España aprobou definitivamente os Plans de Ordenación dos Espazos Marítimos (POEM) para todas as costas do Estado e definiu as zonas previstas para instalacións de enerxía eólica mariña, que fronte a Galicia finalmente serán as mesmas cinco previstas inicialmente -catro entre Ferrolterra e a Mariña lucense e unha máis fronte á desembocadura do Miño- pero con tamaños máis reducidos polos condicionantes ambientais e conflitos con outros usos advertidos durante a avaliación ambiental.

A falta do real decreto que regule e detalle o desenvolvemento destas instalacións, de que se establezan os prazos ou de que se definan as características das poxas para adxudicar as áreas ás promotoras, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu de que o Goberno galego "non admitirá a instalación de ningún parque eólico que poña en risco os recursos pesqueiros". Fíxoo despois de que o BNG considerase que o Estado "traballa para defender os intereses das eléctricas e colócase de costas á defensa do medio ambiente e a un sector vertebral para a economía galega como é o sector pesqueiro”. 

A secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, aclarou que o POEM só supón establecer áreas de potencial desenvolvemento pero non que alí se instalen muíños e que cada solicitude será analizada para velar tamén polo ben do sector pesqueiro. 

A Xunta advirte do "risco" que a eólica mariña supón para a pesca; o Estado di que cada solicitude será avaliada para velar polo sector

O plan estatal prevé áreas para a eólica mariña fronte á costa galega que suman case a metade da superficie total prevista para en todo o Estado. O sector pesqueiro galego e asturiano -agrupado na a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños- pediu directamente a dimisión da ministra ade Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, negándose mesmo a participar en calquera debate sobre a implantación dos parques. E desde o Bloque instouse a rexeitar o plan porque "Galiza non pode seguir sendo a colonia enerxética de Madrid". 

Á espera de estudos en detalle sobre o posible impacto destas instalacións, o debate fica polo momento aí, obviando as posibilidades de participación pública na xestión e aproveitamento da eólica mariña. Alfonso Rueda limitouse a reclamar ao Executivo central "cogobernanza" na súa implantación e a Axenda enerxética de Galicia 2030, aprobada pola Xunta en xuño, nada di de participar no sector enerxético renovable. Tampouco o Goberno do Estado fixo alusión ningunha a unha opción común en moitos países, tanto na asentada eólica terrestre como na puxante offshore

Advertiuno xa o o Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli), que critica que "a participación simbólica da Xunta no capital do sector enerxético renovábel contrasta co seu destacado papel no accionariado de Reganosa, propietaria de regasificadora de Mugardos" e cualifica de "lamentábel" que a participación da Xunta no sector enerxético se centre nunha empresa dedicada ao negocio fósil. 

O Observatorio Galego da Acción Climática lembra "a participación simbólica da Xunta no capital do sector renovábel" fronte ao "destacado papel" en Reganosa

"A Xunta non ten ningunha intención nin de abandonar o accionariado de Reganosa, nin de ter unha participación significativa no sector enerxético renovábel, co propósito de acelerar e democratizar a transición enerxética en beneficio da sociedade galega. A creación dun Ente Galego da Enerxía, a semellanza do vasco, podería ser unha opción para iso", di.

A Xunta é propietaria do 24% de Reganosa e participa tamén, de maneira maioritaria, en Sogama (51%) xunto á eléctrica Naturgy, que posúe o 49%. Curiosamente, as dúas compañías, ademais de Abanca, conforman o control privado da empresa para captar fondos europeos promovida pola Xunta, que achega o 40% do capital. Malia a aposta ineludible da UE pola enerxía verde e renovable, nada semella virar a idea do Goberno galego, que xa hai máis dunha década vetou a participación da Administración no accionariado dos promotores de parques eólicos, figura que logo foi avalada pola xustiza

Estrutura para a eólica mariña, a construír no estaleiro de Fene © Windar Renovables

A súa aposta foi o canon eólico, o imposto específico que pagan os aeroxeradores polo seu impacto ambiental, co que a Xunta vén recadando desde 2010 os mesmos 22 millóns de euros ao ano malia que os parques espallados por Galicia medraron nun 25%, e cuxo destino foron gastos de persoal, alumeado, vehículos ou rozas

Tanto BNG como PSdeG demandan, respecto do modelo eólico terrestre, a participación pública fronte á "especulación" privada. No caso da offshore, expertos insisten en que tamén existe esa opción e que a Xunta ten "ferramentas de sobra" para, polo menos, formular unha posibilidade da que nada di. 

"Nos países nórdicos, onde xa foron pioneiros na participación pública e de comunidades locais na explotación da eólica terrestre, tamén existe a participación das administracións nos parques mariños a través de empresas pública enerxéticas", explica Pedro Varela Vázquez, autor xunto a María del Carmen Sánchez, ambos profesores de Economía Aplicada na USC, dun estudo (Estimation of the potential effects of offshore wind on the Spanish economy) sobre o posible impacto económico da enerxía eólica mariña no Estado.

"Hai moitas formas de que a Xunta participe no capital social dos promotores da eólica mariña, como fan as administracións no norte de Europa"

"En moitos países, o sector público participa dalgún xeito no capital social dos promotores das instalacións eólicas, normalmente cunha porcentaxe moi elevada, e a propia configuración dos seus sistemas eléctricos fai que o conxunto da sociedade participe, aínda que sexa de maneira indirecta, na explotación dos seus recursos", engade.

"Cada parque eólico é en si unha sociedade limitada e, aínda que neste caso a planificación é estatal, hai moitas fórmulas para que a Xunta poida, por exemplo, participar no capital social dos promotores que, ademais, verían con bos ollos esta colaboración coas administracións, polo menos na fase inicial", di Pedro Varela, que advirte que o Goberno central "tamén podería favorecer a súa propia participación ou das administracións autonómicas". 

Parque eólico mariño CC-BY-NC-ND Dennis Schroeder / NREL

"Falta por coñecer o decreto e a norma que regule o desenvolvemento dos parques e o proceso de adxudicación e é aí onde habería que apostar por esa participación pública que xa se dá en tantos países", explica tamén Rosa Regueiro, profesora de Economía Aplicada na USC, experta en enerxía e autora d'A propiedade do vento galego. "Na offshore do norte de Europa participan empresas privadas e fondos de participación pública, non é nada estraño", engade.

"Galicia debería apostar pola participación pública no sector da eólica mariña; é legal, sería desexable e é rendible"

"En Galicia hai xa experiencia de participación da Xunta en empresas, tamén enerxéticas. Legalmente poderíase facer e sería mesmo desexable", di Regueiro. Denota algo que a Xunta participe e impulsase Reganosa ou comparta con Naturgy a propiedade de Sogama pero non pareza apostar do mesmo xeito por iniciativas renovables? "É un modelo e aposta económica e política, co seu compoñente ideolóxico, claro", explica Varela, que lembra que o sector eólico en Galicia é "pioneiro" e que a Administración debería, como mínimo, pensar en "participar directamente no desenvolvemento inicial dos parques". 

"Que a Xunta participe no capital social destas instalacións tamén suporía un sinal para o sector industrial, para todas as empresas que en Vigo ou Ferrol xa están implicadas na fabricación de compoñentes ou de buques guindastre para os eólicos mariños e que están a apostar forte", explica Varela, que mesmo advirte da posibilidade de implicar a comunidades locais, como as pesqueiras, que poidan verse afectadas pola offshore. "Tamén é cuestión de facerlle ver á sociedade os beneficios desta produción enerxética e de facela partícipe deles", engade. 

"Non hai mellor exemplo para apostar e impulsar a enerxía verde que participar na súa produción"

"Se a cuestión é a rendibilidade, estes parques eólicos amortizan o investimento moito antes que outras instalacións e son altamente rendibles; se temos en conta a liña programática da Xunta, non hai mellor exemplo para apostar e impulsar a enerxía verde que participar na súa produción", aclara Rosa Regueiro, que advirte de que "outra cousa" son os "intereses de cada política económica por primar a participación privada por riba da pública" que poida ter un goberno. "Pero legalmente e en termos de rendibilidade, non hai dúbida... Senón, miremos o que se está a facer en Dinamarca, Alemaña ou Escocia", continúa. 

"Nin as empresas privadas nin as administracións están por perder o tempo; de forma directa ou a través de fondos públicos, os gobernos apostan pola eólica, tamén pola mariña. Espero que en Galicia o enfoque sexa, dunha vez, máis aberto, coherente e consecuente", conclúe. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.