O Goberno galego inicia a elaboración das súas contas priorizando “os medios e o persoal precisos no eido sociosanitario” pero tamén “un Xacobeo 2021 que se desenvolva con éxito nas actuais condicións”
Catro meses máis tarde que o pasado ano, tras a celebración de eleccións galegas e a alteración do ritmo da administración polo coronavirus, a Consellería de Facenda iniciou de xeito oficial este martes a elaboración dos orzamentos públicos galegos para o próximo exercicio, o 2021, unhas contas nas que o Goberno galego priorizará que se garantan “os medios e o persoal precisos no eido sociosanitario”, “paliar os efectos da crise nos máis desfavorecidos” e “apoiar os sectores produtivos estratéxicos”, especialmente “un Xacobeo 2021 que se desenvolva con éxito nas actuais condicións”. Para eses gastos e investimentos a Xunta asume que non vai dispoñer de máis fondos propios que este ano, polo que confía na chegada de recursos estatais e europeos.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) deste martes publica as instrucións ditadas por Facenda para elaborar os orzamentos de 2021, un documento no que a consellería de dirixe Valeriano Martínez establece as prioridades para o resto de departamentos e reflexiona sobre a situación rexistrada nos últimos meses polo coronavirus. Segundo prognostica, “o impacto da pandemia suporá unha importante baixa do PIB neste 2020, do cal boa parte se recuperará cunha volta gradual á normalidade no ano 2021, polo que se experimentaría un forte rebote en 2021”. “A aceleración da prevista saída en V aberta que prognostican os principais centros de prospectiva económica marcan as prioridades de actuación dos orzamentos nesa senda de recuperación, coa intención de que sexa o máis curta no tempo posible e de mitigar os seus efectos nas familias e empresas”, sinala como liña xeral de actuación.
Hai menos dun mes Feijóo gabouse da perda de 111 millóns de euros nun ano por rebaixas de impostos, especialmente ás herdanzas de máis de 400.000 euros
Sobre os ingresos, e tras gabarse Feijóo hai menos dun mes da perda de 111 millóns de euros nun ano por rebaixas de impostos, especialmente ás herdanzas de máis de 400.000 euros, Facenda sinala que en 2021 haberá outra “previsible baixa de recadación tributaria dimanante dos axustes de prezos e rendas que seguen a todo shock económico”. Por iso, prognostica que “os fondos propios dispoñibles non serán superiores aos do exercicio precedente”.
Ante esa limitación de ingresos Facenda sinala que “o vixente sistema de financiamento autonómico precisa ser complementado en primeira instancia para manter as contías do presente exercicio con recurso ao endebedamento, e en segunda e na medida en que non está deseñado para financiar episodios de carácter extraordinario como o vivido, con fortes impactos nas políticas de gasto de competencia autonómica (sanidade, política social, educación e dinamización económica), polo que segue a ser precisa unha achega adicional de recursos, en liña co fondo COVID 2020” distribuído polo Estado ás comunidades autónomas. Ademais deses ingresos propios, do sistema de financiamento autonómico e do fondo COVID, Facenda engade que “a Unión Europea, consciente do alcance dos efectos económicos da pandemia, mobilizará un importante continxente de fondos ao redor do programa Next Generation UE”.
Todos eses ingresos destinaranse, no apartado de gastos, a catro prioridades, que Facenda enumera:
- “a) Garantir os medios e o persoal precisos no eido sociosanitario para que Galicia sexa un territorio que manteña controlada a evolución da pandemia e os seus efectos. Garantir, así mesmo, o funcionamento duns servizos educativos seguros e de calidade.
- b) Paliar os efectos da crise nos máis desfavorecidos
- c) Dar continuidade ás políticas de dinamización económica. Concretamente, apoiar os sectores produtivos estratéxicos salientados no Plan de reactivación e dinamización 2020/2021 e no PEG [Plan Estratéxico de Galicia], a través da modernización da estrutura económica de Galicia, fomentando un tecido produtivo moderno, eficiente, innovador, internacionalizado e sustentable que xere máis empregos de máis calidade, aproveitando as necesarias reformas para impulsar as transicións verde e dixital. Especialmente, impulsar un Xacobeo 2021 que se desenvolva con éxito nas actuais condicións.
- d) Abordar unha reforma da Administración pública autonómica de cara a un servizo ao cidadán máis accesible, áxil e de máis calidade, e máis eficiente, dixital e transparente".
As instrucións orzamentarias para 2021 xa non falan de "estabilidade orzamentaria" como se fixo para este 2020 senón de "adaptarse á taxe de referencia de déficit" establecido a nivel estatal para as comunidades
As prioridades para o próximo ano aparecen así máis xerarquizadas e detalladas que as establecidas hai máis dun ano para este 2020, cando se falaba de xeito xenérico de “potenciar o benestar e a cohesión social e territorial dos galegos, sen descoidar o apoio aos sectores estratéxicos” e se apostaba por reforzar “o esforzo orzamentario dedicado a cohesión social e benestar para que todas as persoas galegas poidan beneficiarse dos froitos da recuperación económica, principalmente os que máis o precisan, e en competitividade para xerar máis emprego e de maior calidade, para o que seguiremos a apostar pola I+D+i, as axudas ás pemes e autónomos e a preparación do Xacobeo 2021”.
A orde de elaboración dos orzamentos para o próximo ano tamén se diferencia da ditada o pasado ano para este 2020 en que aquela sinalaba que o escenario financeiro deseñado pola administración galega “axustarase ao obxectivo de estabilidade orzamentaria, á regra de gasto e ao límite de débeda que se acorde para a Comunidade Autónoma de Galicia, e no marco do Consello de Política Fiscal e Financeira. Pola contra, a orde deste ano para 2021 xa non fala da estabilidade orzamentaria senón que sinala que o escenario financeiro “adaptarase á taxa de referencia de déficit para as comunidades autónomas sometida a informe do Consello de Política Fiscal e Financeira”.
Unha mudanza que chega despois de que hai unha semana o Goberno central comunicase ás comunidades autónomas a suspensión das regras fiscais para 2020 e 2021 tras autorizalo así a UE. Malia que xa non existirá unha “senda de estabilidade”, o Estado si comunicou ás comunidades a “taxa de referencia de déficit” citada por Facenda, do 1,1% do PIB segundo o ministerio (o 2,2% do que a Administración central di estar disposta a asumir a metade), co obxectivo de servir de “guía”.