Cando, no ano 2009, o PP regresou á Xunta tras apenas tres anos e medio de ausencia, unha das súas primeiras decisións foi eliminar rapidamente calquera rastro simbólico que puidese quedar do Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Desapareceron os logotipos e identidades gráficas das consellerías e os seus departamentos, foron eliminados nomes e imaxes das icónicas Galescolas e diversas denominacións regresaron aos tempos de Fraga.
O ex-conselleiro Roberto Varela anunciara a recuperación do Pelegrín para o Xacobeo 2010, pero o plan quedara desbotado; agora Turismo vén de contratar o "deseño gráfico da nova identidade visual" do popular personaxe
Froito daquel proceso caeu tamén o logotipo que a desaparecida Consellería de Innovación e Industria implantara con vistas ao Xacobeo 2010, que foi remudado polo que empregara a Xunta en 1999 e 2004, un círculo formado por vieiras. Inicialmente, o daquela conselleiro de Cultura, Roberto Varela, anunciara que o revival afectaba tamén ao emblemático Pelegrín. "É lóxico recuperar o que sempre funcionou", explicara, ademais de anunciar un "look máis moderno e actual" para o popular personaxe, que nos anos 90 foi presentado con numerosas caracterizacións.
Aquel anuncio nunca se cumpriu. Os vellos logos regresaron xunto con algún novo, pero o Goberno galego considerou, finalmente, que Pelegrín estaba "anticuado". Neste tempo o personaxe creado para o Xacobeo 93 polo deseñador Luis Carballo, recentemente falecido, estivo ausente da cartelaría e eventos oficiais -agás contadas excepcións- pero moi presente en multitude de locais e instalacións ligadas ao Camiño de Santiago. Pero semella que esa ausencia ten data de caducidade. Non en van, a Xunta vén de contratar o deseño dunha "nova identidade visual" para Pelegrín.
O contrato chega na preparación do Xacobeo 2021 e en plena reestruturación da Sociedade Anónima do Xacobeo, cuxo xerente vén de cesar no cargo
A Axencia Turismo de Galicia vén de asinar un contrato de 12.795 euros co estudio de deseño gráfico de Nuria Carballo, filla do autor orixinal -a súa compañía ten sedes en Vigo, Madrid, Lisboa e Londres e actualmente opera comercialmente co nome Unconventional London- que ten como obxecto o "deseño gráfico da nova identidade visual de Pelegrín". Esta contratación prodúcese en pleno proceso de preparación do Xacobeo 2021, evento para o que a Xunta creou un cargo específico -a comisaria do Xacobeo- que vén de adquirir máis peso tras o cesamento do ata agora xerente da Sociedade Anónima do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela.
Se tras este redeseño a Xunta decide recuperar a Pelegrín a popular mascota convivirá coa nova marca oficial do Xacobeo, rexistrada formalmente a mediados de 2018 e xa empregada de xeito cotián polo Goberno galego en numerosos soportes. Regresaría así un personaxe que nestes anos só foi recuperado en clave de nostalxia, como nunha exposición, en decembro do ano pasado, sobre o vixésimo quinto aniversario da declaración do Camiño de Santiago como patrimonio mundial da humanidade.