Unha nova lei ao servizo do IBEX 35

© Iberdrola

Xunta e PP utilizan a administración e a lexislación para favorecer os intereses das multinacionais e o espolio dos recursos do país: son a xestoría dos negocios de ENCE, INDITEX, IBERDROLA, GAS NATURAL, EDP, PEMEX… Por se non era aínda evidente, deixouno claro Núñez Feixóo cando anunciou a creación dunha comisión para planificar e promover os proxectos que optarán aos fondos Next Generation da UE: “o obxectivo é poñer en valor os recursos naturais da comunidade”, o que traducido a roman paladino ven sendo poñer a riqueza do país nas mans das empresas do IBEX.

Xunta e PP utilizan a administración e a lexislación para favorecer os intereses das multinacionais e o espolio dos recursos do país

Mais para facelo era necesario un “tour de force” no entramado lexislativo do espolio. É por iso que se anuncia unha sorte de lei de depredación perfeccionada e máis sofisticada que ten como finalidade satisfacer os apetitos insaciábeis das transnacionais. 

Tal como fixo coa versión orixinal (Lei de depredación de 2017), o PP usa a fórmula da proposición de lei no parlamento pola vía de urxencia, o que se traduce nunha tramitación expréss e na substracción dos procedementos de participación pública: omítense os trámites de consulta aos sectores e administracións afectados, de información pública para presentación de alegacións, o sometemento aos órganos sectoriais consultivos e o preceptivo informe do Consello Económico e Social. A única fenda para a participación é o procedemento aberto no parlamento co programa “Lexisla con nós” que permite a achega de comentarios por parte das persoas e entidades interesadas.

As bulldozer administrativa e lexislativa do PP pretenden satisfacer a voracidade das industrias extractivas, que ven na achega masiva de fondos europeos de “reconstrución” unha grande oportunidade para o negocio rápido, adubiado se é mester coa retórica de moda: resiliencia, crecemento verde, enerxía renovábel, economía circular, transición enerxética e desenvolvemento sustentábel

Tal como fixo coa versión orixinal (Lei de depredación de 2017), o PP usa a fórmula da proposición de lei no parlamento pola vía de urxencia, o que se traduce nunha tramitación expréss e na substracción dos procedementos de participación pública

En realidade, a práctica vai no sentido contrario, coa luz verde a proxectos depredadores dos recursos naturais, ás veces mesmo con impactos en espaos protexidos como Rede Natura, iniciativas chamadas estratéxicas e que prevén a transformación de grandes áreas do monte en auténticos polígonos industriais dedicados á extracción de madeiras de crecemento rápido e a megaproxectos de aproveitamento eólico. 

Logo de aprobar en 2013 a Lei de emprrendemento e da competitividade económica e en 2017 a Lei de de fomento da implantación das iniciativas empresariais, coñecida como “Lei de depredación”, normas que ían marcar fitos históricos na simplificación administrativa e nas facilidades á implantación de empresas, o PP promove unha norma con obxectivos semellantes ( a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica), que supón un novo cabalo de Troia perfeccionado e ampliado para blindar os intereses dos grandes grupos económicos e poñer as adminsitracións e os recursos do pais ao seu servizo.

Velaquí algunhas das principais cargas de profundidadde da nova norma:

 

1. Unha lei contra os intereses do país. 

A Xunta pretende reforzar aínda máis as prácticas abusivas, que lle dan un enorme poder ás empresas promotoras sobre as persoas e entidades propietarias das terras

A Xunta pretende reforzar aínda máis as prácticas abusivas, que lle dan un enorme poder ás empresas promotoras sobre as persoas e entidades propietarias das terras. A nova norma facilita as condicións e as vantaxes para a declaración de proxectos industriais estratéxicos e as iniciativas empresariais prioritarias. Na práctica créase un auténtico “dereito de pernada” urbanístico para os proxectos estratéxicos, tal como se recolle na Disposición adicional segunda. Unha estratexia perfectamente coincidente e complementaria cos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) regulados noutra norma de aprobación inminente, a Lei de “ordenación” do territorio.

A nova norma prevé converter toda Galiza en área de potencial desenvolvemento eólico, máis alá do establecido no Plan Sectorial.

Regula o procedemento de “gobernanza” (sic) dos fondos de recuperación, legalizando a actuación da Xunta (retroactivamente) e mantendo a opacidade e falta de transparencia que caracteriza a actuación do goberno galego

Establece o silencio positivo como norma na emisión de informes, se non se emiten no prazo de tres meses/ou no prazo reducido de un mes para os proxectos que se poidan acoller a esta modalidade.

Ademais, devalúa a protección do patrimonio cultural e os informes do departamento con competencias na materia (Disposición derradeira quinta)


2. Unha lei de privatización da administración pública.

Un dos aspectos máis comprometidos da nova regulamentación ten que ver coa creación dunha especie de administración privada paralela na que a Xunta delega a tramitación e a inspección ambiental

Un dos aspectos máis comprometidos da nova regulamentación ten que ver coa creación dunha especie de administración privada paralela na que a Xunta delega a tramitación e a inspección ambiental: o banco de suxeitos expertos e a as entidades de colaboración ambiental.

Establécese que no banco de suxeitos expertos “figurarán os organismos e persoas aos que o órgano ambiental poderá solicitar os informes de carácter científico ou técnico nos procedementos de avaliación ambiental”. 

Ao mesmo tempo crea as entidades de colaboración ambiental (artigo 41.1), que poden mesmo substituir a administración na inspección ambiental.

Por outra parte, a nova lei arrasa coa autonomía e as competencias municipais en materia urbanística. Impón a non suxeición aos títulos habilitantes urbanísticos de competencia municipal para proxectos estratéxicos. A disposición derradeira segunda establece que “As determinacións contidas nos proxectos industriais estratéxicos terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, que deberá adaptarse a elas no prazo de 1 ano dende a data da súa aprobación e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión del”.

 

3. Unha lei contra Natura

Un dos aspectos máis controvertidos da lei está no lasser faire en materia ambiental. Ademais da privatización de funcións da administración nesta materia, inclúe as seguintes determinacións:

  • Eliminación de garantías nos procedementos de avaliación ambiental (artigo 31).
  • Rebáixanse as garantías de protección dos espazos declarados Rede Natura (Artigo 39 e seguintes) introducindo expresións subxectivas en relación coa afección “apreciabel” a estes espazos.
  • Créase un procedemento integrado das autorizacións administrativas para as instalacións de produción, distribución e transporte de enerxía eléctrica de competencia autonómica (artigo 43 e seguintes). Prevé entre outras cuestións a exención do trámite de información pública nalgúns supostos (artigo 50)
  • Supón unha maior desprotección da Rede Natura e contempla na Disposición derradeira décimo segunda a adaptación da Rede Natura ás esixencias da lei.

Un modus operandi xa coñecido, corrixido e aumentado, para poñerlle a alfombra aos grupos económicos que dictan as leis e os procedementos da administración galega, cun alto custo en degradación das paisaxes e dos ecosistemas, con impactos sociais e económicos moi negativos

En definitiva, un modus operandi xa coñecido, corrixido e aumentado, para poñerlle a alfombra aos grupos económicos que dictan as leis e os procedementos da administración galega, cun alto custo en degradación das paisaxes e dos ecosistemas, con impactos sociais e económicos moi negativos, e con procesos de despoboamento e desertización galopantes nas terras do maná forestal e eólico.

O uso e abuso da maioría absoluta para impoñer normas arbitrarias e inxustas podería conducir á resignación e ao desánimo. Iso é precisamente o que busca o PP: unha sociedade aletargada, submisa, sometida pola propaganda e polos abalorios. Mais a realidade é moi diferente e en todos os recantos do país xorden movementos, plataformas e colectivos que loitan en defensa do territorio e da dignidade. E gañan batallas como no Iribio e Sadónigas, símbolos de que non todo vale e de que outro país e posíbel. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.