Mazaricos, primeiro concello que se lle rebela á Xunta por non compensar dabondo o impacto dos eólicos

Parque eólico en Mazaricos © Concello de Mazaricos

Mazaricos ten instalados no seu territorio municipal máis de 120 aeroxeradores. Desde hai unha década, a Xunta aplica un canon eólico ás empresas propietarias dos muíños co que financia o Fondo de Compensación Ambiental (FCA), que intenta paliar nos concellos, como este da Costa da Morte, o impacto medioambiental, paisaxístico ou económico destas instalacións. Segundo os cálculos do actual goberno local, a suma total da cota tributaria de 2018 para os parques da súa localidade supera os 700.000 euros. No entanto, tras a publicación en decembro pasado da orde reguladora das subvencións derivadas deste FCA, o municipio recibe un máximo total de pouco máis de 200.000 euros. 

Mazaricos calcula que a cota tributaria do canon eólico no seu concello supón uns 700.000 euros pero tan só recibe uns 200.000 do Fondo de Compensación Ambiental

As queixas son habituais noutros concellos, pero Mazaricos decidiu ser o primeiro en levantar a voz ante unha situación que considera “inxusta” e pola que acaba de presentar unha reclamación á Xunta ao entender que a achega económica das empresas co canon “é importante” pero “non repercute directamente no municipio, como debería ser”. “A batalla é coa Xunta, non coas compañías. Non pode ser que os seus impostos polos parques desta localidade supoñan máis de 700.000 euros e nós recibamos uns 200.000”, explica o seu alcalde, Juan José Blanco (BNG), que lembra as dificultades económicas de lugares que, coma este, están penalizados polo envellecemento e teñen serias dificultades para levar a cabo obras fundamentais na zona. 

A reclamación vai contra a literalidade da normativa pero tamén coa aplicación que a Xunta fai dela, da que Mazaricos ten moitas dúbidas. Así o explica na petición que enviou á Consellería de Presidencia, da que dependen estas subvencións, e á que tivo acceso Praza.gal. 

Parque eólico nun monte galego © Universidade de Vigo

Con cargo a este Fondo de Compensación Ambiental, Mazaricos recibe da Xunta 200.245,17 euros destinados a actuacións de roza e limpeza, un punto de auga municipal, recuperación ambiental da mina de Parxubeira, subministración para aula da natureza no Pino do Val e colectores para a recollida residuos. Moito menos do desexado e urxente, segundo o rexedor. 

O Concello presenta unha reclamación á Xunta ao considerar "insuficiente" a porcentaxe mínima do 50% que o Fondo achega aos municipios afectados polos eólicos

Segundo explica o Concello na súa petición ao Goberno galego, a lei que crea o canon eólico e o FCA establece que os orzamentos anuais da Xunta poderán establecer criterios específicos de afectación deste Fondo “sempre e cando a súa aplicación non comprometa máis do 50% da dotación correspondente aos recursos anuais” e se vincule ao financiamento de actuacións para a protección do medio e o contorno natural, a súa conservación, reposición e restauración ou a investigación sobre enerxías renovables. Ademais, indica, unha vez aplicada esta porcentaxe destinarase “como mínimo” o 50% da contía dispoñible “ás entidades entidades cuxo termo municipal se atope dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico ou resulten afectadas polas instalacións de conexión”.

O Concello de Mazaricos considera que “non só existe unha desviación de case un 43% do total da cota tributaria entre o importe máximo da subvención (200.245,17 euros) e os 350.375 euros a que ascendería o 50% da cuota tributaria (un total de 700.750), senón que “a porcentaxe mínima dun 50% destinada a entidades locais resulta a todas luces insuficiente”, razón pola que di presentar a queixa ante a Xunta.

Porque, tal e como lembra o municipio, dos 11 millóns previstos nos Orzamentos para o FCA, a Xunta reserva 3,3 para esas actuacións excepcionais previstas na Lei. Segundo a reclamación de Mazaricos, estas achegas deberían atender, en virtude da normativa, “a criterios xustificativos que acheguen unha motivación suficiente”.

No DOG, a Xunta tan só di que estes 3,3 millóns van destinados a “outras actuacións” do FCA e a consorcios provinciais e comarcais contra incendios. “Non achega criterio xustificativo ningún, como esixe a normativa habilitante, que fundamente” esta “reserva” de cartos, aclara o Concello de Mazaricos, que advirte da “conseguinte privación dos mesmos ás entidades locais directamente afectadas pola implantación do parque eólico ou da instalación conexa”. 

Mazaricos acusa a Xunta de non ter ningún criterio xustificativo para retirar 3,3 millóns dos 11 previstos para os concellos e de non cumprir co obxectivo da lei de aproveitamento eólico

“Non se obtén ningunha razón nin criterio xustificativo para que máis de 3 dos 11 millóns de euros se desvíen e non resulten finalmente asignados aos afectados directos”, insiste na reclamación, que considera tamén que a Xunta “incumpre cos fins perseguidos pola lei” de 2009. Nela establécese que “serán principais beneficiarios do fondo os entes locais cuxo termo municipal se atope dentro da liña de delimitación poligonal dun prque eólico”, así como os afectados polas súas instalacións de evacuación. 

“Consideramos que se, como efectivamente establece a Lei, deben ser os entes locais os principais beneficiarios do Fondo, este obxectivo desvirtúase cando se habilita legalmente a posibilidade de que ata o 50% del poida destinarse a actuacións que, se ben están presididas pola finalidade da protección do medio e do contorno natural, non garanten que con iso se poida minorar a citada “alteración ambiental” que a propia lei cualifica mesmo de auténtica “deseconomía” e frustra a pretensión de que, en efecto, sexan estes entes locais os principais beneficiarios do Fondo”, engade.

Desde a Consellería de Presidencia, que aínda non recibiu o escrito, aseguran que a queixa "será, por suposto, estudada", pero aclaran que o canon eólico "está a cumprir a finalidade delimitada polo artigo 9  da Lei que o regula". Respecto das críticas do rexedor de Mazaricos, din "respectalas" pero non "compartilas" porque, segundo lembra, a lei garante que un mínimo do 50% do FCA vai destinados aos concellos afectados polas instalacións. 

Vista de Mazaricos © Concello de Mazaricos

O Concello de Mazaricos require a “ampliación do mínimo reservado” aos municipios de xeito que “o 100% do FCA se dedique á reparación do impacto causado” e sexan estes entes locais “os destinatarios e beneficiarios íntegros del”. Ademais, reclama que o investimento da porcentaxe non reservada ao Concello “se dedique a actuacións que garden impacto directo no termo municipal, interesando un axeitado saneamento e a instalación de depuradoras en todos os núcleos rurais do termo municipal, así como a mellora da rede de abastecemento das aldeas”.

Mazaricos pide á Xunta que se amplíe o mínimo reservado aos municipios e que o 100% do Fondo de Compensación Ambiental reverta nos municipios que sofren o impacto dos eólicos

Porque o alcalde Blanco lembra tamén que, mesmo licitando unha obra por menos cartos dos previstos, esa diferenza ten que ser devolta tamén á Xunta. “Debemos ser solidarios, pero os demais tamén terán que ser solidarios con nós; somos un concello que sofre moito o impacto dos parques eólicos e temos graves problemas de saneamento e abastecemento e non temos capacidade económica para levar a cabo unhas obras que si poderíamos facer de mudar esta situación”, explica. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.