O Observatorio denuncia que a Axenda enerxética de Galicia 2030 "atrasa a neutralidade climática de 2040 a 2050 e non procura unha redución das emisións de gases de invernadoiro dun 65% en 2030 con respecto a 1990
A Axenda enerxética de Galicia 2030, aprobada polo Consello da Xunta o pasado mes de xuño, é un documento que busca servir como folla de ruta do Goberno galego en materia de enerxía para os vindeiros anos. Dende a súa presentación, foi recibida con críticas dende o ecoloxismo polos seus tímidos obxectivos e pola escasa información achegada. Agora o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) vén de facer público un informe, Axenda enerxética de Galicia 2030: unha folla de ruta incompleta cara a unha Galicia gris, que analiza o seu contido de forma crítica.
O Observatorio denuncia que a Axenda enerxética de Galicia 2030 "atrasa a neutralidade climática de 2040 a 2050 e non procura unha redución das emisións de gases de invernadoiro dun 65% en 2030 con respecto a 1990, polo que non está en liña coa meta máis ambiciosa do Acordo de París, evitar un quecemento global superior a 1,5⁰C". Ademais, engade, a Axenda nin precisa o mix enerxético (máis alá do eléctrico) nin estima as emisións de gases de invernadoiro asociadas a ese mix. "Polo tanto, non precisa a súa achega á redución das emisións totais de Galicia, o que alimenta aínda máis a confusión e desinformación existente a respecto do obxectivo da Xunta", sinala.
A entidade advirte de que "a redución do consumo galego de enerxía primaria procurada pola Axenda Enerxética é de só o 19% en 2030, en comparación con 2019. Este recorte equivale á caída forzada en 2020 pola COVID-19". A xuízo do OGACLI, a diminución do consumo debería aproximarse ao 40%
A entidade advirte de que "a redución do consumo galego de enerxía primaria (non confundir con enerxía final) procurada pola Axenda Enerxética é de só o 19% en 2030, en comparación con 2019. Este recorte equivale á caída forzada en 2020 pola COVID-19". A xuízo do OGACLI, a diminución do consumo debería aproximarse ao 40%, para o cal "sería preciso un salto na electrificación da economía (parella á desfosilización da xeración eléctrica), a aceleración da rehabilitación enerxética de edificios, o decrecemento da mobilidade en coche e camión e melloras notábeis da eficiencia enerxética nos sectores produtivos".
O Observatorio destaca que "para lograr un aumento ambicioso da participación das enerxías renovábeis cómpre, por un lado, reducir fortemente a actividade do sector enerxético fósil e o consumo galego de enerxía e, por outro lado, intensificar o crecemento das renovábeis térmicas diferentes da biomasa (solar térmica, aerotermia, xeotermia) e das renovábeis eléctricas diferentes da eólica terrestre, nomeadamente da solar na modalidade de autoconsumo".
"A desfosilización da xeración eléctrica, unida ao incremento da produción eléctrica renovábel e da electrificación do consumo de enerxía final, estancado nun 25% nos últimos anos, impulsaría a descarbonización de Galicia", conclúe o informe
O informe critica que a Axenda da Xunta "renuncia a unha produción eléctrica 100% renovábel en 2030, logro que implicaría reducir até cero o factor de emisión de gases de efecto invernadoiro da produción eléctrica galega". "A desfosilización da xeración eléctrica, unida ao incremento da produción eléctrica renovábel e da electrificación do consumo de enerxía final, estancado nun 25% nos últimos anos, impulsaría a descarbonización de Galicia", conclúe.
O documento destaca que "tampouco hai ningunha alusión na Axenda a futuros procesos de transición xusta asociados á redución e/ou ao cesamento da actividade da industria enerxética fósil". "Isto parécenos consecuencia, por un lado, da falta de interese da Xunta en adiantar o inevitábel fin do sector enerxético fósil e, polo outro, da súa confianza en que se atrasará moito máis alá de 2030", sinala o Observatorio.
"O proceso de descarbonización, que debería ser moi rápido, coloca en causa o futuro de refinarías de petróleo como a de Repsol na Coruña, condenada a pechar ou a orientarse cara a produción de biocombustíbeis, hidróxeno verde ou combustíbeis sintéticos", indica o documento, que engade que "no que respecta ás centrais de ciclo combinado a gas fósil e á regasificadora de Reganosa en Mugardos que as abastece a través dun gasoduto, é tamén claro que a Xunta pretende que a súa vida se alongar ben máis alá de 2030".
"A Xunta non ten ningunha intención nin de abandonar o accionariado de Reganosa, nin de ter unha participación significativa no sector enerxético renovábel, co propósito de acelerar e democratizar a transición enerxética en beneficio da sociedade galega", critica
O Observatorio critica que "a participación simbólica da Xunta no capital do sector enerxético renovábel contrasta co seu destacado papel no accionariado de Reganosa, propietaria de regasificadora de Mugardos" e cualifica de "lamentábel" que a participación da Xunta no sector enerxético se centre nunha empresa dedicada ao negocio fósil. "A Xunta non ten ningunha intención nin de abandonar o accionariado de Reganosa, nin de ter unha participación significativa no sector enerxético renovábel, co propósito de acelerar e democratizar a transición enerxética en beneficio da sociedade galega. A creación dun Ente Galego da Enerxía, a semellanza do basco, podería ser unha opción para iso", di.
O Observatorio denuncia, ademais, a falta de transparencia do Goberno galego na elaboración e presentación do documento, que "presenta importantes lagoas e non foi obxecto dunha avaliación ambiental estratéxica", sinalando o OGACLI que "o seu texto completo nin tan sequera foi divulgado publicamente logo da súa publicación e o Observatorio obtívoo só grazas á intervención da Valedora do Pobo".