Pelegrín volve a un acto da Xunta na inauguración en Santiago dunha exposición de fotografías sobre o XXV aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade.

Pelegrín volve a un acto da Xunta na inauguración en Santiago dunha exposición de fotografías sobre o XXV aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade.
O comité de folga da CRTVG intenta, sen éxito, entregarlle a Feijóo as súas reivindicacións sobre os medios públicos. "Un dispositivo policial e a falta de vontade do presidente" impediu que o xefe de Executivo coñecese de primeira man as demandas dun colectivo que a próxima semana celebra unha xornada de folga de 24 horas.
A película Trinta lumes, da galega Diana Toucedo, nominada a mellor documental nos Premis Gaudí do cinema catalán.
Este martes comeza en Pontevedra o festival Novos Cinemas, que conta con 15 películas nas súas seccións competitivas e cunha retrospectiva da cineasta lisboeta Teresa Villaverde.
A dirección de En Marea afirma que a "auditoría" da formación verifica "a entrada de catro persoas non autorizadas" no seu censo no marco das eleccións internas, que seguen sen data. "Non se puido verificar se estas persoas modificaron o censo", se ben "verificaron algunhas fichas e algún DNI", di Gonzalo Rodríguez no nome da Coordinadora e como responsable do censo. O Comité Electoral das primarias comparece este serán en Santiago para explicar a súa posición.
Theresa May cancela a votación sobre o Brexit no Parlamento para evitar unha dura derrota. A primeira ministra acaba de confirmalo na Cámara.
Manuel Rivas, Antón Losada, Suso de Toro, Pedro Feijóo ou Antón Reixa asinan un manifesto piden a liberdade dos presos cataláns e que o TC non paralice o acceso á xustiza europea.
Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez entrevistáronse hoxe con Oriol Junqueras e Jordi Cuixart no cárcere de Lledoners. Os dirixentes e Anova trasladaron o "apoio e a solidariedade activa" da súa formación cos "presos políticos e exiliados".
A Garda Civil destrúe nunha canteira de Tui explosivos incautados á pirotecnia ilegal que estoupou o pasado maio na vila causando dúas mortes. Entre o material destruído en Tui e o que xa fora estoupado controladamente noutra canteira de Oia suman uns 2.800 quilos. Podes ver o vídeo con maiores dimensións nesta ligazón.
O Wall Street Journal dedícalle unha reportaxe a Galicia e á súa gastronomía e produción vinícola. O texto, publicado na revista dixital do xornal económico, destaca o traballo de dúas pequenas adegas da Ribeira Sacra e Rías Baixas, dous restaurantes en Vigo e O Grove ou a artesanía cesteira no casco vello da cidade olívica. A reportaxe subliña que os produtos de calidade están a darlle "unha nova vida" ao territorio