O Parlamento, cos votos a favor de PP e PSdeG, apoia "promover e dinamizar" a eólica mariña tras o rexeitamento unánime de todos os grupos hai doce anos
O Parlamento de Galicia aprobou este mércores unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a "promover e dinamizar o sector da eólica mariña offshore mediante a promoción de elementos técnicos e de coñecemento desta tecnoloxía e a súa implementación". Impulsada polo PP, e transaccionada logo co PSdeG, a iniciativa foi aprobada co voto a favor destes dous grupos e o rexeitamento do BNG.
A proposición aprobada supón, en definitiva, o cambio de postura oficial da Cámara logo de que hai doce anos, en maio de 2012, as mesmas formacións -que daquela supoñían tamén todo o arco parlamentario galego- se unisen para rexeitar unanimemente a instalación de parques eólicos na costa galega.
Daquela, e logo de que o Goberno central aprobase un estudo estratéxico que sinalaba gran parte do litoral galego como apto para estes muíños de vento, PP, PSdeG e BNG amosaran a súa postura contraria á instalación de parques eólicos mariños ante o "impacto que terían no sector pesqueiro e marisqueiro e tendo en conta as previsións de elaboración dun plan de ordenación e usos da costa".
A proposición inclúe unha emenda do PSdeG para garantir que os parques eólicos non afecten a pesca nin o medio ambiente
Na proposición aprobada este martes, a Cámara insta tamén á Xunta a "avaliar o asentamento de parques no contorno mariño garantindo que non se cause dano ás actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño".
Ademais, reclámase a constitución dun observatorio con entidades estatais, europeas e internacionais e representantes do sector asistidos por técnicos da Administraicóns para "promover a realización de estudos ambientais e socioeconómicos específicos para Galicia que analicen as oportunidades e impacto que podería orixinar a implantación de parques eólicos offshore nas costas galegas”. Tamén a implantación no país de "actividade empresarial e industrial asociada á produción de enerxía eólica mariña, en uso das competencias do Goberno de Galicia en materia de promoción económica e política industrial”.
A proposición incluíu finalmente unha emenda do grupo do PSdeG para que se garanta que as explotacións eólicas mariñas non afectará a pesca nin o medio ambiente, así como que o seu desenvolvemento estea vencellado á implantación de industria asociada.
O Bloque votou en contra e acusa a PP e PSdeG de "romper o consenso galego de reservas á implantación da eólica mariña"
O viceportavoz socialista, Pablo Arangüena, asegura que a emenda responde á necesidade de "poñer coto ao manifesto desprezo pola conservación do medio ambiente e á “descarada conivencia coas empresas do sector enerxético” por parte da Xunta, tras facer alusión ao "caso da ex-conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, que pasou inmediatamente a traballar para unha empresa sobre a que tomara decisións na súa etapa de goberno".
Desde o BNG, a súa deputada Noa Presas acusou a PP e PSdeG de "romper o consenso galego de reservas á implantación da eólica mariña" e considera que o avance da tecnoloxía nos novos aeroxeradores "non ofrece garantías" para as características da costa galega. Ademais, advirte de que o marco legal é o mesmo que en 2009 Galicia levara aos tribunais.
Daquela, o Parlamento impulsara unha batalla administrativa e xudicial rexeitando o proxecto do Goberno central que abría o 75% da costa galega aos parques offshore e advertindo de que atentaba contra competencias exclusivas autonómicas ou que atentaba contra zonas estratéxicas marítimo-pesqueiras.
Un estudo da patronal metalúrxica sinala tres zonas sen impacto en Galicia coas que o país podería cubrir todo o seu consumo eléctrico
Os avances tecnolóxicos na última década provocaron a aparición de plataformas flotantes, que non precisan de ancoraxe no leito mariño, que permiten afastar os muíños da liña terrestre. Un estudo da Universidade de Santiago (USC) insistiu en 2017 mas enormes posibilidades que esta industria lle abría a Galicia, na mesma liña que nesta altura seguen os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo que desenvolven o Estado e as comunidades autónomas. Hai só dúas semanas, a Xunta acompañou o Galician Offshore Energy Group (GOE) --creado dentro da Asime (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia)--, na presentación dun estudo sobre as potencialidades e desenvolvemento da eólica mariña que sinala tres áreas sen impacto cos que comezar o desenvolvemento desta industria.
Os cálculos da patronal metalúrxica falan da creación de máis de 5.000 empregos directos de aquí a 2030 e da capacidade, sen nin tan sequera construír todos os muíños posibles, de producir ata 17.000 Gw/hora ao ano, o que cubriría o actual consumo eléctrico de Galicia. Ademais, sinala A Mariña de Lugo, Punta Lagosteira, canda o porto exterior da Coruña, e o Val Miñor, no sur da provincia de Pontevedra como os lugares libres de impactos sobre os que iniciar o desenvolvemento.
"Unha alfombra vermella"
Miguel Tellado, deputado do PP, eleva as estimacións e fala de "12.000 postos de traballo durante a próxima década” e advirte dun "impacto paisaxístico e ecolóxico reducido" e do "grande impulso económico" que a eólica mariña suporía para "a dinamización económica e laboral de Galicia”.
Noa Presas, pola súa banda, argumenta que os parámetros medios de distancia da costa e profundidade dos parques mariños en Europa "son imposibles en Galicia" por posuír "unha plataforma continental morfoloxicamente complexa e diferente" por ser "especialmente curta (20-30 km)" e dar logo un salto a unha profundidade "para a que non hai tecnoloxía comercial aínda".
Ademais, a deputada do Bloque cre que os parques eólicos serían implantados "en zonas moi achegadas á costa", cunha "colisión evidente de intereses". Do mesmo xeito, advirte dun modelo "pensado para servir aos lobbys sen retorno económico" e que "non garante o dereito de Galiza a decidir sobre este ámbito". "Non lugar de anticiparse á nova lexislación que prepara o Goberno central, PP e PSOE poñen unha alfombra vermella sen dar prioridade ao principio de cautela e aos valores ambientias e produtivos", remata.