Todo tipo de actuacións xustificadas como “ambientais” son o destino dos 22 millóns de euros que a Xunta obtén do canon eólico, a metade do cal o reparte aos concellos, cuxa xestión ambiental é posta en dúbida polo Consello de Contas
O canon eólico, o imposto específico que pagan os aeroxeradores polo seu impacto ambiental, co que a Xunta vén recadando desde 2010 os mesmos 22 millóns de euros ao ano malia que os parques espallados por Galicia medraron nun 25%, debe ser destinado a través do Fondo de Compensación Ambiental, segundo a lei que o creou, a actuacións de “conservación, reposición e restauración do medio ambiente e reequilibrio territorial”. Uns obxectivos que abarcan todo tipo de actuacións, desde melloras do alumeado público á compra de vehículos ou gastos de persoal se están dedicados a fins “ambientais” pasando por traballos de roza e limpeza de camiños.
A lei establece que “serán principais beneficiarios” do Fondo de Compensación Ambiental “os municipios afectados pola implantación de parques eólicos e polas instalacións de evacuación dos mesmos”, pero permite que a propia Xunta, que tamén deduce cos “custos de xestión” do canon, poida executar ela mesma ata a metade dos fondos. A outra metade vén sendo á súa vez repartida aos concellos fundamentalmente a través de convocatorias anuais de dous tipos: algo máis de 7 millóns ao ano para os concellos con parques eólicos ou atravesados polos seu cableado, que reciben unha contía proporcional en función do número de aeroxeradores ou metros de canalizacións, e algo menos de 2 millóns para calquera concello aínda que non teña eólicos, pero neste caso para proxectos concretos seleccionados a través dun procedemento competitivo contra outros concellos. Ademais outras contías menores van destinadas aos consorcios provinciais ou comarcais contra incendios.
No caso dos fondos para os concellos, tamén os que reciben unha contía fixa en función do número de aeroxeradores que albergan deben xustificar que o destino dos cartos é algún tipo de actuación ambiental. Pero se a Xunta permite dedicar os fondos que ela mesma xestiona a partidas orzamentarias dedicadas a “protección de animais de compañía abandonados”, infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios forestais, proxectos de biomasa ou “sensibilización” do desenvolvemento rural, tamén as actuacións municipais subvencionables co Fondo de Compensación Ambiental abarcan todo tipo de gastos. Especialmente nos concellos máis pequenos, nos que os cartos procedentes do Fondo de Compensación Ambiental supoñen unha elevada porcentaxe dos seus ingresos fronte á dificultade de atopar proxectos “ambientais” no que investilos todos os anos.
Pequenos concellos como Muras, exemplo de boas prácticas, ou Abadín, con orzamentos de menos de dous millóns ao ano pero con 381 e 200 aeroxeradores reciben medio millón e 250.000 euros respectivamente
Pequenos concellos como Muras ou Abadín, con orzamentos municipais totais que non chegan aos dous millóns de euros ao ano pero que están á cabeza da lista de municipios eólicos de Galicia, con 381 e 200 aeroxeradores respectivamente do total de algo máis de 4.000 que hai en todo o país, reciben só a través da convocatoria de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental máis de medio millón e de 250.000 euros respectivamente. Cifras que, no caso de Muras, permiten ao concello, posto polos expertos como exemplo de boas prácticas coa enerxía eólica, axudar á veciñanza a pagar as facturas da electricidade en función da súa renda.
En xeral, o norte das provincias da Coruña e Lugo é a zona máis beneficiada polo Fondo de Compensación Ambiental porque os seus concellos con reducida poboación acumulan a maior parte dos aeroxeradores de Galicia. Pero o deseño do canon eólico, primando a repotenciación, está a facer que algúns concellos reciban agora menos fondos que hai uns anos porque os parques reduciron turbinas para aumentar a potencia das que quedan, aínda que non viron reducido o número de parques e mesmo pode que os aumentasen.
Ante esta situación, o Observatorio Eólico de Galicia vén reclamando “que o canon eólico teña como feito impoñible a potencia instalada do parque eólico e non o número de aeroxeradores”, xa que se os primeiros seguen en arredor duns 4.000, a potencia instalada pasou duns 3.200 MW a uns 3.800 MW, en liña co que ocorreu co número de parques distintos espallados polo territorio, que pasaron duns 150 a uns 200. Tamén hai protestas desde concellos como o de Mazaricos, cuxos máis de 120 aeroxeradores producen un canon eólico duns 700.000 euros dos que só volven directamente ao Concello uns 200.000 despois de que a Xunta xestione directamente a metade e da outra metade vai tamén en parte para concellos sen turbinas.
Ao analizar as actuacións dalgúns concellos en actividades ambientais en xeral o Consello de Contas deixou tamén en evidencia as eivas da xestión dos fondos procedentes do canon eólico
En dez anos de figura impositiva o Consello de Contas aínda non analizou o canon eólico nin o Fondo de Compensación Ambiental con ningún informe específico, limitándose a constatar nos seus informes anuais o nivel de recadación da Xunta. Pero o ente fiscalizador si que presentou en 2019 un informe selectivo sobre as actuacións en materia medioambiental nos exercicios 2017 e 2018 de medio cento de concellos de máis de 10.000 habitantes. A análise abarca todas as xestións ambientais deses concellos, entre elas as realizadas co Fondo de Compensación Ambiental, o que permite un achegamento a algunhas das actuacións concretas financiadas con el.
Do medio cento de concellos de máis de 10.000 habitantes cuxas actuacións ambientais en xeral analizou Contas, 11 recibiron en 2017 cartos da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, a que se reparte directamente en función do número de xeradores en cada concello, e 11 recibiron da liña de concorrencia competitiva, na que pode participar calquera concello aínda que non teña eólicos e a Xunta elixe os mellores proxectos de todos os presentados.
Nos concellos con parques eólicos, a análise de Contas reflicte que o Fondo de Compensación Ambiental foi parar a actuacións non tan ligadas aos efectos dos aeroxeradores como fai Muras ao pagar a electricidade da veciñanza. Vilagarcía adquiriu un vehículo para “actuacións de protección do ambiente”, O Carballiño, Ribeira ou Viveiro renovaron redes de saneamento ou abastecemento e A Laracha mercou “soportes para suxeición dos colectores de recollida do lixo”. Caso aparte é o da Estrada e Lalín, que presentaron como proxectos subvencionables a mellora dunha depuradora e unha rede de sendeiros e perderon as axudas porque non xustificaron as actuacións.
No caso dos concellos que recibiron fondos procedentes do canon eólico malia non ter aeroxeradores no seu termo municipal tamén hai de todo entre as actuacións fiscalizadas polo Consello de Contas en 2017. Sanxenxo dedicou o que lle tocou do Fondo de Compensación Ambiental a “limpeza e mantemento das marxes de pistas e camiños rurais”, e varios concellos como O Barco de Valdeorras, Marín, Nigrán ou Noia optaron por renovar alumeado público como actuacións de “mellora da eficiencia enerxética”, algo que non lograron como pretendían O Porriño e Tui porque non xustificaron a actuación. Cambados mercou motos para a súa policía local “para tarefas de protección ambiental e do espazo natural” e A Laracha destinou os cartos a contratar tres auxiliares de policía local durante o verán.
Ese informe do Consello de Contas, o que máis se achega ata agora a pescudar os investimentos do Fondo de Compensación Ambiental, deixa en evidencia a incapacidade de boa parte dos concellos analizados como mostra de xestionar de forma planificada e eficiente as súas actuacións ambientais, calquera, non só as que derivan dos cartos procedentes do canon eólico, que cando menos poden contar cunha supervisión a maiores da Xunta que lles entrega os fondos.
Segundo o ente fiscalizador, dos 53 concellos analizados, “20 non dispoñen dunha unidade específica dedicada á xestión ambiental”, e dos 33 que si a teñen 9 non se dotaron de persoal técnico especializado, sendo a media dun único técnico medioambiental por concello. En xeral, sen centrarse só nos cartos procedentes do canon eólico, Contas considera que no medio cento de concellos que analizou houbo “inadecuada contabilización tanto dos ingresos como dos gastos que teñen como finalidade a xestión, protección e mellora do medio ambiente” e unha “falta de definición de obxectivos e indicadores que permitan verificar o grao de cumprimento de gastos nesta materia”.
Os concellos, vén dicir Contas, non están a xestionar de xeito planificado e eficiente as súas actuacións ambientais en xeral por falta de departamentos e persoal. Esas son as súas conclusións sobre os concellos de máis de 10.000 habitantes, pero o propio ente fiscalizador salienta que a maioría dos concellos que reciben cartos do Fondo de Compensación Ambiental obtido a través do canon eólico teñen menos poboación, e polo tanto estruturas administrativas aínda máis febles para a xestión ambiental.