O Estado español recibirá ao redor de 140.000 millóns de euros ao abeiro do Fondo Europeo de Recuperación aprobado para loitar contra as consecuencias sociais e económicas da pandemia de Covid-19, a metade como préstamos e a outra metade a fondo perdido aínda que condicionados á realización dunhas determinadas políticas. A metade dos fondos serán xestionados polas comunidades autónomas.
As concentracións están convocadas na Coruña, Chantada, Compostela, Pontevedra, Ourense, Ordes, Betanzos, Lugo, Vigo, Vilagarcía, Vilalba e Ferrol
Unha ducia de entidades sociais (Sindicato Labrego Galego, Amigos da Terra, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Organización galega de comunidades de montes, Extinction Rebelion, Verdegaia, Plataforma veciñal mina Touro O Pino Non, Petón do Lobo, Salvemos a Comarca de Ordes, Asociación Espazo Agroecolóxico A Estruga, Nais polo Clima e Stop Desafiuzamento) convoca concentracións para este sábado pola mañá na Coruña, Chantada, Compostela, Pontevedra, Ourense, Ordes, Betanzos, Lugo, Vigo, Vilagarcía, Vilalba e Ferrol para protestar contra a maneira en que se reparten este fondos europeos de recuperación Next Generation.

As entidades convocantes piden que os fondos de recuperación non sirvan para seguir aumentando "os beneficios económicos de grandes empresas contaminantes que vulneran os dereitos das persoas traballadoras"
Estas concentracións reclaman á Xunta e ao Goberno central "transparencia" na toma de decisións e nos criterios de adxudicación, esixindo "un proceso de participación pública vinculante para decidir o destino dos cartos". Tamén se pide a priorización da contratación para proxectos estratéxicos de desenvolvemento local, centrar o destino do orzamento "nunha verdadeira transición ecolóxica e a descarbonización da economía".
Reclámase igualmente que os proxectos prioricen a colaboración público-comunitaria e dean prioridade "ao apoio de iniciativas de persoas autónomas, labregas, mariñeiras artesás, cooperativas e pemes por ser os segmentos laborais que máis empregos xeran e máis repartidos están por toda a xeografía galega". Finalmente, demándase máis investimento para saúde, educación, investigación, coidados e cultura.
As entidades convocantes piden que os fondos de recuperación non sirvan para seguir aumentando "os beneficios económicos de grandes empresas contaminantes que vulneran os dereitos das persoas traballadoras" e denuncian que o Goberno español, a través da publicación do RD 26/2020, "anuncia como pedra angular a colaboración público-privada". Ademais, "limita as posibilidades de acceso, impoñendo uns investimentos mínimos que unicamente poden cumprir os grandes proxectos corporativos dunhas poucas empresas", sinalan.
A Xunta "semella ter repartido xa o pastel, enfocando unha gran parte dos recursos cara á industria enerxética e as empresas que pretenden lucrarse cun novo espolio dos recursos do sector forestal galego"
En Galicia, apuntan, a Xunta "semella ter repartido xa o pastel, enfocando unha gran parte dos recursos cara á industria enerxética e as empresas que pretenden lucrarse cun novo espolio dos recursos do sector forestal galego". As entidades sociais que convocan a protesta relacionan o reparto de fondos coa a Lei de Simplificación administrativa e Reactivación Económica de Galicia, que se está a tramitar no Parlamento galego e que está "feita a medida das empresas extractivistas de enerxía e outros proxectos especulativos", denuncian.