O Goberno galego di que as contas para 2020 están condicionadas por mudanzas “externas a Galicia” como “gobernos inestables incapaces de afrontar plans reformistas de calado”
O Goberno galego vén de iniciar a elaboración dos orzamentos da Xunta para o próximo ano coa publicación no Diario Oficial de Galicia por parte da Consellería de Facenda de instrucións para que cada departamento faga as súas propostas. Nelas consolídase o Xacobeo 2021 como un dos principais, senón o principal, proxecto estratéxico de Feijóo, que o menciona na maioría dos seus discursos, para esta lexislatura que remata o próximo ano e do que estas contas serán as últimas. Un Xacobeo ao que a Xunta encomenda a creación de “máis emprego e de maior calidade” a través da mellora da competitividade.
As contas para 2020 priorizarán “a cohesión social e benestar” e a competitividade “para xerar máis emprego e de maior calidade, para o que seguiremos a apostar pola I+D+i, as axudas ás pemes e autónomos e a preparación do Xacobeo 2021”
As instrucións ditadas este xoves no DOG, a diferenza das do ano pasado, alertan de que as contas para 2020 enfróntanse a unha “muda de condicións externas a Galicia, adversas tanto no que atinxe á incerteza política e macroeconómica (gobernos inestables incapaces de afrontar plans reformistas de calado) como económica (desaceleración europea, Brexit, agresividade comercial USA)”.
Unha argumentación que non se atopaba nas instrucións para elaborar os orzamentos deste ano pero que, desde que mudou o Goberno central, vén sendo empregada polo PP acotío contra el cada vez que os indicadores macroeconómicos ou de emprego ofrecen malos resultados para Galicia. “A estabilidade de Galicia segue protexendo aos galegos do efecto Sánchez de destrución do emprego”, é unha das frases habituais do número 2 dos populares galegos, Miguel Tellado.
As instrucións para as contas de 2020 agora ditadas pola Xunta sinalan tamén que “estes orzamentos terán unha orientación especial ao gasto de persoal, aos investimentos e á programación do Xacobeo 2021, que permitirá capitalizar os recursos da recuperación económica así como reforzar a capacidade de crecemento potencial da nosa economía”. E engaden que a asignación de recursos priorizará “a cohesión social e benestar” e a competitividade “para xerar máis emprego e de maior calidade, para o que seguiremos a apostar pola I+D+i, as axudas ás pemes e autónomos e a preparación do Xacobeo 2021”.