A hora da eólica mariña: "Non podemos perder este tren"

Instalación eólica mariña nas costas de Dinamarca CC-BY-SA Kim Hansen

Hai xa oito anos, todo o arco parlamentario galego (PP, PSdeG e BNG) uníase para emprender unha batalla administrativa e xudicial contra o proxecto do Goberno central que abría o 75% da costa galega aos parques eólicos mariños. Un estudo do Ministerio de Industria valoraba as posibilidades dos muíños de vento fronte a Galicia e a Xunta, co apoio unánime da Cámara, recorreuno polo seu enorme impacto "económico, medioambiental e paisaxístico". A Audiencia Nacional aceptou parte das súas reclamacións, permitindo o veto galego nas denominadas "augas interiores", as máis achegadas aos peiraos. Pero hai un ano, o Tribunal Supremo botou abaixo este veto tras outro recurso do Estado, que ten as competencias nesta hipotética aposta pola eólica offshore. Non semellaba moi necesario. O sector non ten case implantación en España nin en Galicia, desde onde saen traballadores e material de empresas para as infraestruturas que si proliferan nas costas danesas, británicas ou alemás, entre outras. Non aquí. Un estudo da Universidade de Santiago (USC) advirte das enormes posibilidades do futuro desenvolvemento da eólica mariña no Estado e, xa que logo, en Galicia. 

"Non podemos perder este tren", di con claridade Pedro Varela Vázquez, autor xunto a María del Carmen Sánchez, ambos profesores de Economía Aplicada, do estudo (Estimation of the potential effects of offshore wind on the Spanish economy; Renewable Energy, 2017). Nel, analízase o impacto económico -en emprego directo ou indirecto e en contribución ao PIB-, a cadea de valor sectorial e toda a potencialidade da enerxía eólica mariña desde hoxe até o 2030 no Estado. Como conclusión básica, estiman que a produción podería acadar daquela uns 500 megavatios, nas previsións menos optimistas, e crear uns 3.000 empregos de calidade.

O estudo dos profesores da USC advirte da creación de 3.000 empregos de calidade no Estado cunha produción de tan só 500 MW 

"Hai grandes oportunidades de negocio e emprego en España e, por suposto, en Galicia", insiste Varela, que asegura que estamos ante "un sector intensivo en capital que precisa de grandes investimentos, cun enorme impacto no PIB pero tamén no emprego, creando postos de traballo industriais" e que, como lembra, "están vinculados aos que en Vigo ou Ferrol xa se fan para explotacións gasísticas ou petrolíferas" en alta mar. 

Existen, como lembra o autor, empresas galegas presentes no naval e na enerxía offshore que están traballando xa para outros países. De impulsar este sector, suporía unha importante diversificación para o sector industrial en Galicia. De non facelo, a competitividade e o agromar doutras compañías nos lugares de instalación acabarían por facer perder outro tren. Pedro Varela teno claro: "A nivel estatal, Galicia e Euskadi -e en menor medida Asturias-, serían as autonomías máis beneficiadas, xa non só pola súa experiencia no naval, senón pola que teñen á hora de subministrar material para plataformas gasísticas ou petrolíferas, semellante ao requirido nos parques eólicos", explica. "Son moitas as empresas galegas que, sen ter background no eólico, si o teñen noutro sector igualmente vinculado á eólica mariña, con persoal cualificado e experiencia para competir a nivel internacional sen problema ningún", engade. 

Vigo e Ferrolterra conta xa con empresas traballando para parques eólicos mariños doutros países: "Teñen persoal cualificado e experiencia"

Dentro de Asime (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia) xa hai un departamento, Galician Offshore Energy Group, que trata de abrir mercado e que busca impulsar un parque eólico mariño piloto de 50 megavatios que serviría como proba para asentar a aposta polo sector con outra infraestrutura de 300 MW. No entanto, as políticas públicas e o pulo das administracións neste ámbito non se dan concretado. 

"Nun horizonte de instalación de 500 MW, que sería escaso e o mesmo que se instalaba en Galicia anualmente en terra, poderíanse crear 3.000 empregos de calidade, industriais e a longo prazo, de perfil universitario e estudos superiores", insiste Varela, que lembra que poñer en funcionamento unha infraestrutura deste tipo leva "catro ou cinco anos" ao que habería que engadirlle un mantemento de 20 e a posterior substitución das máquinas. "Todas as potencias europeas se están a sumar á eólica mariña, mesmo os EUA malia a chegada de Donald Trump", conta. 

Varela destaca o "emprego de calidade" e "a longo prazo" que se crearía co impulso a esta industria

A clave está tamén nas diferentes expectativas respecto do impacto medioambiental e noutros sectores económicos que podería ter esta industria, nomeadamente en Galicia. As estruturas flotantes que agora se empregan poden situar estes parques mariños a moitos quilómetros da costa, moitos máis do que antes se calculaban. "Entendo perfectamente as reticencias que en 2009 amosaron todas as forzas parlamentarias; daquela a previsión que había era a de colocar os aeroxeradores moi preto da costa, máis aínda en Galicia onde a plataforma continental afonda moi axiña. Estarían moi achegados ás rías e era lóxico advertir do impacto no medio ambiente, na pesca de baixura, no sector marisqueiro e no turismo", explica Varela. 

O avance tecnolóxico provoca que a distancia á costa á que agora se sitúan os aeroxeradores sexa moito maior que hai anos

"Agora -como advirte o profesor da USC- hai estudos de viabilidade que sitúan os aeroxeradores a bastantes quilómetros de distancia e cun impacto moitísimo menor". "Habería que volver abrir o debate en Galicia", considera Varela, que, con todo, advirte de que o Parlamento galego "non é competente" á hora de autorizar parques eólicos mariños. O dereito de uso da plataforma continental correspóndelle ao Estado. 

 

"Máis abundante e máis eficiente"

Preguntado polo pulo necesario en Galicia á eólica mariña, Pedro Varela cre que "o primeiro que habería que facer é xuntar a Administración autonómica e a estatal cos sectores industriais e enerxético". "Que debatan sobre as posibilidades, sobre onde se ubicaría e que se consulte cos expertos a nivel medioambiental, económico e de enxeñería; na eólica terrestre subimos ao tren pero sen debate e iso non pode volver suceder para que non haxa rexeitamento social", explica. 

"Habería que volver abrir o debate sobre a eólica mariña en Galicia"

Ademais, insiste nas vantaxes galegas pero tamén nos riscos, e pon o exemplo de Navantia, "que xa está fabricando jackets e plataformas flotantes e exportando", pero que terá que competir "cos novos competidores que xurdan nos mercados máis próximos a esta industria". Como explica Varela, Reino Unido é agora o líder mundial na eólica mariña "porque decidiu diversificar a produción enerxética logo de fracasar na eólica terrestre".

"Os países decátanse de que hai máis recursos eólicos no mar e que os avances tecnolóxicos neste ámbito son moi grandes", insiste. Tamén advirte da reflexión que se fai en países como Dinamarca, que "sabe que está chegando ao límite dos seus recursos eólicos". "En España ou Alemaña non estamos ao límite, pero si pode que o esteamos dentro de 2-3 lustros", advirte. En Berlín, a aposta por esta enerxía é claro desde hai anos. "É unha forma de aproveitar recursos eólicos máis abundantes e de maneira máis eficiente que coa eólica terrestre", remata. 

Varela e Sánchez, autores do estudo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.