O 2022 significou un paso atrás no obxectivo de que Galicia produza a totalidade da súa electricidade a partir de fontes renovables e deixar de depender da importación de combustibles fósiles coma gas, carbón e petróleo, xeradores ademais de gases de efecto invernadoiro. A seca que o país sufriu durante boa parte do ano levou a un forte descenso da produción das centrais hidroeléctricas, unha merma que non foi compensada con electricidade xerada por fontes renovables, senón pola producida pola queima de carbón e, sobre todo, pola queima de gas nas dúas centrais de ciclo combinado.
Mentres a produción eléctrica renovable baixou o 19%, a fósil creceu un 26%, duplicándose a achega do carbón (pasou do 1,9% ao 3,8%) e sobre todo a do gas (do 15,3% ao 22,6%)
O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) vén de publicar a súa análise dos datos provisionais completos do 2022 divulgados por Rede Eléctrica de España (REE), que revelan que o pasado ano a xeración eléctrica renovable acadou unicamente o 64% do total, moi lonxe do 74% e do 75% acadados nos anos 2020 e 2021. Mentres a produción eléctrica renovable baixou o 19%, a fósil creceu un 26%, duplicándose a achega do carbón (pasou do 1,9% ao 3,8%) e sobre todo a do gas (do 15,3% ao 22,6%), que se converteu na segunda fonte en importancia, despois da eólica.
O descenso da produción renovable explícase pola caída da hidráulica (do 31,8% ao 18,5%) e o estancamento da enerxía eólica. O OGACLI critica "o estancamento da potencia eléctrica renovábel", que afasta Galicia do obxectivo de que no ano 2030 as renovables acheguen o 100% da electricidade producida e consumida no país.
O OGACLI critica "o estancamento da potencia eléctrica renovábel", que afasta Galicia do obxectivo de que no ano 2030 as renovables acheguen o 100% da electricidade producida e consumida no país
A consecuencia deste paso atrás é un forte incremento da emisión de gases de efecto invernadoiro ligados á producións eléctrica. O Observatorio calcula que neste proceso Galicia expulsou á atmosfera 3,5 millóns de toneladas destes gases contaminantes, un 30% máis que o pasado ano e superando mesmo os datos de 2020. Estas emisións caeron de forma abrupta no ano 2019 grazas ao case total abandono da importación e queima de carbón nas centrais térmicas e chegaron ao seu mínimo no ano 2021 grazas ao crecemento da enerxía eólica. Porén, o 2022 supuxo un paso atrás neste camiño de loita contra o cambio climático.
Na xeración de electricidade Galicia expulsou á atmosfera 3,5 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro, un 30% máis que o pasado ano e superando mesmo os datos de 2020
"Trátase dun importante paso atrás na descarbonización da xeración de electricidade que, malia ter diminuído moito as súas emisións no que levamos de século por causa do desenvolvemento renovábel e da caída no uso do carbón, segue a ser unha das maiores fontes de gases causantes de cambio climático no noso país (16% en 2020)", denuncia o Observatorio, que engade que "a desfosilización total da xeración eléctrica é estratéxica para a descarbonización do conxunto da economía, mediante o aumento da súa electrificación".
O OGACLI sinala que "as emisións de gases causantes de cambio climático da nosa produción eléctrica terían aumentado ben máis de non ser polo forte descenso tanto da demanda interna galega -especialmente pola paralización até 2024 da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao- como das exportacións de electricidade ao resto da Península Ibérica".