Hai xusto doce anos, en maio de 2012, todo o arco parlamentario galego (PP, PSdeG e BNG) uníase contra a eólica mariña e impulsaba unha batalla administrativa e xudicial rexeitando o proxecto do Goberno central que abría o 75% da costa galega aos parques offshore. Mentres Europa avanzaba no seu desenvolvemento, España e Galicia --sinalada como un dos territorios con maior potencial e condicións-- seguiron anos a remolque, con traballadores e material saíndo do país para as infraestruturas que proliferaron no litoral danés, británico ou alemán.
O estudo da patronal metalúrxica sinala tres zonas sen impacto en Galicia coas que o país podería chegar a cubrir todo o seu consumo eléctrico
A tecnoloxía avanzou e a aparición de plataformas flotantes, que non precisan de ancoraxe no leito mariño, permitiu afastar os muíños da liña terrestre. Un estudo da Universidade de Santiago (USC) insistiu en 2017 mas enormes posibilidades que esta industria lle abría a Galicia, na mesma liña que nesta altura seguen os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo que desenvolven as administracións. Agora, a Xunta vén de acompañar o Galician Offshore Energy Group (GOE) --creado dentro da Asime (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia)--, na presentación dun estudo sobre as potencialidades e desenvolvemento da eólica mariña que sinala tres áreas sen impacto cos que comezar o desenvolvemento desta industria.
A Mariña, Punta Lagosteira e o Val Miñor son as potenciais áreas para instalar eólica mariña; Asime calcula 5.000empregos directos ata 2030
O estudo do GOE sinala A Mariña de Lugo, Punta Lagosteira, canda o porto exterior da Coruña, e o Val Miñor, no sur da provincia de Pontevedra como os lugares libres de impactos sobre os que iniciar o desenvolvemento da eólica mariña, excluíndo caladoiros de pesca ou áreas de acuicultura. Tres zonas potenciais para instalar aeroxeradores a curto prazo (nos vindeiros cinco e oito anos), medio (de oito a dez) ou longo (de dez en diante) e de dous tipos: desde as 2,5 millas desde a costa ata as 12 e cunha profundidade dun mínimo de 50 metros e os que se situarían entre as 12 e as 24 millas e con máis de 100 metros de fondo.
Galicia, como lembra o GEO, conta xa coas recoñecidas capacidades da indutria naval e do metal, centros de investigación, avances nas universidades e experiencia abonda cos parques eólicos terrestres. E os cálculos da patronal metalúrxica falan da creación de máis de 5.000 empregos directos de aquí a 2030 e da produción, sen nin tan sequera construír todos os muíños posibles, de producir ata 17.000 Gw/hora ao ano, o que cubriría o actual consumo eléctrico de Galicia.
Sería o máximo posible, pero unha produción anual de 6.300 GWh alcanzaríase xa coa instalación de 1.500 MW dos máis de 9.000 potenciais, igualando así o que achegan na actualidade todas as non renovables en Galicia nun ano. Nese caso, serían arredor dun milleiro os empregos directos creados cun investimento de 4.500 millóns, mentres que no caso de elevarse os cálculos aos 4.000 MW e os 12.000 millóns, superaríanse os 5.000 postos de traballo e cubriríase o consumo eléctrico.
"O debate sobre a idoneidade está superado; debatemos sobre o como porque o avance tecnolóxico permite levar aeroxeradores mar adentro e sen impacto"
Segundo destaca Asime, a conxuntura actual e os avances tecnolóxicos fan que a pregunta xa non sexa se hai que apostar pola eólica mariña ou non, senón "onde e como". Pola súa banda, o profesor e economista Pedro Varela Vázquez, autor xunto con María del Carmen Sánchez daquel estudo de 2017 (Estimation of the potential effects of offshore wind on the Spanish economy), cre que "por sorte" o debate sobre a idoneidade ou non da offshore "está superado".
"Agora debatemos sobre o como porque as capacidades tecnolóxicas que hai agora non son as que había cando todo o Parlamento galego se opuxo", explica quen aclara que as alternativas actuais "permiten levar un aeroxerador mar adentro, fóra das rías e sen o impacto medioambiental ou económico que podía ter nas rías".
"O debate mudou socialmente porque tecnoloxicamente hai máis alternativas, o impacto é menor e hai moitos estudos que mesmo advirten da complementariedade e simbiose beneficiosa entre a eólica mariña e as actividades pesqueiras ou marisqueiras", insiste tras engadir outro factor que pode facer a eólica mariña aínda máis atractiva: "Poden ser unha alternativa á masificación de parques en terra".
Pedro Varela, economista experto en eólica mariña, advirte de que a eólica mariña "pode ser unha alternativa á masificación de parques en terra"
"Os aeroxeradores mariños son máis eficientes, teñen máis potencia unitaria e serven como alternativa de menor impacto a certos problemas de masificación de parques eólicos que está a haber nalgunhas comarcas galegas", explica Varela, que sinala tamén como relevante o feito de que "non sexa só o sector público, senón tamén o privado, o que impulse esta industria". "No caso de Asime, é evidente que ve nela uns efectos de arrastre moi importantes na industria auxiliar; só hai que ver como Navantia Fene se está a beneficiar dos pedidos da eólica mariña fronte á escaseza de pedidos do estaleiro de Ferrol".
Con todo, e respecto ás previsións de creación de emprego directo que fai o GEO, Varela cre que pode "pecar algo de optimista" e lembra o devalo sufrido xa nos últimos anos en toda a industria vinculada ao sector eólico en Galicia e que, aclara, "pode verse algo recuperada nalgunha zona" relacionada mesmo con outros sectores.
O impulso do sector público e privado, os fondos europeos, o menor impacto dos aeroxeradores ou a emerxencia climática favorecen o avance da eólica 'offshore'
Desde a Xunta, o vicepresidente e conselleiro de Economía, Francisco Conde, lembrou que o proxecto galego aos Next Generation europeos inclúen proxectos da eólica mariña, mesmo en colaboración con Portugal, a mesma que se busca con Asturias e Cantabria.
A fin do carbón e o que iso supón en termos de destrución industrial e de emprego, co peche de Meirama e o anunciado nas Pontes, é outros dos factores clave que sinalan, segundo o sector privado e tamén o público, a importancia do desenvolvemento da offshore. Doce anos despois de que fose rexeitada na Cámara e varios avances tecnolóxicos despois, impulsados tamén pola emerxencia climática e a aposta ineludible polas enerxías renovables.