Un total de 12.000 postos de traballo ata 2030 e 5.000 xerados neste 2019, que podería converterse nun dos exercicios con mellores datos de instalación de enerxía eólica. Eses son algúns dos datos que prevé a Asociación Eólica de Galicia, que calcula que serán 23 os parques construídos neste ano no país para un sector que volve coller pulo logo de anos freado por cuestionadas decisións políticas.
Primeiro foi a anulación por parte do Goberno de Núñez Feijoo do concurso eólico do goberno bipartito, que foi declarada ilegal polo Tribunal Supremo. O segundo golpe chegou dende Madrid, pola decisión do Executivo de Mariano Rajoy de poñer fin ás primas á produción de enerxías renovables, xunto con outras decisión que prexudicaron ao sector das renovables. A crise económica acabou por afogar un sector que no ano 2005 significaba o 1,5% do PIB galego, pero que unha década despois xa caera ata o 0,5%, dez anos nos que se perderon 4.500 postos de traballo.
A patronal eólica prevé xerar 5.000 empregos neste ano e sumar 23 parques máis construídos, dando pulo a un sector freado tras cuestionadas decisións políticas nos últimos anos
Agora, a patronal do sector é moito máis optimista, tal e como manifestou nos datos achegados durante a presentación da súa nova páxina web. José Manuel Pazo, presidente da asociación, lembrou que Galicia sumaba non hai moito 5.600 traballadores fixos vinculados á enerxía eólica, unha cifra que a tal hora está en case 2.000 menos, uns 3.650.
A patronal eólica calcula que se construirán 500 megawatts en total en 2019, un volume de instalación que agarda que sexa similar cada ano na vindeira década para poder así estabilizar o sector logrando eses 12.000 empregos en 2030 tras un investimento duns 5.000 millóns de euros.
A situación lembraría, algo, á vivida no sector en Galicia antes da anulación do concurso eólico do bipartito e as consecuencias de inseguridade xurídica que esa e outras decisións da Xunta e do Goberno central provocaron. A finais do pasado 2018, Galicia tiña algo máis de 3.400 megawatts instalados, o 14,5% do Estado en 162 parques. Cando remate 2019 calcúlase que haxa 23 instalacións máis (ata 148) e case 4.000 MW instalados.
A Asociación Eólica de Galicia prevé pasar dos 3.400 aos 4.000 MW instalados e alcanzar os 148 parques a finais de 2019
Ademais, Pazo destacou que non está a favor, “evidentemente”, do canon eólico e reclamou que “parte” dos ingresos da Xunta por ese imposto sirvan para a educación ambiental e sobre renovables nas localidades onde se instalan os parques porque “moitas veces” estas actuacións “non van “ a eses lugares senón a outros da contorna.
Respecto das críticas da veciñanza nalgunhas zonas onde se constrúen novos parques, a patronal recoñeceu o dano na súa imaxe pública, recoñeceu “erros” do pasado e instou a coñecer “a orixe do problema”. En canto ás incidencias en restos patrimoniais denunciadas, asegura que a afectación “real” é “mínima”.