Muras socializa os beneficios da enerxía eólica e págalle a luz á veciñanza

Instalacións eólicas en Muras © Concello de Muras

En Muras, por cada dúas persoas hai máis dun muíño de vento. Neste municipio da serra do Xistral localízanse o 13% das centrais eólicas que hai en Galicia: 20 dun total de 153. 381 aeroxeradores que enchen a paixase desta localidade de 164 quilómetros cadrados e menos de 700 habitantes. Agora, e para "compensar a xeración de riqueza dos seus recursos naturais" por parte de grandes eléctricas e o "impacto medioambiental" na zona, o Concello vén de pór en marcha unha ordenanza pioneira coa que sufragará a factura eléctrica dos seus veciños. 

Muras ten 381 aeroxeradores, máis de un por cada dous habitantes, e concentra o 13% das centrais eólicas de Galicia

O Concello, gobernado desde o ano pasado polo BNG, destina unha partida de 150.000 euros para abonar a factura da luz de cada unidade familiar, cun importe subvencionable anual máximo de 500 euros e que terá en conta a renda per cápita de cada casa. O municipio, un dos que ten máis PIB por habitante de Galicia, busca así "garantir o nivel de calidade de vida e de benestar de todos os veciños, especialmente a suficiencia económica da terceira idade, o sector maioritario da nosa poboación". 

Destínanse 150.000 euros a sufragar a factura da luz de cada familia, cun importe máximo anual de 500 euros e tendo en conta a renda per cápita

O alcalde, Manuel Requeixo, cumpre así coas que foran as dúas primeiras promesas e propostas ao chegar á alcaldía: conseguir que todos os veciños tivesen luz eléctrica e lograr a gratuidade dos recibos. Máis aínda nun concello de onde as grandes eléctricas sacan tanto beneficio. Na propia ordenanza, o goberno local explica que o obxectivo é "compensar a xeración de riqueza dos recursos naturais explotados por empresas con sedes fiscais fóra do territorio", "compensar o impacto medioambiental de forma directa nos veciños e veciñas", "fomentar o asentamento de veciños no noso municipio, evitando o éxodo rural á costa e ás cidades" e, por último, "erradicar do municipio a pobreza enerxética".

Os obxectivos son "compensar a xeración de riqueza dos recursos naturais e o impacto medioambiental", "evitar o éxodo rural" e "erradicar a pobreza enerxética"

"É de xustiza social", advirte o rexedor, que lembra que "con Fraga chegou todo o boom dos parques eólicos pero nunca se tivo en conta aos veciños". "Nun lugar como Muras, onde máis enerxía eólica se xera e onde se facturan grandes cantidades de diñeiro, non houbo plan de desenvolvemento industrial ningún nin nada que se lle parecese", engade quen recorda "como mesmo as administracións se puxeron do lado das grandes firmas". "Levamos 15 anos cos aeroxeradores e aos veciños pagóuselles catro pesos polas terras; eu vin como se lles dicía que "por esas cuatro piedras no te dan nada, vende y listo", di. 

"Levamos 15 anos con eólicos e nunca se tivo en conta aos veciños, aos que se lle pagou catro pesos polas terras", di o alcalde

 

"É cuestión de vontade"

"Esta medida tamén serve para loitar contra a pobreza enerxética, para conseguir que a xente siga vivindo aquí, que continúe vendo o lugar como unha zona de futuro, para loitar contra o despoboamento e para que os nosos maiores teñen a vellez que se merecen", insiste quen asegura que a ordenanza "trata de compenssar todas as inxustizas que neste ámbito se veñen acumulando". 

E como definir a medida? O alcalde opta pola "socialización dos beneficios que xera a enerxía eólica". E insiste en que tomar este tipo de iniciativas "non é complicado" porque "hai competencias". "Consiste en respectar a lexislación e, sobre todo, ter vontade. É unha proposta da que se poden beneficiar todos os veciños... Os muíños non xiran todos os días desde hai 15 anos? Pois nalgo ten que reverter", explica Requeixo, que cita Abadín, concello limítrofe, como outra localidade onde unha medida semellante sería máis que posible. Tamén, aclara, "a Xunta ten como facelo". 

A axuda dun máximo de 500 euros concédese en dous pagamentos semestrais a cada unidade familiar que a solicite e logo de que presente e acredite toda a documentación que se lle require. Aquelas familias que perciban menos de 9.500 euros ao ano recibirán unha achega que cubra ata o 100% do consumo e un máximo de 250 euros por cada semestre. As que perciban menos de 15.000, ata o 90% do consumo e 400 euros por ano; as que se sitúen entre eses 15.000 e 22.000, ata o 80% e 300 euros ao ano; e os que superen os 22.000 euros, ata o 70% e un máximo de 200 euros por exercicio. 

"Para facer isto, hai que estar no BNG; nun partido estatal con portas xiratorias e vínculos coa empresa privada, non é posible"

"Para facer isto, tes que estar nun partido como o BNG, dígoo así de claro", reivindica Requeixo, que está "seguro" de que "noutros partidos de ámbito estatal, con portas xiratorias e moitos vínculos coa empresa privada, isto non sería posible". "Abres unha porta que non interesa que abras: a socialización dos beneficios da enerxía eólica que producen as grandes empresas eléctricas", remata o alcalde dun Concello que na exposición de motivos da ordenanza lembra que "Galicia exporta arredor do 40% da enerxía que produce". "O país é netamente exportador de enerxía eléctrica, o que nos converte nunha potencia enerxética, soportando importantes custos sociais e ambientais; mais nunca esta capacidade repercute en beneficio do pobo galego e da súa economía", engade antes de achegar numerosos datos e xustificar a pioneira medida "ante a impasibilidade do goberno do Estado e da Xunta para que Galicia teña  unha tarifa eléctrica máis barata como produtores que somos de enerxía". "Nós non nos resignamos a quedar parados e estáticos ante esta aldraxe e ademais cumprimos coa nosa palabra", di o texto. 

Manuel Requeixo, alcalde de Muras Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.