Neste verán de 2022, marcado pola seca, os megaincendios e as vagas de calor, falouse moito de cambio climático en Galicia. Mais só das consecuencias. As causas ficaron novamente nun segundo plano. Semella un asunto incómodo de máis.
Neste verán de 2022, marcado pola seca, os megaincendios e as vagas de calor, falouse moito de cambio climático en Galicia. Mais só das consecuencias. As causas ficaron novamente nun segundo plano. Semella un asunto incómodo de máis
Da mesma forma que fixemos nun artigo anterior coa realidade enerxética galega en 2020, tentamos neste resumir nunha soa gráfica as emisións territoriais galegas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) causantes de cambio climático en 2020, o ano máis recente para o que se dispón de datos oficiais, procedentes do último inventario estatal elaborado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Recoméndase a (re)lectura do artigo sobre a realidade enerxética, pois esta resulta determinante na xeración das emisións de GEI. A transformación e o consumo final de enerxía fósil (procesado de enerxía) é a causa dun 70 % das emisións. Sen unha transición enerxética máis rápida e xusta non poderemos reducir as emisións ao ritmo necesario para contribuírmos a cumprir o obxectivo máis ambicioso do Acordo de París: limitar o quecemento global a 1,5 ºC.
A gráfica que presentamos a continuación, dispoñíbel na páxina web do Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI), permite visualizar como se distribúen as emisións por grandes tipos e sectores de actividade (1).
Na primeira columna á esquerda represéntanse os diferentes GEI (2). Na central distribúense as emisións por tipos de actividades e na da dereita por grandes sectores.
Sen unha transición enerxética máis rápida e xusta non poderemos reducir as emisións ao ritmo necesario para contribuírmos a cumprir o obxectivo máis ambicioso do Acordo de París
O dióxido de carbono (CO2) é o gas de invernadoiro que máis contribúe á crise climática global desde Galicia. Representou unhas tres cuartas partes das emisións en 2020, fronte a un 17% do metano (CH4) e un 7 % do óxido nitroso (N2O). Os gases fluorados representaron menos do 2% das emisións totais de GEI.
Despois do uso de enerxía fósil, aínda que a grande distancia, a dixestión do gado (fermentación entérica) é a actividade máis emisora, cun peso de case o 11% nas emisións, a práctica totalidade atribuíbel ao gando vacún.
Tamén é destacábel a achega dos procesos industriais (á marxe do consumo de enerxía fósil na industria) e do uso de certos produtos, que chegou a representar un 7%. Neste eido, as emisións aparecen dominadas pola industria metalúrxica e máis polo uso de hidrofluorocarbonos (HFC) en aparellos de refrixeración e aire acondicionado.
Canto ao reparto das emisións por sectores, chama a atención que o maior sector emisor en 2020 non fose o enerxético, a industria ou o transporte, senón a agricultura e a gandaría, responsábel do 26,5% das emisións totais se incluírmos nelas as da maquinaria agrícola, como parece lóxico (3).
Nunca desde o comezo da serie histórica de datos oficiais, en 1990, o sector agrario liderou as emisións territoriais de gases causantes de cambio climático. Niso tivo moito que ver o decrecemento económico provocado pola COVID-19
Moito máis que a agricultura, é a gandaría a principal orixe das emisións da actividade agraria, especialmente se temos en conta que a maior parte da superficie cultivada en Galicia destínase a alimentar gado. Por suposto, as emisións da dixestión do gado e da xestión dos residuos gandeiros nas explotacións son atribuíbeis á gandaría, pero tamén boa parte das debidas ao uso de fertilizantes (por pastoreo e aplicación de residuos gandeiros). Por tipos de gado, é o vacún o que domina as emisións.
Nunca desde o comezo da serie histórica de datos oficiais, en 1990, o sector agrario liderou as emisións territoriais de gases causantes de cambio climático. Niso tivo moito que ver o decrecemento económico provocado pola COVID-19, que induciu unha queda espectacular das emisións do transporte en 2020.
O transporte volverá ser seguramente o maior sector emisor en 2021, como xa o foi en 2019. Nese ano, o sector enerxético deixou de ser o primeiro causante de cambio climático desde Galicia, grazas ao brusco descenso da produción eléctrica con carbón desencadeado pola suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións. Con todo, en 2020 o sector enerxético aínda orixinou un 18% das emisións. Unha achega un pouco inferior á da industria (e uso de produtos como os HFC) e á da agricultura e gandaría (se se excluíren as emisións da maquinaria).
O transporte volverá ser seguramente o maior sector emisor en 2021, como xa o foi en 2019. Nese ano, o sector enerxético deixou de ser o primeiro causante de cambio climático desde Galicia, grazas ao brusco descenso da produción eléctrica con carbón desencadeado pola suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións
As emisións do resto de sectores son ben menores, aínda que nada desprezábeis, salientando entre elas as emisións directas dos nosos fogares debidas ao consumo de enerxía fósil.
As emisións territoriais galegas reducíronse nun 35,9% con respecto a 1990. Nesta década decisiva para o combate á crise climática deberían baixar até polo menos o 65%. Non será fácil e, polo de agora, nin sequera temos unha folla de ruta. A Xunta asumiu recentemente o obxectivo do -55% para 2030, mais aínda non revisou a súa estratexia climática aprobada en 2019, que tan só aspira a un recorte dun 25%.
Notas
1. A unidade empregada é o CO2 equivalente (CO2eq), que ten en conta a capacidade de xerar quecemento global de todos os GEI considerados, en relación ao principal deles, o CO2. Tamén cómpre aclarar que non se inclúen, pois non se consideran na fixación dos obxectivos de redución de emisións, as emisións de GEI do transporte marítimo e a aviación internacional e as de CO2 ligadas á combustión de biomasa. Por outra banda, e para simplificarmos a gráfica, as chamadas “emisións fuxitivas”, asociadas ao proceso do refino de petróleo e ao transporte e distribución do gas fósil, inclúense no sector enerxético, mentres que as emisións de “outros”, englobadas na categoría “procesado da enerxía” do inventario oficial, e que ascenderon a 15.050 toneladas de CO2 eq en 2020, non se representan.
2. As emisións dos hidrofluorocarbonos (HFC), perfluorocarbonos (PFC) e do hexafluoruro de xofre (SF6) agrúpanse na categoría de gases fluorados.
3. Na clasificación máis usada á hora de divulgar as emisións, as da maquinaria agrícola (e forestal) debidas ao consumo de enerxía fósil agrúpanse en “outros sectores”, xunto coas de fogares, comercios, edificios públicos e pesca, englobadas no “procesado de enerxía” (non confundir con “outros” citados na nota 1).
Por outro lado, e para simplificarmos a gráfica, non se representa unha parte moi pequena das emisións do sector agrario: as de CO2 derivadas da fertilización con urea e da aplicación de fertilizante con carbono e máis as de CH4 e N2O (como xa vimos, as de CO2 exclúense) provocadas polas queimas agrarias (21.486 t e 248 t de CO2 eq, respectivamente).