Nostalxia de Pelegrín: así é a marca do Xacobeo 2021

Marca rexistrada por Turismo para o Xacobeo 2021 Dominio Público EUIPO

No ronsel de restaurantes, albergues, hoteis e demais negocios que desenvolven a súa actividade ao longo dos Camiños de Santiago proliferan toda caste de nomes e símbolos, pero hai un elemento que prepondera mesmo por riba de vieiros, caxatos e frechas amarelas. Vinte e cinco anos despois do primeiro Xacobeo moderno, o de 1993, a súa mascota e principal emblema segue salferindo rótulos comerciais e os máis diversos elementos decorativos; o emblemático Pelegrín é protagonista en debuxos, pósters e mesmo recreacións tridimensionais. No entanto, non semella que a Xunta manexe entre os seus plans recuperar a histórica mascota. Non á vista da marca que vén de rexistrar para promocionar o vindeiro Xacobeo no Estado e na Unión Europea, a marca X 21.

Cando, no ano 2009, o PP regresou ao poder na Xunta, algunhas das súas primeiras decisións foron orientadas a eliminar con rapidez calquera rastro simbólico do Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Logotipos e demais identidades gráficas das consellerías ou as icónicas Galescolas pasaron á historia, pero tamén o fixo o logotipo que a antiga Consellería de Innovación e Industria deseñara para o Xacobeo 2010. No seu lugar o daquela conselleiro de Cultura, Roberto Varela, anunciara a recuperación dos vellos logotipos dos tempos de Fraga -un círculo formado por vieiras- e con eles, a figura do Pelegrín, aínda que "cun look máis moderno e máis actual". "É lóxico recuperar o que sempre funcionou", sinalara o Goberno galego, que só recorreu dende ese momento ao personaxe para usos puntuais como unha exposición.

Ao retornar á Xunta o Goberno do PP desbotou o novo logotipo do Xacobeo e recuperou os da época Fraga, pero finalmente desbotou o retorno de Pelegrín

Efectivamente, os vellos logotipos volveron. Pero Pelegrín non, por "anticuado", segundo dera en sinalar a Consellería, que tamén puxera en circulación unha identidade gráfica na que un número 1 e unha vieira -outra vieira máis- formaban o número 10. Esa é a identidade gráfica que Turismo de Galicia vén de recuperar para lanzar a marca X 21, cuxo proceso de rexistro comezou o pasado 30 de maio tanto na Oficina Española de Patentes y Marcas como na Oficina de Propiedade Intelectual da Unión Europea.

Turismo vén de rexistrar a marca 'X 21' na Oficina Española de Patentes y Marcas e mais na Oficina de Propiedade Intelectual da UE, o que a priori evita litixios como os ligados á marca Xacobeo 93

Nunha xestión canalizada a través da sede madrileña da empresa Gallaecia Patentes y Marcas -que tamén desenvolve a súa actividade en Santiago e que cobrou 10.600 euros polo trámite ante o organismo da UE-, a Axencia Turismo de Galicia procura asegurar o dereito de explotar en exclusiva a marca X 21 coa forma e cores rexistrados para todo tipo de elementos, dende autocolantes a elementos decorativos ata produtos farmacéuticos, papelaría, prendas de vestir, publicacións ou servizos de restauración e hospedaxe. Tamén figuran no rexistro aplicacións como insturmentos musicais, ferramentas, aparellos de aire acondicionado, vehículos, tabaco ou servizos veterinarios, entre outros.

Con este rexistro de amplo espectro Turismo de Galicia evita, a priori, conflitos como os xurdidos ao fío do Xacobeo 93 e outras marcas turísticas do Goberno galego. Así, por exemplo, a marca 'Xacobeo-93' non fora rexistrada coa suficiente premura por parte da Xunta de Fraga e, cando o foi facer, xa o fixera un empresario monfortino que tamén protagonizou numerosas controversias no eido da política local. O empresario litigou durante anos coa Administración autonómica nos tribunais e, aínda que a Xunta acabara gañando o pleito, nese período comercializou produtos coa marca á marxe da empresa pública do Xacobeo.

O inmortal Pelegrín, creado para promocionar o Xacobeo 93 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.