Os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo a exposición pública delimitan tamén zonas de alto potencial para a biodiversidade, a actividade portuaria, a acuicultura e a I+D
O Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de iniciar a exposición ao público, ata o 25 de xuño, dos denominados Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), documentos derivados dunha directiva europea de 2014 que insta aos estados a ordenar e definir zonas prioritarias para os distintos posibles usos dos mares. No caso do plan para o noroeste da península [aquí o PDF], o documento propón para a enerxía eólica mariña varias “zonas de uso prioritario ou zonas de alto potencial en función das interaccións que presentan co resto de usos e actividades marítimas” que se situarían principalmente no sur da provincia de Pontevedra ao oeste do cabo Silleiro e no noroeste do Ortegal, e varias zonas de menor tamaño na Mariña.
As zonas agora deseñadas polo Goberno central coinciden en parte coas que foron propostas a grandes liñas hai unhas semanas, coa presenza da Xunta, polo Galician Offshore Energy Group (GOE), creado dentro da Asime (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia): a Marñia, Punta Lagosteira canda o porto exterio da Coruña, e o litoral sur da provincia de Pontevedra. Por outra banda, Iberdrola vén de iniciar a tramitación ambiental dos dous primeiros parques eólicos mariños na Mariña e Ortegal. Ao tempo, o Parlamento, co voto a favor de PP e PSdeG e en contra de BNG, vén de mudar de postura e agora apoia impulsar e estudar as posibilidades da eólica mariña tras o seu veto unánime de hai doce anos.
O plan de ordenación agora sometido a exposición pública polo Goberno de España delimita sete categorías de uso prioritario no mar fronte ás costas galegas: para a protección da biodiversidade, para a extracción de áridos destinados á protección costeira e rexeneración das praias, para a protección do patrimonio cultural, para a I+D+i, para a defensa e actividades militares, para a navegación, e para a eólica mariña. Para cada unha destas zonas establece “disposicións de ordenación, criterios para facilitar a coexistencia do uso prioritario con outros usos e actividades, e medidas” de actuación.
Á súa vez, o plan define cinco categorías de “zonas de alto potencial” para o desenvolvemento futuro de actividades de conservación da biodiversidade, I+D+i, portuarias, de acuicultura e de eólica mariña. No proceso de definición das zonas para a eólica o documento sinala que primeiro se caracterizou a potencialidade da forza do vento en todo o noroeste peninsular (zonas ER1), a continuación se descartaron as zonas de alto valor ecolóxico quedando un espazo menor (denominado ER2) e na denominada terceira fase (ER3) tivéronse en conta “as interaccións con outros usos e actividades marítimas” e consideráronse “os criterios achegados polas diferentes administracións consultadas”.
O documento admite que non tivo en conta o impacto paisaxístico nin a pesca artesanal, cuxas compatibilidades cos eólicos serían analizadas na tramitación de cada parque concreto
O propio documento admite que “certos aspectos non foron considerados na delimitación dos ER3, deixándose para a súa avaliación no marco da tramitación do proxecto correspondente: áreas de fondeo prohibido e trazado de cales e outras conducións submariñas, impacto paisaxístico e pesca artesanal e calquera outro uso que poida estar acontecendo nas zonas”. Tamén admite "solape" nas tres zonas máis pequenas identificadas na Mariña con espazos nos que a Xunta quere "novas actividades de acuicultura mariña".
O documento si sinala que para a súa elaboración contouse con información e achegas por parte da Xunta, entre outras a localización de xacementos subacuáticos identificados por Patrimonio que se tiveron en conta pero se manteñen en secreto “para garantir a súa salvagarda”.
O documento fai unha "identificación preliminar das zonas máis viables" pero "remite a "estudos técnicos de profundidade e procesos de avaliación ambiental pertinentes que deberán levarse a cabo para cada proxecto"
O resultado é “unha identificación preliminar das zonas máis viables para o desenvolvemento de parques eólicos, independentemente dos estudos técnicos de profundidade e procesos de avaliación ambiental pertinentes que deberán levarse a cabo para cada proxecto que finalmente se pretenda realizar”. Fronte ao litoral galego son as cinco zonas ER3 denominadas NOR-1 a NOR-5, e debuxadas no mapa do documento -reproducido nesta información- en cor verde máis claro e con raias verticais. A elas habería que engadir outras varias zonas ao longo da costa asturiana a similar distancia de Galicia que, polo sur, o parque con tres muíños xa en funcionamento fronte a Viana do Castelo.