As tres turbinas estarán ancoradas ao fondo mariño, a unha profundidade duns cen metros, e requirirán dun investimento duns 125 millóns de euros, a metade comprometidos este mesmo venres en Lisboa polo Banco Europeo de Investimentos
EDP Renováveis e Repsol lanzaron este venres en Lisboa, na sede da primeira empresa, o que presentaron como o “maior parque eólico flotante do mundo”, denominado Windfloat Atlantic, e que, con tres turbinas, estará situado a uns 20 quilómetros fronte ás costas de Viana do Castelo, a uns 30 quilómetros da Guarda.
O proxecto, cunha potencia de 25 MW repartidos, é liderado por EDP, cunha participación do 79,4%, mentres que Repsol participa co 19,4% e Principle Power co 1,2% restante. Suporá un investimento inicial duns 125 millóns de euros, dos que o Banco Europeo de Investimentos (BEI) achega un préstamo de 60 millóns de euros asinado este mesmo venres en Lisboa, entre outras axudas comunitarias e do Goberno portugués.
Segundo os promotores do proxecto, este permitirá crear 250 novos empregos en Portugal e España. Navantia construirá algunhas das estruturas, que serán ancoradas ao fondo mariño nunhas augas que teñen unha profundidade duns cen metros.
O parque éolico portugués chega dous anos despois de que o Tribunal Supremo español puxese fin ao veto da Xunta ás turbinas eólicas no mar máis próximo á costa galega.