0 Gardados para despois

O Supremo pon fin ao veto da Xunta aos eólicos no mar máis achegado á costa de Galicia

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Os parques eólicos mariños poderán instalarse nas augas máis achegadas á costa galega. O Supremo vén de tirar abaixo o veto aos muíños no mar máis próximos a terra que a Xunta acadara logo de que a Audiencia Nacional aceptara o seu recurso para protexer as augas interiores e prohibir así estas instalacións nas primeiras millas do litoral. O alto tribunal elimina agora esta prohibición e abre a porta á eólica offshore nas áreas antes restrinxidas pola Administración galega. 

O Supremo anula a sentenza da Audiencia Nacional que aceptou a protección das augas máis achegadas á costa solicitada pola Xunta

Daquela, en 2009, a Xunta presentou un recurso contencioso-administrativo contra o Estudio Estratéxico Ambiental do litoral española para a instalación de parques eólicos mariños do Ministerio de Industria que fixaba as zonas da costa onde se poderían ubicar os aeroxeradores. Agás algunha zona concreta na Mariña e nas Rías Baixas, a maioría do litoral galego considerouse apto -con máis ou menos condicionantes- para acoller unhas instalacións fortemente implantadas noutros lugares como o Reino Unido ou Alemaña pero cuxa simple posibilidade levantou unha forte polémica en Galicia.

O sector pesqueiro manifestou a súa "radical oposición" ás intencións do Goberno central e todo o arco parlamentario -PP, PSdeG e BNG- uniuse para emprender unha batalla administrativa e xudicial contra uns proxectos que abrían o 75% da costa galega aos muíños. A Xunta recorreu o informe polo enorme impacto "económico, medioambiental e paisaxístico" que a eólica offshore podería provocar na costa e a Audiencia Nacional rexeitouno, pero aceptou parte das súas reclamacións permitindo un veto nas denominadas "augas interiores", as máis achegadas á costa e aos peiraos. Agora, o Tribunal Supremo vén de botar abaixo este veto tras un recurso de casación presentado polo Executivo central contra aquela sentenza. 

A sentenza aclara que a Xunta non ten competencias sobre as augas interiores afectadas malia si estaren no seu "ámbito territorial"

O ditame do Supremo, ao que tivo acceso Praza, é claro e repite en varias ocasións que a Lei de Costas estatal non conta cunha "definición de 'mar territorial' nin de 'augas interiores', nin cun concepto de recursos naturais, nin, en definitiva, cos conceptos de zona económica e plataforma continental onde, en principio e no ámbito do medio mariño, os recursos naturais se atoparían". A Xunta argumentara ante a Audiencia Nacional a súa competencia sobre esas "augas interiores" para denunciar a extralimitación do Estado e o tribunal, no seu ditame, advertía que anulaba a resolución impugnada polo Goberno galego "en todo o especificado no mesmo que atinxa, aínda con carácter orientativo, as augas interiores do litoral galego".

A Audiencia Nacional, xa que logo, considerou esas augas territoriais competencia da Xunta pero excluíu aquelas que van máis aló das 12 millas  náuticas, sobre as que tería competencia o Estado. Agora, o Supremo bota abaixo esa argumentación aclarando que a Administración galega ten "lexitimación para a impugación do Estudo Estratéxico" por ter competencias no ámbito das súas augas territoriais e terse invadido o seu "ámbito territorial galego", pero aclara que non foron as súas competencias as que se invadiron xa que "carece delas na materia". Dito doutro xeito, como insiste o ditame, "non se trata dunha cuestión competencial", senón dunha "delimitación de 'ámbito territorial"

Agora falta por ver o resultado da fin total do veto ás instalacións eólicas na costa galega. Logo deste ditame do Supremo, ningunha zona da costa galega -sempre tendo en conta os respectivos informes medioambientais e de afectación requiridos e as limitacións propias de cada área- estaría exenta de acoller muíños offshore, os mesmos que agroman con forza en boa parte das costas europeas. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.